D.O. Rías Baixas
Estado Fenolóxico:
L (peche de acio) en Albariño, a variedade de referencia. Puntualmente nalgunhas parcelas máis adiantadas xa se detecta o comezo do envero
Mildeu: En xeral, as condicións climáticas desta semana foron similares ás da semana anterior: tempo estable, con temperaturas diúrnas elevadas (aínda que inferiores ás do período anterior) e temperaturas altas tamén durante as noites, cando ademais se rexistrou humidade foliar (entre 1 e 12 horas segundo a estación meteorolóxica). Non obstante, dende esta madrugada estanse a producir algunhas precipitacións, o que incrementa o risco de aparición de enfermidades na vide.
A permanencia ata hoxe de clima estable volveuse reflectir nos viñedos, que están libres de mera (polo menos nas nosas parcelas de seguimento). Só nas plantas testemuña sen tratamentos apareceron novos síntomas, aínda que de forma puntual.
Nestes momentos, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden enteiramente nas súas previsións salvo para o día de hoxe, xa que nalgunhas as precipitacións se repetirán só entre o domingo e o luns, noutras unicamente o mércores, etc. Sí coinciden en xeral en que os restantes días estarán soleados.
A partir do envero o fungo xa non pode afectar aos acios pero de momento non é o estado xeneralizado nos terreos polo que convén non descoidar a vixilancia, pois aínda poden producirse algúns danos. Consecuentemente, nos viñedos que estean protexidos por un tratamento anterior, é necesario vixiar a potencial aparición de novos síntomas; nos que xa transcorrese o período de protección teórico será necesario renovalo para protexer as uvas.
Oidio: A partir do envero xa non se producirán danos nos acios (salvo nos dos brotes coñecidos como “netos”, que convén retirar) pero no momento actual aínda o gran mostra certa sensibilidade ao fungo. Por este motivo, recomendamos manter a vixilancia e renovar o tratamento naqueles terreos con infeccións anteriores mal controladas e naquelas outras en que os grans non estean protexidos por unha intervención recente.
Recorden que os acios rachados a consecuencia dun mal control desta enfermidade favorecen a instalación de Botritis cinerea, que é o patóxeno que máis pode danar a uva a partir deste momento
Botrite: A sensibilidade dos grans a mera e oidio desaparece a partir do envero, pero dende este momento aumenta a susceptibilidade a botritis, que pasa a ser a enfermidade que representa un risco maior ata a vendima. O estado sanitario das uvas (ademais da humidade) tamén inflúe na súa instalación. Como sabemos, en xeral este estado é moi bo nesta campaña, pero convén non descoidar a vixilancia e realizar todas aquelas prácticas culturais que favorezan a aireación dos acios (rozas, desnetados e podas en verde) e vixiar a evolución das poboacións de trazas.
Alteracións da madeira: Coa seca rexistrada, algunhas das plantas afectadas por alteracións de madeira xa mostran fortes defoliacións. Se a planta remata morrendo debe eliminarse e destruírse (nunca deixala no terreo). No caso contrario, debe marcarse, pois recorden que unha boa práctica sanitaria nas podas pode reducir a diseminación destas enfermidades nos terreos.
Recomendacións
Continuar co control de Oídio sen superar o intervalo da quincena dende o último tratamento realizado. Con este tratamento pódese mesturar un antimildeu penetrante, con algún porcentaxe de cobre na súa composición neste momento. Estas aplicacións en viñedos con boa sanidade pódense realizar con doses medias.
Este tratamento sería o 7º recomendado na campaña, aínda que coa perspectiva da observación das contaminacións producidas a posteriori, as contaminacións normalmente son xa moi débiles. Por tanto, aínda poderíanse reducir o número de tratamentos ralizados sen que se producisen danos.
Non esquecer continuar co marcaxe de cepas con síntomas de Esca, para, na parada de inverno, eliminar o órgano afectado a altura san da cepa, con aplicación de mástic funxicida no corte da madeira.
