‘Coidando a saúde das abellas coidamos a saúde das persoas’

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) desenvolverá este xoves, con motivo do Día Mundial das Abellas, actos de apoio á protección e supervivencia das abellas para escolares e o público en xeral no Enredo do Abelleiro, en Arzúa

Colmea de abellas para polinizar maceiras

Colmea de abellas nunha plantación de maceiras para mellorar a súa polinización

Este xoves, 20 de maio, celebramos o Día Mundial das Abellas, que foi instaurado no ano 2017 pola FAO para defender a existencia das abellas, así como dos polinizadores, diante da súa progresiva desaparición, co obxecto de garantir a fertilización das plantas e dos cultivos (contribúen á fecundación do pole de 87 dos 115 principais cultivos do mundo), a conservación da biodiversidade e a sustentabilidade da alimentación humana global (ao melloraren a produción), así como a propia supervivencia da agricultura e a saúde dos consumidores.

A produción de 87 dos 115 principais cultivos do mundo dependen da contribución das abellas e de outros polinizadores

Para este efecto, as abellas son un indicador biolóxico da saúde dos nosos campos e montes, un barómetro da nosa natureza, porque onde elas proliferan adecuadamente estase a demostrar que hai un rica e variada diversidade floral, e producen mel e pole en abundancia, mais nas zonas onde decae a existencia das colmeas algo está a suceder na natureza ou nos cultivos que non garante a súa natural supervivencia. Na nosa comunidade autónoma preséntansenos ambas as caras da situación.

As abellas son un indicador biolóxico da saúde dos nosos campos e montes, un barómetro da nosa natureza. Se non hai saúde para as abellas tampouco haberá saúde e benestar para a especie humana

En Galicia temos da orde dun 30-40% de perdas todos os anos de colonias abellas (algo absolutamente inaceptable en ningunha gandaría nin actividade agrícola ou ambiental) por múltiples factores producidos ou traídos polo ser humano: o cambio climático (xeadas tardías, seca, floracións irregulares…), o uso de praguicidas e herbicidas en todos os cultivos convencionais, a aplicación de biocidas ao aire libre, a agricultura intensiva e os monocultivos forestais (eucalipto e piñeiro) e agrícolas (millo e pastos de ensilaxe), o cambio de uso das terras, as rozas do monte inaxeitadas e intemporais, a plantación de árbores sen florescencia nos ciclos curtos, a destrución dos hábitats naturais, o lume, os ácaros da Varroa destructor e o tártago negro da Vespa velutina, ademais das doenzas propias das abellas (nosemiase e loque americana).

En Galicia temos da orde dun 30-40% de perdas todos os anos de colonias abellas, algo absolutamente inaceptable en ningunha gandaría nin actividade agrícola

Todo un panorama pésimo para reflexionarmos sobre el, pois se non hai saúde para as abellas, tampouco haberá saúde e benestar para a especie humana. Un ambiente san para as abellas tamén producirá efectos no benestar das persoas. E todos os produtos das abellas son saudables, sexa o mel, o pole, a cera, a própole ou o veleno!

Porén, as abellas melíferas non están elas soas en perigo, senón que as abellas silvestres, os abellóns, as bolboretas e todos os demais insectos polinizadores tamén están a correr o risco de veren ameazados os seus hábitats e o seu sustento alimenticio en pole e néctar.

Prohibición de tres insecticidas nocivos para os polinizadores

Neste mes de maio temos así mesmo un motivo especial de celebración, pois o Tribunal Europeo de Xustiza confirmou o veto definitivo a tres insecticidas neonicotinoides (imidaclopride, clotianidina e tiametoxam) moi nocivos para as abellas e os insectos polinizadores, das multinacionais agroquímicas Bayer e Syngenta. Este debe ser un paso de cara ao cambio de estratexia por parte das multinacionais e á redución do uso dos pesticidas actual ao 50% neste decenio no que andamos, e con outras tácticas temporais de aplicación durante as floracións.

