Colaboración entre a Xunta e o Ligal para reforzar a seguridade alimentaria

O convenio foi elevado ante o Consello da Xunta e busca monitorizar fungos que poden existir en pensos e tamén residuos medicamentosos presentes no leite producido en Galicia

Colaboración entre a Xunta e o Ligal para reforzar a seguridade alimentaria

A Consellería do Medio Rural impulsa un convenio de colaboración co Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite de Galicia (Ligal) para reforzar a seguridade alimentaria e a calidade do leite galego. Estará vixente ata o ano 2028 e conta cun orzamento total de 164.000 euros, segundo se recolle no proxecto de acordo elevado ante o Consello da Xunta.

Así, vaise monitorizar a presenza de aflatoxinas e residuos medicamentosos no leite que se produce na comunidade galega. As aflatoxinas son substancias producidas polo fungo aspergillus flavus que poden chegar a existir nalgúns pensos; así como nas materias primas que se utilizan para elaboralos. É importante sinalar que existe un límite máximo de presenza de aflatoxinas do leite pero, no caso de detectarse niveis superiores aos permitidos, non pode comercializarse.

O proceso de seguimento para reforzar este control levarase a cabo aproveitando o sistema de recollida de mostras refrixeradas implementado xa no Ligal. Cómpre lembrar que Galicia é a primeira produtora nacional de leite de vaca, unha produción cun importante impacto na economía que, ademais, contribúe a xerar emprego e a manter a poboación rural.

A Consellería do Medio Rural afirma que está a revisar todos os novos contratos para certificar que non hai incumprimentos e así protexer aos produtores

Este convenio enmárcase dentro do compromiso da Xunta de Galicia por manter a posición de Galicia como un referente no sector lácteo. Na actualidade este eido está a vivir unha situación complexa por mor da baixada do prezo en orixe. Así, a Consellería do Medio Rural afirma que está a revisar todos os novos contratos para certificar que non hai incumprimentos e protexer aos produtores. De xeito complementario, intensificáronse os controis para vixiar a trazabilidade e a etiquetaxe do leite ante a entrada de cisternas doutros países da Unión Europea.

Calquera indicio de irregularidade que se detecte remitirase á Comisión Galega de Competencia e, de ser necesario, ás autoridades nacionais deste mesmo ámbito. Tamén se ten solicitado colaboración por parte da Axencia de Información e Control Alimentarios, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Segundo explican, tamén esixen ao Goberno central implicación neste asunto. Do mesmo xeito, demandan contundencia, asegurando o cumprimento da Lei da cadea alimentaria e a mellora desta norma. De xeito máis concreto, solicítase a necesidade de modificación da Lei da cadea alimentaria para que estableza un sistema de cálculo dos custos de produción e mellore a súa eficacia coa publicación dun índice trimestral; ademais de actualizar o Paquete Lácteo para garantir que os produtores cubran os seus custos de produción no caso de acumular máis de tres meses consecutivos de perdas e que poidan rexeitar ofertas por razóns de prezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información