
Román Sánchez Besteiro, xerente da cooperativa A Carqueixa
Entrevistamos a Román Sánchez Besteiro, xerente da cooperativa A Carqueixa, que agrupa a 225 socios e socias de Cervantes, A Fonsagrada e Navia de Suarna. Están a participar no proxecto Ash4Soil, un Grupo Operativo supraautonómico cuxo obxectivo é conseguir unha mellora na calidade dos solos acedos e un incremento na produtividade en plantacións forestais e agrícolas mediante o desenvolvemento e uso dun material enmendante-fertilizante obtido a partir de residuos de orixe forestal e gandeiro.
-A Carqueixa é un exemplo de desenvolvemento rural en Galicia, ademáis nunha zona de montaña. Cales son os principais datos da cooperativa a día de hoxe?
Hoxe en día somos 225 socios e socias e 8 traballadores (2 carniceiros, 2 cociñeiras e 4 en administración (1 deles en prácticas), os números do ano 2024 aínda non os temos pendentes de aprobar no Consello Reitor e Asemblea pero vai ser un ano moi bo.
A nosa aposta pola comercialización directa e pola transformación dos nosos productos está sendo axeitada para conseguir bos resultados para a cooperativa e o que é máis importante, mellores prezos para os nosos socios e socias. Aínda así e todo, temos que lamentar a forte presenza da EHE no noso territorio e unha granizada que nos deixou sen campaña de castaña en moitas zonas.
-Dentro da vosa aposta pola innovación, decidistes participar como socios no proxecto ASH4SOIL. Por qué motivos?
Os socios e socias que están con axudas agroambientais (prácticamente todos) teñen prohibido o uso de fertilizante inorgánico. Desde aquela profundizamos a búsqueda de alternativas que poidan ser compatibles coa gandería ecolóxica e coa actual réximen de axudas das agroambientais. Fertilización orgánica, bioestimulantes, cambios de manexo.. . É por iso que nos encaixa tan ben o proxecto e agardamos esperanzados os resultados.
“O proxecto ASH4SOIL encáixanos moi ben para que os socios e socias podan recibir as axudas agroambientais”
-Cales van ser os vosos cometidos dentro deste proxecto?
Estamos aportando os puríns dos gandeiros e despois imos textar os productos en distintos tipos de fincas. Serán os gandeiros e gandeiras quen determinarán se ten viabilidade a súa aplicación na nosa zona ou que se pode facer para mellorar.
-A alimentación da cabana gandeira dos socios da Carqueixa é fundamentalmente en base a pasto. Cales son as principais necesidades nutricionais das pradeiras permanentes e como manexades o abonado?
Temos casuísticas moi distintas (pastizais a 1400 metros e prados a 300 metros) e o que facemos é analizar a terra e silo das persoas interesadas e tentar adaptarnos ás distintas necesidades. Conseguiuse un gran aforro e mellora a nivel productivo.
-Tradicionalmente a cinza empregábase como abono natural tamén das pradeiras?
Sí, e aínda se segue usando moito en hortas. O purín e a cinza son dous elementos de eficacia probada, imos ver se somos capaces de actualizar e facer viable o seu uso neste formato no que se innova desde a tradición.
-Un dos obxectivos que persegue o proxecto, que é a obtención dun corrector-fertilizante que non só mellora a fertilidade do solo senón que tamén resulta fácil de transportar e de aplicar, ¿sería un importante paso adiante para as ganderías da Carqueixa?
Sí, pode ser o abono que permita aumentar a productividades das granxas que están con agroambientais e en ecolóxico. É unha necesidade derivada das actuais lexislacións e pode facilitar o paso ao ecolóxico de moitas granxas.

Vacas da cooperativa A Carqueixa
-Cando esperades ter os primeiros resultados?
Nós agardamos comprobar o producto para o ano que vén.
-Como está sendo a acollida deste proxecto entre os socios da Carqueixa?
Falámolo na asamblea do ano pasado e hai expectación por saber se pode ser a solución á actual lexislación que hai. Por agora aínda estamos en fase de estudo e elaboración e aínda non chegamos a campo.
-Como está sendo a campaña de produción de herba no que vai de ano?
Aínda non se comezou pero a combinación de tempo e chuvias parece que vai ser boa naqueles lugares onde a rata toupa non fixo estragos.
Este ano imos avanzar no noso servizo de catering-comida elaborada, no envasado de mel e na recollida automatizada da castaña
-Cales son os principais obxectivos que vos marcades na cooperativa para este ano?
Este ano temos que finalizar co obradoiro compartido que nos vai servir para dimensionar o noso servizo de catering-comida elaborada, o envasado de mel e a recollida automatizada da castaña. Un proxecto que nos axudou a financiar a fundación Daniel e Nina Carasso e a área de medio rural da Deputación de Lugo e que vai ser un punto de inflexión para que a cooperativa siga apostando por diversificar, crear postos de traballo e engadir valor aos productos dos nosos socios e socias.
-Como valorarías a situción que vive neste momento o sector do vacún de carne?
O momento actual de prezos é bo, agardemos que veña para quedarse. Non me atrevo a facer pronósticos porque vin moita xente equivocarse cheos de razón e tamén casos próximos de impagos e de rendementos moi inferiores aos nosos. De todos xeitos, hai que ter en conta que a EHE fixo moitos estragos (Nos Ancares hai ADS que perderon un 20% de UGM) e que as circunstancias internacionais son moi cambiantes. Nós xogamos coa tranquilidade da comercialización directa e os nosos prezos hoxe en día están entre os 6,9 e os 7,4 euros o quilogramo e con rendementos medios dun 63%.
Nós xogamos coa tranquilidade da comercialización directa e os nosos prezos hoxe en día están entre os 6,9 e os 7,4 euros o quilogramo
-Algún novo proxecto no que esteades a traballar?
Agardamos conseguir un Life para pÓr en valor a gandería en extensivo e a súa correlación cos polinizadores silvestres. O ano pasado quedamos as portas e nesta estamos pondo toda a carne no asador. Sería un proxecto estratéxico para a comarca porque serviría para ter varias persoas traballando para abrir campas e facer desbroces onde puidera aumentar a presenza de gando e, polo tanto, de polinizadores silvestres.
Tamén temos moita esperanza en que poida medrar o servizo de comida-elaborada catering nos próximos meses porque temos moita demanda de comida personalizada e creo que temos a tecnoloxía e as persoas axeitadas para aproveitar esa oportunidade. A medio prazo tamén nos gustaría ter unha pequena sala de despezamento a medrar no número de carnizarías. De todos os xeitos, somos precavidos e queremos seguir medrando de xeito orgánico e sen recorrer a financiamento bancario.

Proxecto de innovación enmarcado dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento total do proxecto: 600.000,00 €. Subvención total: 575.700,36 €.
Galego








Control OJD