Cobideza incrementa a súa facturación anual ata case os 18,4 millóns de euros

A cooperativa lalinense pecha 2017 cun aumento da facturación de preto de 3 millóns de euros. O balance das contas foi presentado onte ós socios por Román Santalla que, xunto á súa directiva, revalida o cargo de presidente por outros tres anos de mandato

Cobideza incrementa a súa facturación anual ata case os 18,4 millóns de euros

Román Santalla, reelexido onte como presidente da cooperativa Cobideza.

A cooperativa lalinense Cobideza facturou o pasado ano 18.389.000 euros. Unhas cifras que amosan o progresivo incremento da facturación nos últimos tres exercicios ó situarse en case tres millóns de euros por encima dos 15.552.091 euros acadados no 2016. Un aumento derivado, principalmente, da facturación láctea. Cobideza factura ó ano máis de 13 millóns de euros polo leite que aportan os seus 220 produtores dos 300 socios cos que conta a cooperativa na actualidade.

O balance de contas da sociedade deixa uns beneficios de 21.361 euros, que logo das retencións fiscais se traducirán nuns 17.000 euros, nun ano caracterizado polas inversións e o esforzo na activación de proxectos. A cooperativa levou a cabo a posta en marcha da Queixería Doña Cobiña, situada en Agolada, ou a gasolineira da sede de Silleda. Así, Cobideza pechou o exercicio con 318.990 euros destinados a inversións e aumentou os seus almacéns cunha inversión de preto de 100.000 euros.

Outras das partidas con peso para a asociación foron os 3,4 millóns de euros que supuxo o movemento de almacéns ou a facturación por prestación de servizos que se situou en 1,03 millóns de euros en maquinaria, servizos veterinarios ou técnicos.

Produción láctea

Cobideza pechou 2017 cunha produción láctea de 43 millóns de litros que supuxeron unha facturación de 13.034.000 euros. Teñen un contrato anual con Reny Picot onde a calidade do leite é unha cuestión fundamental, como recoñece Santalla, posto que boa parte do leite se deriva á produción de leite infantil. “Facemos non so os controis estándares senón que ó estar destinado a ese uso obríganos a ser máis estritos e atender a producir un leite de maior calidade e moi controlado”, apunta Santalla.

Este ano a cooperativa quere alcanzar unha produción de entre 48 e 50 millóns de litros. Unhas previsións asentadas nos primeiros datos obtidos nestes tres meses que levamos de ano.

Servizos ó socio

A aposta desta directiva é garantir os servizos dos seus socios de aí que tamén sexa importante a partida que destinan ós seguros, co gaio de cubrir e minimizar os ricos dos seus produtores. Tamén apostan por un servizo de substitución e por contar cun parque de maquinaria que ofrece os servizos por debaixo do prezo do mercado ós seus socios e que cubre todas as necesidades que poidan ter. “Non queremos que nin a crisis, nin os prezos, fagan que as explotacións teñan que pechar”, puntualizar Santalla.

A incorporación de xente moza é outra das liñas nas que están traballando moi ligada á da dinamización da produción ecolóxica. Neste senso, Santalla esixe que esta produción conte cun prezo mínimo de entre 48 e 52 céntimos “senón deixa de ser rentable para o gandeiro o leite ecolóxico”, concreta.

Cooperativismo

Para a cooperativa lalinense outro dos retos deste 2018 é a aposta por un modelo cooperativista máis asentado na unión como o que representan xa exemplos como o de Aira, fraguado no verán pasado. “Non hai motivos para que en Lalín siga habendo seis cooperativas. Temos que avanzar apostando por un modelo integrador, fomentando a unión. O noso é un compromiso cun modelo próximo ó socio, non nun asentado en criterios empresariais” matiza o presidente de Cobideza.

Continuidade na directiva

Á marxe de presentar as contas, a sesión de onte serviu para referendar a anterior directiva da cooperativa, logo de que non se rexistrara ningunha outra candidatura. Román Santalla asume outros tres anos ó fronte de Cobideza cunha directiva que tamén integran María José Lamas Guerra (vicepresidenta) Manuel Miguélez Montoto, (secretario) María Fe Rodríguez Lamas (tesoureira) e Luis Cejo Ferreiro, María Luisa Castro Pallares, Ramón Abonjo Gómez, Ana Asorey Vales, Lourdes Saa Fernández e Inés Otero Martínez como vocais. Celso Becerra Mella, Jose Luis Castro Pol e Manuel Orza Santiso exercerán como interventores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información