Rías Baixas
Estado fenoloxíco:
L – (M, só en plantas adiantadas dalgunhas zonas do Condado)
Incidencias fitopatolóxicas:
Mildeu:
As temperaturas diúrnas dos últimos días foron elevadas, superando en case todas as zonas os 30ºC durante horas algunhas datas, o que implica perda de capacidade infectiva dos esporanxios do fungo.
Non obstante, as condicións nocturnas que se rexistraron foron favorables á mera, pois as temperaturas mínimas superaron en xeral os 13º C e houbo varias horas de humidade foliar. Tamén algúns días houbo néboas persistentes ata o mediodía ou máis, que nalgúns casos se reflectiu en rexistros de precipitación.
Estas condicións tiveron un reflexo claro nas plantas testemuña (sen tratamentos), onde a presenza de síntomas se incrementou sensiblemente, tanto en folla coma en acio, onde xa aparece a mera larvar. Non obstante, nas plantas tratadas das nosas parcelas de seguimento non vimos sintomatoloxía ningunha en acio pola protección que achegan os tratamentos e só habemos de destacar algunhas manchas nas follas máis tenras dos brotes terminais dunha parcela do Rosal.
A día de hoxe, as diferentes previsións meteorolóxicas anuncian para os próximos días unha situación pouco homoxénea, aínda que en todas as consultadas domina a alternancia de nubes e claros (con posibilidade de precipitación lixeira nalgúns casos) e novamente sol para esta semana semana. Consecuentemente, a nosa recomendación é tratar aquelas parcelas onde estea próximo a concluír a protección da intervención anterior (ou onde xa se superase) e manter a vixilancia nas demais, pois non esquezan que a mera larvar é extremadamente difícil de eliminar dos acios.
Oidio:
Estes días tivemos unha climatoloxía extremadamente favorable ao fungo polas néboas/nebulosidade rexistrada.
Por iso, nas plantas testemuña apareceron brotes e acios con presenza moderada ou alta de micelio do fungo. Nas tratadas de variedades/zonas sensibles, vimos algúns síntomas (intensos nalgunha planta) e no resto apenas algún gran esporádico afectado.
Consecuentemente, e dado que segundo se prevé vai seguir habendo condicións favorables polo menos este fin de semana, recoméndase unha revisión exhaustiva dos acios, e renovar os tratamentos se non se freou o avance do fungo a pesar de estar teoricamente cuberto por un tratamento previo.
Botrite:
Ata agora, as uvas mostran un moi bo estado sanitario xeral, o que non favorece a instalación do fungo. Ademais, a pesar de haber humidade foliar e néboas densas, realmente non é suficiente. As previsións meteorolóxicas continúan anunciando tempo bastante seco, polo que estimamos que non é necesario tratar.
Recorden o esfollado e o desnetado son operacións moi convenientes para facilitar a aireación dos acios e previr así a instalación de patóxenos. Pero atención: o esfollado debe ser moderado.
Black Rot:
Nin na nosa rede de seguimento nin noutras parcelas que visitamos vimos síntomas da enfermidade en grans, e só permanecen os observados en folla fai xa semanas.
Ácaros:
Incrementouse sensiblemente nesta semana a presenza de erinose de verán nos brotes terminais. Recorden en todo caso que, a pesar de que os síntomas deste ácaro son moi evidentes, non é necesario intervir fronte a el.
D.O. Ribeiro
Estado fenolóxico:
Peche de acio (L): Treixadura, Godello (foto 1), Mencía e Xeréz.
Algunha variedade xa marca tamén o inicio do envero (M1): Garanacha titoreira (foto 2).
Coidados culturais:
Seguimos coa eliminación de netos e follas a carón dos acios para facilitar a entrada dos produtos fitosanitarios e a aireación da cepa e tamén cos despuntados.
Eliminación da vexetación no entorno das cepas, para evitar a acumulación de humidade e facilitar a aireación.
Incidencias fitopatolóxicas:
Mildeu
Sen incidencias
Oídio
Non se detectou presenza deste fungo, pero este momento e ata o envero é o mais delicado para as cepas.
