“Coas medidas do Goberno o prezo do leite nos contratos non debería baixar de 0,32 céntimos”

“Coas medidas do Goberno o prezo do leite nos contratos non debería baixar de 0,32 céntimos”

Roberto García, á esquerda, secretario xeral de Unións Agrarias

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, realizou esta mañá en rolda de prensa en Santiago unha valoración do Real Decreto do Goberno Central, publicado hoxe no BOE, con medidas para apoiar aos agricultores e gandeiros.

García realizou unha valoración positiva deste Real Decreto, cuxa aplicación é obrigatoria dende mañá, “xa que por primeira vez os prezos confórmanse dende abaixo, dende os produtores cara arriba, e establécese obrigatoriamente nos contratos un prezo que debe cubrir como mínimo os custos de produción para os gandeiros e tamén para a industria”.

“A clave é que a partir de agora unha industria non me pode pagar o leite por debaixo do que me coste producilo e a distribución será sancionada con ata 100.000 euros se compra ou vende por debaixo do prezo de custo”, subliñou. E dado que arredor do 90% dos contratos lácteos tócalle renovarse ao longo do mes de marzo, de aí a urxencia, segundo o secretario xeral de Unións, de dispor duns índices públicos que sirvan como referencia para renegociar os contratos.

“O único índice do que dispomos é o RENGRATI, do Ministerio de Agricultura, pero non se actualiza dende o ano 2017, onde establecía uns custos de produción de 32,5 céntimos por litro de leite, un 10% máis que os 29,5 céntimos de prezo base que ofrece agora a industria para renovar os contratos. Por iso pedimos unha reunión urxente coa Administración e dentro da INLAC para establecer un prazo ata o 10 de marzo e nese período determinar cal é o índice que imos empregar para os custos de produción nos novos contratos”, explicou Roberto García.

“O ministro trasladounos que se vai manter o sistema de módulos e seguir bonificándose o gasóleo agrícola”

Por outra parte, o secretario xeral de Unións Agrarias, avanzou algunhas outras medidas que ten previsto aprobar o Goberno para apoiar ao sector e que lle foron trasladadas nunha reunión mantida onte á tarde co ministro de Agricultura:

-Vaise manter para toda a lexislatura a figura de módulos na declaración da Renda para gandeiros e agricultores, e vaise traballar nunha reducción de módulos para o conxunto do sector.

-Nesta lexislatura vaise incrementar nun 10% a partida pública de axudas para a contratación de seguros agrios.

-A bonificación do gasóleo agrario vaise manter para toda a lexislatura.

“Quedan pendentes de incorporar outras medidas e esperamos que se incorporen no vindeiro debate parlamentario de trasposición á lexislación española da nova normativa europea sobre prácticas ilegais no mercado”, recoñeceu.

Entre elas, Roberto García citou a suba dos 2 puntos de compensación do IVE; a exención fiscal do arrendamento de terras para o seu uso agrícola ou medidas para reducir a factura eléctrica das explotacións agrogandeiras.

Unións Agrarias tamén reclama ao Goberno que se aplique un prazo de 6 meses para normalizar os contratos lácteos que non vencen en marzo e abril, para poder ligar tamén eses contratos aos costes de produción do leite.

Deberes para a Xunta

Por último, Roberto García tamén lle puxo deberes para a Xunta, sobre todo a convocatoria dos observatorios autonómicos dos produtos agrogalimentarios galegos con selo de Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. “Débense fixar canto antes os custos de produción nas DO´s e IXP´s galegas, sobre todo en Ternera Gallega e no sector do viño, para que se inclúan nos próximos contratos entre gandeiros e viticultores e industrias cárnicas e adegas”, subliñou.

Tamén reclamou da Administración galega que nesas mesas sectoriais que convoque debe incluirse como reducir costes de produción en sectores como o lácteo ou de vacún de carne, mediante medidas que solucionen a falta de base territorial ou a escasa cobertura das axudas por danos nos cultivos e no gando da fauna salvaxe.

Por último, Roberno García reclamou que “o goberno galego debe condicionar as axudas ás industrias agroalimentarias a que cumpran coa Lei de Cadea Alimentaria, excluíndo as que teñan sancións graves ou moi graves”.

Consulta aquí o “Real Decreto-ley 5/2020, de 25 de febrero, por el que se adoptan determinadas medidas urgentes en materia de agricultura y alimentación”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información