Cobideza lanza ao mercado unha nova gama de queixos baixo a marca ‘Os Pendellos’

A cooperativa comercializará os queixos a partir de xullo. Trátase dunha gama de queixo artesán e maioritariamente de leite ecolóxico ou pastoreo

Cobideza lanza ao mercado unha nova gama de queixos baixo a marca ‘Os Pendellos’

Cobideza elaborará baixo a marca Os Pendellos queixos de denominación de orixe Arzúa - Ulloa e Tetilla.

A cooperativa lalinense Cobideza saca ao mercado unha nova gama de queixo artesán baixo a marca “Os Pendellos”. Producirán queixos de denominación de orixe Arzúa-Ulloa e Tetilla, ambos elaborados con leite 100% ecolóxica ou de pastoreo procedente de explotacións comarcais.

O queixo foi bautizado con este nome en referencia a un dos elementos patrimoniais máis significativos do municipio de Agolada (Pontevedra), onde se asenta dende hai varios anos a queixería. Ao mesmo tempo a nova marca evoca o carácter tradicional e senlleiro destas construcións que acolleron ata hai pouco tempo unha das feiras máis importantes do país, onde se realizaban importantes intercambios comerciais de produtos e bens agrogandeiros de todo tipo, entre os que se atopaban os queixos.

O presidente de Cobideza, Román Santalla, sinalou que a idea desta nova gama de queixos non só busca potenciar a produción e as vendas do produto, senón continuar consolidando a dimensión intercomarcal da cooperativa, ofrecendo produtos artesáns da máxima calidade que, ao mesmo tempo, reproduzan o carácter tradicional e familiar da cooperativa, que tamén era o carácter dos Pendellos e da feira de Agolada.

Comezarán a comercializar os queixos durante o mes de xullo. Os Pendellos súmase así á marca Dona Cobiña, que tamén produce a cooperativa na fábrica ubicada en Agolada.

Asemblea Xeral

Román Santalla tamén anunciou que este venres terá lugar unha reunión da xunta directiva de Cobideza para organizar a asemblea xeral anual da cooperativa. Na súa orde do día establecerase a rendición anual de contas e a renovación do contrato con Reny Picot para a venda de máis de 50 millóns de litros anuais de leite procedente da comarca de Deza, Tabeirós e A Ulloa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información