Black-rot
Vese algunha mancha en folla pero de escasa consideración.
Botrite
Sen incidencias
Outras
Seguimos a ver cepas con síntomas do complexo de enfermidades da madeira.
Recomendacións:
Recoméndase tratar frente a Oídio, pois atravesamos por un momento delicado, con previsións para este fin de semana que non descartan unha certa probabilidade de chuvias con baixada das temperaturas.
D.O. Ribeira Sacra
Estado fenolóxico
Cerramento de acio (L): Mencía, Brancellao e Garnacha Tintoreira. En Mencía nalgúns casos apréciase o inicio do envero.
Neste estado as uvas crecen con rapidez, aumentando o seu volúme en pouco tempo, ata chegar ao envero, momento no que se ralentiza este incremento. Mentres están verdes as uvas consumen sustancias elaboradas polas follas e compiten coas follas apicais e cos netos. O desenvolvemento das uvas dependerá da variedade, pero sobre todo das condicións meteorolóxicas, da alimentación hídrica, das prácticas de cultivo, da cantidade de uvas por cepa e do control das malas herbas.
O tamaño final das uvas depende moito do que ocurra neste estado fenolóxico, xa que un bo aporte dos nutrientes necesarios, xunto cunha abundante achega hídrica, favorecen un aumento adecuado do tamaño dos grans, mentres que un período de seca o limita.
É un estado sensible a ataques de Oídio, Mildeu, Black rot, ácaros, Mosquito verde, polillas e Melazo.
Coidados culturais
Neste intre e necesario realizar operacións de enrame, selección de gromos, desnetado a altura dos acios, eliminación de malas herbas e despuntado de pámpanos. Esta última operación pódese facer desde a floración ata o pintor, cortando os últimos 20 cm. dos pámpanos mais vigorosos. Aínda así, débense evitar as operacións de despunte ata o comezo, ou o mais cerca posible, do envero, xa que facelo antes provoca un aumento dos netos e do seu desenvolvemento.
Se fose necesario o despunte, non debe ser demasiado severo xa que reducir en exceso a superficie foliar da cepa ten un efecto depresivo.
É recomendable tamén eliminar as follas secas e algunhas follas adultas que se encontran por debaixo dos acios, así como non deixalos completamente ao descuberto pois o sol pode queimalos. Desta maneira favorécese a aireación dentro da cepa e a entrada de produtos fitosanitarios, sobre todo dos penetrantes ou de contacto que deben chegar ata o acio.
Dende o punto de vista nutricional, empézanse a detectar síntomas de carencias, sobre todo de magnesio e potasio, polo que poderíase aplicar un abono foliar nesta parte do ciclo vexetativo.
Incidencias fitopatolóxicas
Mildeu
Sen síntomas
Black rot
Na zona de estudo non se ven novos síntomas. Cos tratamentos dados controlouse a enfermidade sen que se produciran infeccións secundarias.
Oídio
Nesta semana encontráronse novos viñedos con síntomas provocados por este fungo nos acios. Empezou nas zonas próximas ao río Miño pero agora xa se pode ver nas zonas mais altas.
Botrite
Sen síntomas.
Acariose
Hai síntomas en bastantes zonas, principalmente naquelas con microclimas quentes, empezando a ser algo xeralizado.
Mosquito verde
A presenza deste cicadélico nos viñedos da zona xa está xeralizado en case tódolos viñedos visitados. Os síntomas pódense ver nos bordes das follas e pódense confundir coas carencias de potasio e magnesio.
Recomendacións
Hai que estar moi vixiante para ver como evolucionan as condicións meteorolóxicas e valorar o risco de enfermidades ou atender ás indicacións dos técnicos da zona, sobre todo no caso de Mildeu, para determinalo momento óptimo para aplicar algún funxicida. No caso de facer algún tratamento antimildiu, recoméndanse as materias activas penetrantes ou de fixación ás ceras cuticulares, acompañadas con cobre. En canto ao Black Rot, seguen a aplicarse tratamentos preventivos.