Cobideza logra un crecemento do 11% e remata 2021 cunha facturación de 26 millóns

A cooperativa gandeira do Deza consolida o incremento en todas as seccións, en especial nos almacéns e na facturación da queixería Dona Cobiña

Cobideza logra un crecemento do 11% e remata 2021 cunha facturación de 26 millóns

Instante da asemblea celebrada este venres en Cercio (Lalín) sede de Cobideza.

A Cooperativa agrogandeira Cobideza presentou este venres as contas ós seus asociados durante a asemblea xeral ordinaria celebrada na súa sede en Lalín (Pontevedra). A Cooperativa pechou o 2021 cunha facturación de 26.002.816,09 millóns de euros, fronte ós 23,3 millóns que facturara no 2020, o que amosa un crecemento do 11,5%.

Os beneficios antes de impostos son de 145.470,96 euros, consolidando o incremento en todas as seccións coas que traballa a Cooperativa. Os almacéns que a entidade agraria ten nas vilas de Silleda, Vila de Cruces e Cercio (Lalín) son un dos motores para conseguir este aumento da facturación. Outro dos eixos centrais da Cooperativa é a queixería Dona Cobiña, situada en Agolada e que tamén foi responsable deste incremento da facturación. De feito, a facturación derivada da industria queixeira, posta en marcha pola Cooperativa no 2016, incrementouse nun 20% no pasado exercicio con respecto das cifras manexadas no 2020. Este aumento debeuse, en parte, ó impulso da fabricación e venda do queixo ecolóxico.

Cobideza pecha o exercicio cunha facturación 850.000 euros na sección de maquinaria, unha das máis importantes da Cooperativa. “O 2021 non se caracteriza polas inversións na sección de maquinaria, pero si por avanzar en consolidar os servizos de proximidade cos seus asociados e estar sempre pendente dos problemas que en calquera momento poden ter os nosos socios”, apunta o presidente da Cooperativa, Román Santalla.

A entidade agraria é tamén un dos socios da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada no polígono industrial de Lalín. O consumo de penso de Cobideza desta fábrica supera o 40% do total da entidade.

Produción de leite

A maior parte dos máis de 300 socios cos que conta Cobideza están centrados na produción de leite. Así, a Cooperativa manexa máis de 55.000.000 litros de leite en convencional, ademais dunha produción de leite ecolóxico de máis de 700.000 litros. “Pretendemos seguir impulsando a sección de ecolóxico nun modelo diferenciado e sostible”, sinala Santalla.

A diferenza do acontecido noutras asembleas da Cooperativa, nesta ocasión non se abordou a situación do contrato lácteo, xa que a entidade ten aínda vixente ata outubro o contrato coa empresa Reny Picot, a quen leva xa anos vendéndolle o leite.

Investimentos

Cobideza afrontou no 2021 investimentos como a compra dunha parcela situada no lugar de Mato, próxima á súa sede, cunha superficie de case 1 hectárea. Neste predio construíron un almacén para maquinaria e acondicionaron unha superficie de 1.600 metros cadrados.

Por outra banda, na Cooperativa está a ultimar a apertura dun supermercado rural na súa sede en Lalín. “Agardamos que nun mes poida estar a pleno funcionamento”, sinala Santalla. 

As contas foron aprobadas en votación secreta por todos os votos a favor e unha abstención.

Xornada sobre o uso dos medicamentos

Á marxe da celebración da Asemblea, a Cooperativa organizou una xornada sobre o novo Real Decreto que regula a utilización e xestión dos medicamentos nas ganderías. A charla foi impartida pola xefa de área de hixiene gandeira do Ministerio de Agricultura, Inés Moreno Gil, e contou cunha destacada afluencia de veterinarios da zona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información