A cooperativa Cobideza vén de celebrar a Asemblea Xeral, na que Román Santalla puxo fin a 31 anos á fronte da presidencia da entidade. Substituirao Jesús Manteiga, quen estará acompañado na directiva por Raquel Canabal na vicepresidencia, José Manuel Hermida como secretario, Román Santalla, que continuará como tesoureiro, e Isabel Vilariño, Beatriz Conde e Jaime Fernández como vogais.
Ao equipo incorpórase Pablo García como director xerente da cooperativa, do que destacan a súa ampla experiencia e coñecemento no sector, o que supón un impulso para a xestión e desenvolvemento futuro da entidade.
Santalla fixo balance da súa traxectoria, poñendo en valor o crecemento da cooperativa ata alcanzar unha estrutura supracomarcal, con presenza consolidada en Deza, Tabeirós-Terra de Montes e A Ulloa. “Cobideza é hoxe unha cooperativa que estrutura o interior de Galicia, con 200 socios e socias que producen anualmente uns 54 millóns de litros de leite”, subliñou Santalla.
Así, puxo en valor o papel de Cobideza como motor de dinamización do rural, non só como entidade produtora de leite, senón como un referente na vertebración económica e social do territorio. “Cobideza converteuse ao longo destes anos nun elemento fundamental para estruturar o interior, consolidando un modelo de cooperativismo que ofrece estabilidade e cohesión ao rural. A nosa dimensión non só nos permite negociar prezos do leite en condicións máis favorables, senón tamén ofrecer un amplo abano de servizos que fortalecen a competitividade das explotacións”, salientou.
A nova directiva busca garantir unha tramitación eficiente da PAC e ofrecer un apoio integral aos socios para afrontar os retos do sector
Entre os fitos máis relevantes da súa etapa, destacou a apertura dos almacéns en Silleda e Vila de Cruces, así como a posta en marcha da queixería e dos supermercados rurais, iniciativas que “non só reforzan o apoio directo ao gandeiro, senón que tamén contribúen a manter servizos esenciais no medio rural, evitando o despoboamento e xerando emprego directo e indirecto”.
O novo presidente, Jesús Manteiga, comprometeuse a continuar coa aposta polos servizos ao gandeiro que sempre caracterizou a Cobideza, destacando a necesidade de reforzar a xestión dos trámites administrativos e a transformación dixital. Entre os obxectivos da nova directiva está garantir unha tramitación eficiente da PAC e ofrecer un apoio integral aos socios e socias para afrontar os novos retos do sector.