A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Coas placas solares, aforramos máis de 1.000 euros ao mes”

SAT Carboeiro, de Guntín, moxe arredor de 500 vacas e conta tamén cunha nave de pavos con capacidade para uns 15.000 animais. Nas dúas granxas contan con paneis fotovoltaicos que lles supoñen un importante aforro económico

Belén Piñeiro, diante da granxa avícola da que é titular

Belén Piñeiro, diante da granxa de pavos da que é titular

Dúas familias de Guntín, das parroquias de Lamela e Montouto, crearon no ano 2007 SAT Carboeiro. Na actualidade moxen unhas 500 vacas e están a renovar o sistema de muxido. A maiores, fai 4 anos montaron tamén unha nave avícola da que saen uns 30.000 pavos ao ano.

A raíz da suba da luz pola guerra de Ucraína a factura nas dúas granxas, a das vacas e a dos pavos, disparóuselles e decidiron investir en eficiencia enerxética para reducir o custo mensual e blindarse ante futuros incrementos tarifarios.

Os técnicos de Ecogal, empresa galega líder no sector das enerxías renovables e a que máis instalacións realiza en explotacións agropecuarias, asesoráronos en todo o proceso, desde a redacción do proxecto, a tramitación da subvención e a montaxe e posta en marcha da instalación fotovoltaica.

Os técnicos de Ecogal encargáronse de pedir todos os permisos necesarios, tramitaron a subvención e executaron a instalación

Na granxa das vacas, a potencia instalada é de 45 kw (108 paneis) e o custo foi de 40.400 euros. No caso da nave dos pavos, o sistema de enerxías renovables colocouse en dúas fases, con dúas convocatorias de axuda, as do ano 2021 e 2022, e en total teñen instalados 92 paneis fotovoltaicos cunha potencia de 38 Kw. O custo sen IVE foi de 45.650 €, cunha subvención do 50% do INEGA.

“Todas as placas se puxeron con subvención; é un bo investimento”, asegura Belén Piñeiro, que se encarga do manexo da granxa dos pavos e leva a maiores a contabilidade da explotación leiteira.

En base ao aforro mensual acadado, destaca a rápida amortización do investimento realizado. “Na granxa das vacas, en maio coas placas tivemos unha factura de 2.400 euros e en xuño, que non funcionaron, disparouse  a 3.400 euros. Son dous meses comparables e houbo unha diferenza de 1.000 euros, así que mira se compensan, son máis de 10.000 euros ao ano de aforro”, calcula Belén.

O cambio no sistema de muxido suporalles previsiblemente un aumento do consumo de electricidade

O novo sistema de batch milking suporá previsiblemente un aumento do consumo eléctrico ao longo de todo o día.

O novo sistema de batch milking suporá previsiblemente un aumento do consumo eléctrico ao longo de todo o día.

Na granxa das vacas o consumo de electricidade é máis estable e a factura é semellante todos os meses, mentres que na dos pavos hai diferenzas en función do momento de crecemento dos animais. “Cando son máis pequenos gasto menos en enerxía eléctrica, porque a calefacción da nave é por gas, pero cando son maiores é necesario ventilar máis e ese sistema é eléctrico. Tamén depende da época do ano que te colla ese momento, se é verán ou inverno”, explica.

Traballan co sistema de baterías virtuais, o que lles permite compensar os excedentes ao longo do ano

De todos xeitos, para compensar eses altibaixos de consumo, Belén traballa co sistema de baterías virtuais na súa factura, de maneira que os excedentes producidos durante as épocas de menor consumo son utilizados nos momentos de maior demanda. “Estou moi contenta, porque cheguei a pagar tres mil e pico euros e agora son 500 ou 600 o mes que máis pago”, indica.

Máis información

Proximamente, sairá unha nova convocatoria de axudas para instalar paneis fotovoltaicos en granxas. Podes informarte a través de ECOGAL nos seguintes contactos:

Teléfono: 982 603 270

– Email: administracion@ecogal.es

Webwww.ecogal.es 

SAT CARBOEIRO (Guntin) granxa pavos placas solares Ecogal

Sistema de produción baixo a fórmula de integración

“Eu sempre traballei en oficina, traballaba nunha enxeñería, e para min isto foi un cambio radical. Tiñamos xa a granxa de vacas, pero necesitaba facer algo diferente e que puidera manexar eu soa. Naquel momento, mirando investimento e rendibilidade, saíanos que o máis rendible eran os porcos, pero eu porcos non quería porque son animais de maior tamaño e ademais téñolles medo e ti non podes traballar cun animal ao que lle tes medo. Por iso me decantei polos pavos”, explica Belén.

A nave foi construída no ano 2021 e o custo total das instalacións foi de medio millón de euros, aínda que “hoxe iríase ao dobre”, asegura Belén. “Na actualidade estaba mirando de montar outra nave igual ao lado, porque é algo que me gusta e o traballo daríao feito, pero estou agardando a ver se baixan algo tanto os materiais como a man de obra, porque neste momento está todo disparado”, indica.

Automatización das instalacións

O traballo diario é sobre todo de supervisión, xa que a nave está automatizada. Dúas veces ao día, pola mañá e pola tarde, Belén acode á granxa e comproba que todo funciona axeitadamente. As instalacións contan con todo tipo de avances tecnolóxicos e sistemas que funcionan de xeito autónomo, tanto para a alimentación dos animais como para a iluminación, a renovación do aire ou a climatización. 

As instalacións corren pola conta de Belén, así que cando máis reduza a factura eléctrica maior rendemento económico obtén de cada camada

Canto máis controlados estean todos os parámetros, maior benestar e crecemento e menor porcentaxe de baixas de animais, o que redunda nun maior rendemento económico para Belén. O mesmo acontece no caso dos consumos enerxéticos. “Canto máis consiga aforrar na factura da luz mantendo en todo momento as condicións idóneas no interior da nave, máis beneficio lle saco a cada camada”, evidencia.

Produción integrada

A granxa avícola produce baixo o sistema de integración con Coren, na que a cooperativa ourensá pon os animais e o penso e Belén as instalacións, o traballo e o custo da cama, mentres que o gasto en medicamentos vai a medias.

Traballan con densidades de entre 13.000 e 15.000 pavos en cada turno de cría e fan dúas rotacións e media ao ano. Os animais veñen sexados e dentro das instalacións permanecen en dous lotes diferenciados, sen mesturárense. As femias saen antes, cando teñen entre 90 e 100 días, cunha media de 8 kg. “Aínda que quedaran máis tempo non collerían máis peso, porque non medran nin desarrollan máis”, explica Belén. No momento de sacar as femias, dáselles máis espazo aos machos, que quedan un mes máis (saen con entre 120 e 130 días), acadando pesos de entre 17 e 18 kg.

O traballo diario é sobre todo de supervisión; dúas veces ao día, mañá e tarde, veño e comprobo que todo está ben

A cama dos animais é de viruta da mellor calidade, que se fresa periodicamente (cando son xa grandes, unha vez á semana, por exemplo), engadindo material novo en caso de ser necesario. “Ao meter moi boa cama, gastas máis ao principio pero despois tes que tocala menos”, explica.

Cando sae unha camada, retírase todo o material, que é empregado como abono nas fincas da explotación leiteira, e límpase e desinféctase por completo toda a nave. Tras un baleiro sanitario obrigatorio de 15 días e un prequecemento das instalacións para que acaden a temperatura óptima, entran os novos animais pequenos para iniciar un novo ciclo de cría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *