A colleita 2019 da D.O. Monterrei cualificada de ‘moi boa’

A cata de cualificación celebrouse na sede do Consello Regulador e participaron sete expertos. Nos brancos destacan a mestura de variedades e nos tintos a óptima maduración

Publicidade
A colleita 2019 da D.O. Monterrei cualificada de ‘moi boa’

Momento da cata de cualificación dos viños na sede do Consello Regulador da DO Monterrei.

A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, sita en Verín (Ourense), acolleu na mañá do xoves a Cata de Cualificación da Colleita 2019. Nesta cata participaron representantes de asociacións profesionais e do panel oficial da denominación, que cualificaron como ‘moi boa’ a colleita do 2019 dos viños de Monterrei.

O equipo de catadores destacou nos brancos os matices que aporta a mestura de variedades, mentres que nos tintos foi determinante o grao de maduración. “Nos brancos, destaca a diversidade orixinada nos viñedos pola mestura de variedades, balanceando recordos de froitas e flores, coa frescura de carácter oceánico propio da colleita. Nos tintos sobresae unha óptima maduración que deu lugar a viños con aromas propios dos varietais da denominación”, apuntaban os expertos nas súas valoracións durante a cata.

Na cata participou unha representación proporcional de viños da denominación, co obxectivo de valorar así a presente colleita. As mostras foron analizadas por cada un dos catadores a cegas, para garantir criterios de obxectividade ó tratarse de mostras anónimas. A nota final resultou do cálculo da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras. Nesta valoración incluíronse tanto as referencias dos viños brancos coma dos tintos. Finalmente, esta puntuación trasládase a unha táboa de correspondencias da que se obtén a cualificación da colleita.

O panel de cata, que foi recibido pola presidenta do Consello Regulador Lara Da Silva, estivo integrado polos seguintes expertos: Alejandro Paadín, vicepresidente da Asociación de Sumilleres de Galicia “Gallaecia”; Constantino Iglesias, presidente da Asociación de Catadores de Galicia; Cristalina Álvarez, integrante da Asociación de Enólogos de Galicia; Eladio Osorio, xerente de Queixería RS Delicatessen; Luis Congil, xornalista e investigador da historia do viño e Rebeca André e César González, ambos integrantes do Panel Oficial do Consello Regulador da DO Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información