Coidados do viñedo ao rematar a vendima: mildeu, enfermidades da madeira e abonado

Publicidade
Coidados do viñedo ao rematar a vendima: mildeu, enfermidades da madeira e abonado

Viñedos de Ramón do Casar, no Ribeiro

A Consellería do Medio Rural, a través do seu Boletín Agrometereolóxico, informa de que os viñedos, trala vendima e antes da caída da folla, atópanse en pleno estado de agostamento da vexetación.

Nesta campaña o agostamento está sendo bo, debido as boas condicións meteorolóxicas que se están rexistrando no outono. Sen embargo, os técnicos da Consellería advirten de que “nalgunhas parcelas aprécianse carencias nutricionais, como clorose xeneralizada na vexetación por carencia de nitróxeno”.

A este respecto, recomendan que ao final da campaña é interesante examinar o ciclo fenolóxico e vexetativo completo do noso viñedo, analizando as actuacións realizadas ao longo da campaña.

Incidencias fitosanitarias

En canto ás incidencias fitosanitarias, informan de que nalgunhas parcelas, sobre todo naqueles viñedos con exceso de vigor, hai defoliación debido á presenza de Mildeu e Oídio nas partes máis novas da vexetación, enfermidades que tamén se observan nas partes sen agostar.

Sen embargo, nos viñedos con fertilidade equilibrada, ben agostados, apenas hai esta sintomatoloxía.

Neste sentido, algúns expertos, como Francisco Rego, recomendan realizar un ou dous tratamentos funxicidas despois da vendima co obxectivo de prolongar a vida da folla de forma que poidan seguir realizando a fotosíntese outonal e, deste xeito, que a plante aumente a súa provisión de reservas.

Marcar as cepas con enfermidades da madeira

En canto ao complexo Esca e outras enfermidades da madeira, dende a Consellería do Medio Rural recomendan que “todas as plantas afectadas por estas enfermidades deben estar marcadas xa á altura teórica san da planta, co obxecto de adoptar en inverno as medidas culturais e terapeúticas baseadas na eliminación controlada das partes enfermas, deixando un órgano san que rexenere novamente a cepa”.

Recomendacións

En viñedos con defoliación debido á presenza de Mildeu e Oídio recoméndase un tratamento funxicida a base de Sulfato de Cobre. Nos viñedos que estean agostando ben e non presenten ditos síntomas, dende a Consellería recomendan que non é necesario aplicalo, tampouco a nivel preventivo.

Ademais, aconsellan ter en conta as medidas de control preventivo antes de comenzar coa poda de inverno para evitar a dispersión das enfermidades da madeira nos viñedos sintomáticos:
-Repasar neste momento se todas as cepas con síntomas de enfermidades da madeira están marcadas e, se se detecta algunha nova, marcala coa cinta.

-Na parte vexetativa, a partir do mes de decembro, comezar coas medidas de control sobre as cepas afectadas, antes de realizar a poda do resto da parcela.

-Podar as cepas á altura do brazo principal ou do tronco sen síntomas das enfermidades da madeira. As plantas afectadas ou a parte enferma eliminada, retiralas da parcela para queimalas.

-Aplicar no corte terapéutico do tronco unha pasta selladora con funxicida.

-Desinfectar as ferramentas de corte o rematar os traballos en cada cepa sintomática.

-Reconstruír as cepas deixando os órganos sans, e onde a enfermidade chegou á cruz da cepa, cortar esta por debaixo do callo do enxerto vello, onde se enxertará novamente a variedade sobre o patrón.

-Unha vez realizadas estas operacións, xa se pode realizar a poda do resto de cepas sás da parcela.

Abonado:

En viñedos con síntomas de carencia, recoméndase aplicar neste momento unha parte dos nutrientes necesarios, cunha fertilización a base de materia orgánica ou con abonos minerais de liberación lenta, para que as cepas na primavera seguinte xa teñan as reservas necesarias para un bo desborre.

Máis información: Artigo de Francisco Rego sobre os coidados da viña no outono

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información