A cooperativa agrogandeira Cobideza acaba de inaugurar na súa sede en Cercio (Lalín) un supermercado rural. A directiva da entidade celebrou o sábado unha visita para amosar a nova tenda ós socios, un acto no que tamén participaron diferentes representantes políticos tanto da Deputación de Pontevedra, así como de Lalín ou Vila de Cruces.
O novo supermercado está situado nas instalacións centrais da cooperativa, que anteriormente albergaban a tenda agraria, que agora foi trasladada a outro espazo desa mesma nave que servía para almacenaxe de forraxes. A compra dunha parcela próxima a esta sede e que utilizan agora para gardar a maquinaria da cooperativa posibilitou afrontar este proxecto ó dispoñer do espazo necesario.

Instalacións do novo supermercado rural de Cobideza.
Os socios coñeceron a oferta do supermercado antes de dar paso á tradicional comida de confraternidade que a cooperativa celebra cada ano nestas datas con motivo da Festa na honra da Muller, que este ano acadou a súa vixésimo terceira edición.
Na actualidade, Cobideza conta xunto coa súa sede central de Cercio (Lalín) con delegacións en Vila de Cruces e Silleda ademais da queixería situada en Agolada onde elaboran os queixos a partir do leite das ganderías socias e que comercializan baixo a marca Dona Cobiña.