“Coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar os montes”

As tres asociacións forestalistas vascas reúnen a 3.500 propietarios. Diante da crecente desconexión da sociedade co monte, hai 20 anos decidiron crear a Fundación Basoa, que realiza labores de sensibilización social e apoio a xestores forestais. Falamos con Aitor Oraindia, o seu director técnico

“Coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar os montes”

Aitor Oraindia, enxeñeiro forestal e director técnico da Fundación Basoa

En Galicia a superficie de monte arborado ocupa 1,4 millóns de hectáreas, practicamente o 50% da superficie total da comunidade. Nos últimos 20 anos aumentou en 400.000 hectáreas, a mesma superficie arborada total coa que conta o País Vasco en todo o seu territorio. A pesar das diferenzas, Galicia e Euskadi comparten similitudes, como o crecente afastamento dos novos propietarios forestais do medio rural.

Aitor Oraindia (Durango, 1976) é enxeñeiro forestal e director técnico da Fundación Basoa (Bosque en euskera), a principal organización de selvicultores do País Vasco. Creada hai 20 anos, é o resultado da unión das tres asociacións de propietarios forestais de Áraba, Guipúscoa e Biscaia.

Euskadi conta con 400.000 hectáreas arboradas, menos dun terzo das que ten Galicia

Entre as 3 suman máis de 3.500 socios e unha das súas preocupacións é a desconexión social das novas xeracións co monte e a súa función produtiva. “A idea era ir á sociedade para falarlles dos beneficios da xestión dos montes porque había un público urbano que non era propietario do monte que mesmo vía mal a xestión forestal. En Euskadi hai movementos que pretenden que só haxa bosques non xestionados”, explica Aitor, que recentemente estivo en Galicia para participar nunhas xornadas sobre valorización de frondosas autóctonas.

– Cales son as principais actividades da Fundación Basoa?
– Temos dúas funcións claras: unha é a divulgación e concienciación social, na que falamos á sociedade dos bosques e as súas funcións, así como da propia xestión forestal. Traballamos tamén cos que van ser xestores, propietarios forestais fundamentalmente, para explicarlles como mellorar a súa xestión e como introducir técnicas innovadoras de xestión, e o mesmo tratamos de inculcar nas escolas de FP que temos no País Vasco no ámbito forestal, para que despois eses propietarios forestais poidan dispoñer de técnicos ou persoal forestal cualificado e formado que lles poidan dar servizos nesas novas técnicas ou usos do monte.

En Euskadi hai movementos que pretenden que só haxa bosques non xestionados

Pero despois tamén temos unha parte de proxectos, sobre todo proxectos de innovación, nos que exploramos outras formas de traballar o monte ou outros usos que se poden dar ao bosque para poder saírnos da sota, cabalo e rei da xestión forestal que se realiza hoxe en día.

– Cal é o perfil de propietario forestal que tedes en Euskadi?
– Sobre todo persoas maiores de máis de 60 ou 65 anos que en moitas ocasións ou pertencen aínda ao mundo rural ou descenden del. Cada vez abunda máis este segundo grupo, é dicir, xente que xa está a vivir en contornas urbanas e traballan na industria ou no sector servizos pero arrastran esa herdanza rural. E ese contacto hai que recalcalo, porque aínda que eles non teñan idea de xestión forestal, si que manteñen aínda ese agarimo ao herdado e ás propiedades familiares.

Pero cada vez hai máis descoñecemento, ata o punto de non saber nin sequera o que se ten. Hai xente que herdou terreos dun caserío que pertenceu ao avó pero que non saben nin onde están nin que facer con eles ou que usos se lles poden dar. Está a ocorrer cada vez máis iso.

– Existe minifundio como en Galicia?
– Si, pero hai como dous grupos: o 50% da propiedade forestal son pequenos donos nos que a propiedade habitual oscila entre 2 e 5 hectáreas; pero logo está o outro 50%, que son propietarios máis grandes de entre 20 e 30 hectáreas. No País Vasco un propietario grande, que pode ter por exemplo 65 hectáreas, significa que ten unha chea de anacos diferentes de entre 2 e 5 hectáreas; é difícil ver pezas grandes, aínda que pode chegar a haber algunha.

– E en canto á propiedade, é maioritariamente privada ou existen figuras de xestión conxunta?
– Hai unha gran diferenza entre a vertente cantábrica, onde o monte é máis privado individual, e a zona de Áraba, onde se mantiveron bastante máis os concellos e as xuntas administrativas que xestionan todos os montes, aínda que na parte cantábrica tamén hai algúns municipios que teñen montes públicos e mesmo algunhas confrarías, aínda que non moitas, que son entidades comunais similares ás comunidades de montes veciñais galegas.

