COAG e SLG presentan ao Ministerio medidas contra a crise do sector cunícola

COAG e SLG presentan ao Ministerio medidas contra a crise do sector cunícola

Manifestación dos produtores galegos de coello o pasado outubro

A Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o SLG, trasladou este mércores ao Ministerio de Agricultura un documento de propostas para atallar a crise de prezos que padecen os produtores e produtoras de carne de coello dende hai varios meses. As propostas perseguen un dobre obxectivo: mellorar a situación económica das explotacións e favorecer a transparencia no mercado.

En canto ao documento presentado ao Ministerio de Agricultura, dende o punto de vista de mellora económica, o SLG e a COAG propoñen:

1. Articulación de axudas directas á produción cunícola, utilizando parte do montante outorgado ao Estado Español no Consello Ministerial de Agricultura da UE celebrado este 18 de xullo. Dende o SLG e COAG apostan por duplicar o orzamento de 14’66 millóns de euros, cun cofinanciamento por parte do Ministerio de Agricultura ata o límite máximo permitido, de tal maneira que se amplíe o orzamento. Estas axudas destinaríanse a aquelas granxas en réxime libre en situación de crise.

2. Ampliación do prazo de carencia dos avais SAECA. Solicitan ampliar, polo menos a dous anos, o prazo de carencia fixado na orde que convoca as subvencións para obter avais da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) por titulares de explotacións agrarias, xa que consideran que “nunha situación de marxes negativas resulta complicado que se poida recuperar un investimento nun prazo anual”.

3. Autorización do sacrificio na propia explotación e en matadoiros de pequena capacidade: Dende a COAG e o SLG consideran fundamental para que os gandeiros e gandeiras do sector cunícola poidan mellorar a súa rendibilidade, que sexan eles mesmos quen sacrifiquen e comercialicen directamente a súa produción. Deste xeito, consideran que “se podería atallar a posición de dominio dos outros elos da cadea e tamén que os gandeiros e as gandeiras puidesen asegurar unha marxe de rendibilidade, favorecendo deste xeito a súa supervivencia”. En COAG e no SLG avogan por que esta medida sexa aplicable a todo tipo de producións cunícolas.

Por outra banda, en aras dunha mellora da transparencia ao longo de toda a cadea de valor da carne de coello, dende COAG propóñense unha serie de iniciativas que consideran que “non supoñen apenas custe económico” para as arcas públicas:

1. Obriga aos matadoiros para que informe sobre os stocks cos que contan, en liña co que se esixe noutros sectores coma o do aceite de oliva, o viño ou o arroz, de tal maneira que o gandeiro ou a gandeira poidan coñecer a verdadeira situación do mercado.

2. Elaboración por parte do Ministerio de Agricultura dun índice de referenciación de prezos que teña en conta distintos parámetros que inflúen no mercado cunícola, tales como o prezo dos pensos, nivel de stocks, consumo, etc.

Mobilización fronte ao matadoiro do grupo Hermi en Valladolid

Por outra parte, o sector cunícola de COAG e do SLG participará na mobilización prevista o vindeiro 27 de xullo diante do matadoiro do grupo Hermi en Valladolid, que concentra o 25% do mercado en España, para denunciar o que consideran “prácticas comerciais abusivas deste grupo, que están abocando ao peche a centos de explotacións cunícolas independentes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información