D.O. Ribeira Sacra
Estado fenolóxico
L (peche de acio). Comeza a se ver o inicio do envero (M1) en Mencía (foto 1) e Garnacha tintoreira. En Brancellao e Tempranillo seguimos no estadío L.
Coa chegada do envero entramos no período de maduración, o cal maniféstase cunha modificación física e bioquímica do acio. As uvas verdes e duras empézanse a colorear e a abrandar e, ademais, a acidez das uvas diminúe, mentres que o contido en azucres e compostos aromáticos aumenta.
Coidados culturais
Tendo en conta as condicións meteorolóxicas que estanse a producir, con noites frescas e néboas matinais,(que favorecen a aparición do fungo do Oídio) é aconsellable facer unha pequena esfolla a altura dos acios polo lado da espaldeira que da ao nacente (sen deixalos completamente ao descuberto, pois o sol pode queimalos) para facilitar a aireación dentro da masa foliar e diminuír a concentración de humidade entre os acios, o que facilitaría a infestación por enfermidades. Ademais esta labor é importante para que os produtos fitosanitarios penetrantes e de contacto cubran perfectamente os acios e se maximice a protección.
Tamén son importantes as labores de enrame, selección de gromos, desnetado a altura dos acios, despuntado dos pámpanos, eliminación das follas adultas secas e a eliminación das malas herbas.
Dende o punto de vista nutricional, empézanse a detectar síntomas de carencia, sobre todo de magnesio e potasio, polo que se recomenda aplicar un abono foliar e ademais combater o estres hídrico que sofren as cepas nestes días calorosos.
Incidencias fitopatolóxicas
Mildeu, Black rot e Botrite:
Non se ven novas incidencias en acio
Oídio
Séguense encontrando novos síntomas provocados por este fungo nos acios. Podemos dicir que está presente en toda a denominación de orixe e pódese ver por toda a ribeira do río Miño a altura do Concello da Peroxa.
Temos síntomas provocados por esta praga en bastantes zonas, sobre todo naquelas con microclimas quentes, empezando a ser xa algo xeneralizado.
Recomendacións
As condicións meteorolóxicas deste momento non están a ser favorables para o crecemento das uvas (proba delo é que apenas engordou a uva no que levamos de mes de xullo), pero tampouco o son para fungos como o Mildeu, polo que os tratamentos deben ser preventivos con características penetrantes, translaminares ou de fixación ás ceras cuticulares, podéndose alargar os intervalos entre tratamentos ao máximo.
En relación co Oídio, así como na utilización de fitosanitarios de síntese en xeral, é aconsellable utilizar materias activas eficientes alternando a familia química
Viñedo – D.O. Monterrei
Estado fenolóxico
L (peche de acio). Comeza a se ver o inicio do envero (M1) en Mencía.
Coidados culturais
Seguimos cos despuntados e desfollados, no casos necesario. É moi importante ter presente as queimaduras dos acios pola acción do sol, polo que coa labor do desfollado evitaremos deixalos cunha exposición directa e prolongada que podería causar danos importantes.
Incidencias fitopatolóxicas
O estado fitosanitario xeral esta a ser bo na Denominación de Orixe, sen detectarse novos focos pola incidencia de enfermidades (Mildeu, Oídio, Black-rot, Acariose,..) debido as condicións meteorolóxicas que se están desenvolvendo.
Recomendacións
No caso de levar mais de dúas semanas desde o último tratamento pódese facer agora unha nova aplicación fitosanitaria con antimildeus penetrantes, translaminares ou de fixación ás ceras cuticulares autorizadas, ou tamén con produtos a base de cobres.
Para contrarrestar as posibles carencias de magneiso e potasio é frecuente, nesta época, aplicar abonos foliares para combater as carencias de magnesio e potasio que poidan aparecer nesta época.