No País Vasco ata o momento eramos poucos propietarios e mal avidos, aínda que había una certa unión para facer pistas para poder sacar a madeira, xa que temos unha orografía complicada, porque aínda que non hai montañas moi altas si que temos unha chea de montañas pequenas. Esas unións para facer as pistas foron o xerme para despois poder facer outras cousas e mesmo chegar a unha xestión conxunta.

Pero nos últimos anos, coa chegada de novos propietarios que pasan de todo, unha das solucións é agrupar as propiedades e ceder a súa xestión a un órgano único, o que permite tomar decisións non parcela a parcela senón en conxunto. E ese tipo de cooperativas ou agrupacións si que se están dando.

– Que superficie forestal tedes?
– Un total de 400.000 hectáreas de superficie forestal arborada. Delas, nestes momentos unhas 100.000 serían de piñeiro radiata. Estes últimos anos tivemos grandes problemas sanitarios co piñeiro radiata e iso fixo descender moito a superficie de piñeiro radiata porque se cortou moito, primeiro pola enfermidade, pero despois tamén porque o mercado estivo tirando moito, pero estas superficies cortadas non se substituíron por plantacións novas de piñeiro radiata. Por tanto, quita e non pon, acábase o montón.

Foron crecendo outro tipo de plantacións, como o eucalipto, pero nestes momentos en todo Euskadi hai unhas 20.000 hectáreas de eucalipto, non máis. Deuse unha guerra tremenda con iso, pero realmente o incremento non foi tan grande.

Nestes momentos en todo Euskadi hai unhas 20.000 hectáreas de eucalipto, non máis

A nosa superficie forestal é moi pequena comparada con Galicia. A industria está a impulsar a especialización en piñeiro radiata, pero se nos concentramos niso practicamente non hai sitio para outras producións.

O noso prototipo é o bosque mixto atlántico, plantacións de piñeiro radiata con carballo, castiñeiro ou amieiros, porque o piñeiro nas súas etapas iniciais deixa pasar moita luz e moita auga e permite que aparezan outras especies.

Nas últimas décadas aumentou moito un tipo de bosque que procede do abandono

O que aumentou moito tamén nas últimas décadas, nos últimos 50 anos, foi un tipo de bosque que procede do abandono, ou ben do abandono rural, leiras agrícolas que se deixan de arar ou campas que se deixan de pastar e transfórmanse en bosques porque van nacendo distintos tipos de árbores; ou ben do abandono forestal, de antigas plantacións de coníferas que se cortaron e non se volveron a plantar.

Todo iso o que che dá é un popurrí dunha mestura de especies que é ao que chamamos bosque mixto atlántico e que aumentou moito. Agora mesmo temos un pouco máis de 40.000 hectáreas deste tipo de bosque.

– Como se xestiona ese tipo de monte mixto con varias especies?
– A xestión deste bosque é complicada, porque non coinciden as quendas de curta, pero eu quero recalcar que é complicada pero non imposible. Estamos a tentar desde a Fundación Basoa dar por unha banda un abanico de diferentes tipos de xestión a poder realizar e por outro un abanico de distintos usos que poder dar, para poder ter diferentes saídas.

No bosque mixto hai especies que crecen máis lento que outras e iso dificulta tanto a xestión forestal como a comercialización da madeira

Pero iso ten unha gran dificultade, porque hai especies que crecen máis lento que outras e iso dificulta tanto a xestión forestal como a comercialización posterior da madeira obtida, xa que son aínda masas novas e nas intervencións necesarias a realizar neses montes obtés un tipo de madeira en canto a tamaños que a día de hoxe ten pouca saída, pero poderíase mellorar ese aspecto.

As densidades de masas de frondosas que veñen do abandono de parcelas agrarias ou forestais están arredor dos 400 pés por hectárea, cando nas plantacións de Centroeuropa parten de 2.000 pés por hectárea para ir reducindo a base de podas e clareos.

A día de hoxe os servizos ecosistémicos non están a ser compensados; que houbese outros ingresos máis aló da venda de madeira axudaría

Unha cousa importante é que a día de hoxe os servizos ecosistémicos non están a ser compensados. É outro factor para ter en conta, porque se non só é a madeira a que xera os ímputs no monte e o propietario empeza a ver que hai outros ingresos, iso axudaría. Por exemplo a fixación de carbono ou da auga.