A lexislación está indo nun bo sentido, mais debe continuar controlando con seriedade científica a homologación doutros novos produtos fitosanitarios

A sentenza é un paso de cara a unha maior protección das abellas e a defensa dun principio de precaución baseado en feitos en Europa. Agora hai que mellorar o respecto da prohibición e atallar o actual abuso das autorizacións de emerxencia por parte dalgúns estados membros, ademais de controlar con seriedade científica a homologación doutros novos produtos fitosanitarios, que así e todo non deixan de ser perigosos para os insectos polinizadores. A lexislación está indo nun bo sentido, mais a defensa das abellas debe continuar.

O Estado español mantense na retagarda e semella non andar na órbita da defensa da biodiversidade que preconizan as políticas dos estados máis verdes da Unión Europea

A propósito da avaliación dos riscos dos pesticidas (insectidicas, funxicidas e herbicidas) sobre as abellas, o Estado español (un dos principais consumidores de produtos fitosanitarios en Europa, con máis de setenta millóns de quilos de pesticidas usados nos cultivos ao ano e o 75% dos solos agrícolas contaminados por eles) vai moito da man do lobby da agroquímica, mantense na retagarda e semella non andar na órbita da defensa da biodiversidade que preconizan as políticas dos estados máis verdes da Unión Europea, que parten da aceptación dunhas perdas das colonias de abellas neste caso nun limiar arredor do 7%, en tanto que España propón duplicar este índice dos polinizadores do 15 ao 23%. Para as persoas abelleiras e as ecoloxistas o índice de riscos neste ámbito tería que ser cero.

Concienciación social

As decisións políticas son outra alternativa ás accións xudiciais. E o mundo da política español e galego deberían facer caso porque a opinión pública está a cada paso máis sensibilizada sobre o tema dos pesticidas e os alimentos sans. No uso abusivo do glifosato teñen a ocasión de empezar a trocar de rumbo.

Xa que logo, hai que facer presión para que se reduza o uso de praguicidas na agricultura, que non se utilicen os pesticidas nocivos para as abellas; deste xeito a industria actuaría con máis sensatez na súa elaboración. Os abelleiros somos conscientes da importancia da agricultura no panorama español e galego, mais os agricultores non deben esquecer a imprescindible e necesaria achega na polinización que realizan as abellas. A agricultura, que ten un fundamento básico na apicultura, ten outras alternativas máis saudables e sustentables.

No uso abusivo do glifosato as Administracións teñen a ocasión de empezar a trocar o rumbo facendo caso a unha opinión pública cada vez máis sensibilizada cos alimentos sans

Á Asociación Galega de Apicultura-AGA resúltanos inaceptable que os apicultores teñan que sufrir as consecuencias da utilización dos pesticidas polos agricultores nesa porcentaxe de perdas. Por realizaren un traballo de polinización de balde para a agricultura e de valor incalculable para a sociedade, as abellas deben ser mellor consideradas e coidadas pola xente do campo, así como polas nosas Administracións e os nosos políticos. Fan falla actuacións políticas para a súa defensa.  Un propósito de AGA para Galicia é o de evitarmos que as nosas abellas morran de fame nos desertos sen néctar nin pole perennemente averdados de parte da nosa paisaxe.

Os abelleiros somos conscientes da importancia da agricultura no panorama español e galego, mais os agricultores non deben esquecer a imprescindible e necesaria achega na polinización que realizan as abellas

Sen ningunha dúbida, está a haber un movemento de concienciación para denunciar as multinacionais agroquímicas que producen pesticidas, por seren nocivos para a saúde humana, incluída a dos propios agricultores, que están moi expostos e son outras vítimas deles. E dos procesos aprobados ou en curso contra os xigantes da agroquímica está a nacer unha xurisprudencia moi útil para crear unha xustiza sanitaria a escala mundial.

Coidando a saúde das abellas coidamos a saúde das persoas. Poñámoslle todos os días unhas pingas de mel e uns grans de pole galego na nosa dieta alimenticia!

AGA desenvolverá online este xoves 20 de maio actos de apoio á protección e supervivencia das abellas a través da súa páxina web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información