Coidados do viñedo: Alto risco de mildio en todas as comarcas

Publicidade
Coidados do viñedo: Alto risco de mildio en todas as comarcas

Acios cos bagos en estado de chícharo. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir o seu boletín fitosanitario no que fan unha actualización do estado sanitario dos viñedos na provincia e ofrecen unhas recomendacións para o seu coidado durante a semana entrante.

En canto ao estado fenolóxico, a climatoloxía cálida e húmida das últimas semanas trae consigo un elevado crecemento da vexetación da viña e tamén un maior desenvolvemento da uva, de xeito que xa hai bastantes acios que están a acadar o tamaño chícharo.

Mildio:

Ao longo desta semana que remata mantívose a dinámica climatolóxica reinante durante case todo o que vai de mes: temperaturas altas e choivas a diario alternando con momentos de sol intenso, aínda que as temperaturas mínimas baixaron algo fronte ás rexistradas nas semanas anteriores, que maioritariamente se situaban na contorna dos 16-18 ºC. Coas condicións húmidas e as temperaturas nocturnas que se tiveron, durante case todos os días do mes se viñeron cumprindo as condicións de infección polo patóxeno do mildio.

Por outra banda, ás veces os tratamentos foron feitos coa viña aínda sen secar, ou choveu ao pouco de rematar a aplicación, e en todo caso tras cada choiva se reduciu o período de cobertura teórica dos funxicidas.

Tamén esta meteoroloxía provocou un elevado desenvolvemento da vexetación e con isto unha menor aireación dos acios e a dificultade de acceso dos produtos a todos os órganos a protexer.

Esta situación, provocou que estean sendo numerosos os casos de ataques de mildio malia estar a dar tratamentos con intervalos menores dos aconsellados e mesmo en variedades pouco sensibles. Así, segundo constataron os técnicos de Areeiro nas visitas desta pasada semana a campo, a situación maioritario dos viñedos é con entre o 5 e o 15% de acios afectados segundo as viñas, con máis grans afectados e mesmo xa na forma de mildio larvado.

A previsión meteorolóxico para estes vindeiros días apunta á inestabilidade, polo que seguiremos nunha situación de risco moi alto de mildio. De cumprirse estas previsións, a recomendación do equipo da Estación Fitopatoloxica de Areeiro é seguir vixiando intensamente as viñas e, de ser preciso porque continúe avanzando a enfermidade, aplicar un novo tratamento cando as plantas estean secas, non haxa risco de choiva na hora seguinte a rematar e tampouco vento que arrastre o produto fóra da área a protexer.

“En calquera caso, e debido a que hai persoas que están aplicando funxicidas cada 5-7 días e con maior dose da recomendada na etiqueta (práctica totalmente inadmisible), cobra máis importancia aínda alternar produtos cuxas materias activas teñan diferentes modos de acción para minimizar as resistencias”, subliñan.

Oídio:

Na revisión desta semana, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, non detectaron síntomas de oídio nas viñas. Con todo, se para a semana suben as temperaturas e os chuvascos non son fortes ou desaparecen, o risco será maior, e por iso cando realicen as intervencións antimildio deben aplicar tamén un funxicida antioídio preferiblemente da mesma casa comercial para evitar posibles incompatibilidades e/ou menor eficacia dos produtos.

Black rot:

Nesta semana advirten dun gran avance na presenza de síntomas nalgunhas viñas do Condado, tanto nas plantas abandonadas coma nalgunhas tratadas próximas a aquelas outras. O avance produciuse na folla pero especialmente nos acios, que están dentro do período crítico. De persistir as condicións tan húmidas, a enfermidade poderá causar perdas de colleita e por iso é importante empregar sempre funxicidas antimildio e/ou antioídio que tamén estean rexistrados para usar contra esta enfermidade, alternando tamén modos de acción dos produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información