Un aspecto que hai que ter en consideración é que neste tipo de bosque aínda que a densidade de árbores non é moi grande, a presenza de plantas si, polo que só pola evaporación e a traspiración está a perderse moita auga, porque hai competencia por esa auga que está no chan. Se ese bosque estivese xestionado con rozas e claras, a cantidade de auga que chegaría aos ríos sería maior, pero iso non se paga.

“A causa das enfermidades, nestes momentos o piñeiro radiata está sendo substituído por outras especies, como a cryptomeria e a secuoia”

Pinar afectado por banda marrón en el País Vasco

Piñeiral afectado por banda marrón no País Vasco

A chamadas banda vermella (causada polo fungo Dothistroma pini) e banda marrón (Lecanosticta acicola) son dúas enfermidades que nos últimos anos se estenderon por toda a cornixa cantábrica ata chegar a Galicia.

Euskadi, onde o piñeiro insigne era a especie predominante, é unha das zonas máis afectadas de toda a península e a alta incidencia provocou cambios no manexo do monte e as repoboacións.

Pero ademais dun shock a nivel produtivo, a afectación dos montes tamén demostrou a desconexión da sociedade co mundo forestal. “Coa enfermidade do piñeiro o que ocorreu é que á sociedade deulle igual”, asegura Aitor.

– Como está a situación a día de hoxe das enfermidades fúnxicas do piñeiro: a banda vermella e a banda marrón? Están máis controladas?
– Si, pero aínda están moi presentes. A enfermidade estendeuse moito porque hai varios factores que lle afectan, pero un deles é que as primaveras se alonguen e sexan húmidas e a medida que esas circunstancias se dean haberá ese problema, porque estás a manter unhas condicións óptimas para que eses fungos se desenvolvan.

E ese tipo de primaveras estamos a telas. O cambio climático no País Vasco non está afectanto tanto á choiva como á humidade relativa, que é máis do 80% ata finais de agosto durante practicamente todos os días. Pero xusto este ano foi moi seco e iso notouse.

O cambio climático está a deixarnos condicións óptimas para que os fungos se desenvolvan, con primaveras que se alongan e humidade relativa superior ao 80% ata finais de agosto

Tamén se están facendo algúns tratamentos e estase vendo que ese pode ser outro factor para que a afectación minguase un pouco. As esporas dos fungos Lecanosticta acicola (banda marrón) e Dothistroma pini (banda vermella) forman carpóforos que se aprecian a simple vista. A choiva e a humidade rompen estes depósitos de esporas, e o vento trasládaas a outros piñeiros. Esas esporas póusanse sobre as follas e polos estomas penetran cara ao interior, onde se produce a xerminación, que dura varios meses (2-3 na primavera e 5-6 no outono).

As esporas do fungo viaxan polo aire ata as acículas da árbore; cos tratamentos reduciuse o contaxio

As podas e entresacas, que incrementan a distancia entre as árbores, dificultan a transmisión entre exemplares e, ao aumentar a circulación de aire e provocar un descenso da humidade, tamén axudan a evitar que o fungo se estenda tan facilmente.

– Comentábasnos que o piñeiro radiata era tradicionalmente a principal especie forestal no País Vasco. Cal foi a resposta do propietario forestal ante a enfermidade, séguese plantando radiata ou introducíronse novas especies?
– A primeira resposta fronte á enfermidade das bandas foi cortar. Non necesariamente é unha enfermidade que mata; é un pouco como un catarro. A folla colle un fungo e non fai a fotosíntesis ben pero esa árbore pode ter reservas e seguir vivindo. Pero se se mantén no tempo pode chegar a morrer, que é o que pasou nalgúns sitios.

E entre as cortas neses lugares e o medo noutros, moitos propietarios decidiron tamén cortar. Entre o 2018 e o 2019 cortáronse moitas árbores e iso fixo baixar os prezos no mercado. Pero xusto veu unha forte demanda de madeira de conífera por parte de China e EEUU que fixo subir os prezos, o que fixo que se seguise cortando.

Hai un gran impulso por parte da industria para que se plante con piñeiro marítimo

Pero esas superficies non se volveron a plantar con piñeiro radiata. A industria segue tirando polo piñeiro, e se non é radiata por culpa da enfermidade, pois marítimo, e hai propietarios que o fixeron así. Pero outros propietarios seleccionaron outras especies que de seguro que non se verán afectadas pola enfermidade pero que se adaptan ben ás condicións do País Vasco. E aí a Cryptomeria japónica e a Secuoya sempervirens viuse que medran ben e estanse plantando moito.

