COAG denuncia a 5 industrias lácteas por “incumprimentos reiterados” da Lei de Cadea Alimentaria

Nos contratos presentados pola organización agraria diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) obrígase aos gandeiros a recoñecer uns prezos por baixo de custos de produción baixo ameaza de non recollida do leite, á vez que se incumpren os prazos máximos de pago

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) denunciou diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) a 5 “grandes” empresas lácteas por diversos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria no relativo aos contratos para a compra de leite en orixe. Aínda que toda a documentación foi xa remitida á AICA, a investigación atoparíase nunha fase inicial, segundo fontes da organización agraria.

“Nos contratos presentados obrígase aos gandeiros a recoñecer uns prezos por baixo de custos baixo ameaza de non recollida do leite, á vez que se introducen cláusulas que incumpren os prazos máximos de pago. Ademais, hai empresas que están a empezar a incluír cláusulas de confidencialidade nos seus contratos para evitar que os gandeiros acudan ás organizacións agrarias a denunciar”, afirma COAG.

Se se segue espremendo así ao produtor imos quedar sen granxas familiares (Andoni García, COAG)

“As leis están para cumprilas e non se poden tolerar prácticas comerciais ilegais e abusivas que atentan de forma reiterada contra os gandeiros. Se se segue espremendo así ao produtor imos quedar sen granxas familiares. No último ano, 733 gandeiros víronse obrigados a botar o peche. Hoxe quedan apenas 12.500 gandeiros lácteos en España. A AICA ten que abrir unha investigación para evitar novos atropelos e garantir un prezo xusto para os gandeiros que lles permita vivir dignamente“, reclama Andoni García, responsable de Mercados Agrarios de COAG.

Pagos a mes vencido

A lei 3/2004 de medidas de loita contra a morosidade establece que “os aprazamentos de pago de produtos de alimentación frescos e dos perecedoiros non excederán en ningún caso de trinta días”. Nos exemplos de contratos denunciados por COAG, varias industrias lácteas especifican que se agruparán as facturas de todas as entregas de leite realizadas no período dun mes e abonaranse por parte da empresa, antes do día 30 do mes seguinte. “Por tanto, prodúcese un incumprimento da lei de morosidade en canto aos aprazamentos de pago, que se pode sancionar a través da Lei de Cadea Alimentaria”, argumenta a organización agraria.

Aínda que COAG prefire non facer público neste momento o nome das industrias denunciadas, da documentación remitida á AICA despréndese que unha delas sería Reny Picot.

Uno de los contratos denunciados por COAG ante la AICA

Un dos contratos de Reny Picot denunciados por COAG ante a AICA

Posición de dominio das empresas

COAG denuncia asimesmo a presión que exercen as empresas compradoras sobre os seus subministradores con claro abuso de posición dominante na negociación sobre os termos do apartado j) do artigo 9.1 da lei 12/2013 do 2 de agosto de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, que fai referencia a que nos contratos en orixe debe existir “indicación expresa de que o prezo pactado entre produtor primario agrario, gandeiro, pesqueiro ou forestal ou unha agrupación destes e o seu primeiro comprador cubre o custo efectivo de produción”.

Con todo, a organización agraria denuncia as presións levadas a cabo este verán por parte das industrias lácteas para que os gandeiros asinasen adendas aos contratos en vigor nas que se fai constar que os prezos cubren os custos de produción.

contrato 2 carta a ganadero

Carta remitida a un gandeiro que se negou a firmar a adenda ao seu contrato sobre custos de procución

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información