En Guipúscoa, por exemplo, a criptomeria e a secuoya gañaron 825 hectáreas no último ano e consolídanse como as principais especies da repoboación forestal na actualidade, con 3.100 hectáreas plantadas sobre todo nos últimos 3 anos, nos que non se plantou nada de radiata. Así, o piñeiro insigne ocupa actualmente o 22% da masa arborada de Guipúscoa, cando fai tres anos era o 35%.

O piñeiro insigne ocupa actualmente o 22% da masa arborada de Guipúscoa, cando fai tres anos era o 35%

A incerteza con estas novas especies vén en canto ao uso da madeira. Noutros sitios si que se está utilizando, porque se imos a Xapón veremos que a cryptomeria é moi utilizada. Por exemplo, o estadio olímpico dos últimos Xogos estaba construído nun 60% de Cryptomeria japónica, porque aínda que non se utilice en elementos estruturais de suxeición do edificio, si que se utiliza moito noutros usos. E coa secuoya en California pasa o mesmo.

Pero outra cousa é o axuste que estas novas especies poidan ter coa industria actual do País Vasco, aínda que a nosa forma de velo é que ata a corta desas plantacións recentemente realizadas e as que poidan vir no futuro, temos aí unha marxe de 30 ou 40 anos para actualizar esa industria e desenvolver e xerar unha nova. Pero unha cousa é compra e transformación e outra o uso, a saída que poida ter despois.

– En Euskadi consómese madeira local km0?
– A sociedade vasca demanda bosques autóctonos e de frondosas pero despois non fai uso desa madeira local. Temos unha empresa no País Vasco, Grupo Gamiz, que está en Áraba e dedícase a facer laminados con frondosas. Traballan con madeira de frondosas autóctonas, pero o seu mercado está fóra. O 95% do que producen expórtano a outros países europeos.

A gran contradición da sociedade vasca é o que demanda e o que consome

Hai unha gran presión social que non che permite intervir nesas masas. Hai dificultades para facer pistas, por exemplo. A protección do alimoche, unha especie de paxaro, prohibe facer ruído no monte na primavera e verán, que é a época na que se deberían facer determinados traballos forestais, porque non é o mesmo facer podas de formación no verán ou en outubro. Para ben ser deberíanse facer entre xuño e xullo.

Hai aspectos sociais que hai que ter en conta e tamén determinadas regulacións. Na reserva da Biosfera de Urdaibai, por exemplo, non se permite vender a madeira de frondosas, aínda que si usala para consumo propio, para quentarse na casa, por exemplo.

– Cal é o nivel de sensibilización social no País Vasco en relación ao valor do monte?
– No País Vasco non temos unha Facultade de Forestais. A formación universitaria está ligada á bioloxía, polo que cando se fala desde o ámbito científico e investigador do monte sempre se fai desde o ámbito da bioloxía da conservación, que é necesaria, pero non desde o ámbito da produción de madeira e a xestión forestal.

No País Vasco temos unha Facultade de Bioloxía coa especialidade de Ecoloxía Forestal, pero non unha Facultade de Enxeñería Forestal

Coa enfermidade do piñeiro o que ocorreu é que á sociedade deulle igual. A sociedade non estaba preocupada por que os piñeiros estaban enfermando e morrendo. A xente non pensaba vou quedar sen o material para construír ou para facer o valo, ou sen unha zona de monte na que pasear, dáballe igual. A súa preocupación era se ese vermello era feo ou bonito e se era o momento de optar por non facer ningún tipo de xestión forestal.

Esa era a discusión, pero en ningún momento a problemática do abastecemento, porque en xeral as necesidades da sociedade vasca están nutridas con materiais non renovables. En Euskadi séguese usando moito formigón, moito aceiro e moito plástico, e cando é madeira, dá igual se vén de fóra ou non.

– Pois sorprende que digas iso, a pesar de que tedes unha importante conciencia do propio.
– Dámoslle moita importancia á txapela e ao pastel vasco, pero a ese outro aspecto non. En xeral ao vasco dálle igual se é madeira ou non, se esa madeira é local ou non e se é de especies autóctonas ou non. De feito, se é dunha especie autóctona, que é máis cara porque tarda máis en desenvolverse ou porque necesita máis xestión, o vasco, salvo excepcións e polo xeral, o primeiro que fai é descartar esa madeira por ser demasiado cara, porque o primeiro que inflúe na decisión de compra é o prezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información