Vicente Sotés é doutor enxeñeiro agrónomo e catedrático emérito de Viticultura da Universidade Politécnica de Madrid dende 2018. Con el abordamos a técnica do sobreenxerto en viñedo, xa que ao longo da súa traxectoria profesional seguiu de preto o cambio de variedades mediante esta técnica, tanto en viñedos estatais, en zonas como Rueda ou A Rioxa, así como en países coma Arxentina. Ademais, a comezos de ano, Sotés compartía a súa experiencia con viticultores de Ribeira Sacra interesados no cambio por variedades brancas nesta zona.
-O sobreenxerto en viñedo está a xerar certo interese como alternativa ao replantado das cepas, en que consiste esta técnica?
-É unha práctica que se utiliza moito en árbores froiteiras e que en menor medida tamén se emprega para o viñedo. Así, en zonas do Levante, onde a produción de froita ten un gran peso, adóitase utilizar esta técnica para contar con variedades que vai demandando o mercado ou que teñen mellores rendementos. Consiste en aplicar un novo enxerto coa variedade elixida na parte aérea da planta, conservando o portaenxerto. Nos viñedos este tipo de cambios adoitan non ser tan habituais como na produción de froita, xa que as viñas son moi esixentes en condicións de clima e solo e debe terse moi en conta antes de facer un cambio de variedades.
“Cun sobreenxerto ben feito, a planta volve producir en pouco tempo, xa que mantén o sistema radicular que a sostén”
-Que vantaxes presenta?
-As principais vantaxes do sobreenxerto son o aforro de tempo e custos fronte ao replantado dun viñedo. Nunha plantación nova tárdase ao redor de 4 anos en lograr produción e ata case os 7 anos non se alcanza unha plena produción, xa que o sistema radicular da cepa debe asentarse no solo. Mentres, co sobreenxerto a parte da raíz da planta mantense, só se cambia a parte aérea, polo que a planta mantén o seu sistema radicular, que está xa asentado no solo, ocupando máis espazo no chan, de maneira que a planta está máis equilibrada. Así, cun sobreenxerto ben feito, en pouco tempo a planta volve producir.
-Supón unha alternativa máis económica que o replantado?
-Realmente é unha alternativa máis económica fronte ao replantado, pero é unha operación que tamén require tempo e diñeiro. Aínda que os tempos se acurtan, ata o ano seguinte do enxertado a planta non empeza a producir uvas e tardará aínda un par de anos en lograr esa produción plena, pero aínda así é menos tempo que o replantado. Cabe ter en conta que no replantado, á marxe do tempo que tarda en producir a planta debe deixarse repousar o terreo polo xeral uns 3 anos antes de realizar a nova plantación, co que se incrementa aínda máis o tempo de espera.
Tamén hai que sumar o custo de realizar o propio sobreenxerto, que é aconsellable que se realice por persoal especializado.
-Que cifras se manexan? Canto pode supoñer o sobreenxerto dun viñedo?
-O prezo do sobreenxerto podo situarse entre 1 e 2 euros por planta, pero ademais, debe supervisarse a súa evolución, polo que é preciso pasar moitas veces pola planta para asegurarse que se logrou, xa que pode que nalgunhas plantas o enxerto non prenda á primeira.
“O sobreenxerto non é unha técnica moi difícil, pero os resultados son mellores se o realizan profesionais que estean afeitos a realizala”
-Hai empresas especializadas neste labor?
-Antigamente na viña, o viticultor facía todos os labores, pero hoxe en día para estes labores está a optarse por persoal especializado. Non é unha técnica moi difícil, pero os resultados son mellores se o realizan profesionais que estean afeitos a realizala. Agora mesmo o problema nalgunhas zonas é a dificultade para atopar estes profesionais. Probablemente en Galicia non haxa suficientes sobreenxertadores e teñan que vir doutras zonas de España, como Estremadura, Valencia ou Murcia onde hai cuadrillas de enxertadores especializados.
-Algún inconveniente derivado desta técnica que deba terse en conta?
-Debe facerse nunha plantación en boas condicións e debe revisarse a evolución do enxerto. Tamén debe facerse na época axeitada. Tendo isto en conta, o éxito pode ser de máis do 90% e nas plantas que fallen haberá que volver enxertar uns meses despois.
“En función de se se realiza un enxerto de xema ou de púa farase a principio da primavera ou finais do verán”
-En que época debe realizarse esta técnica para obter unha maior porcentaxe de éxito?
-O sobreenxerto pode facerse ao principio da primavera ou a finais verán, en función de se se fai un enxerto de xema ou de púa.
-Hai variedades que presenten mellores resultados para levar a cabo un sobreenxerto?
-Non. Trátase de sobreenxertar unha variedade de Vitis vinifera sobre outra, polo que non hai maior problema xa que son compatibles. Agora estase demandando moito sobreenxertar brancas sobre tintas, pero tamén pode facerse de tintas con tintas. Así, está a verse que se sobreenxertan Tempranillo con mutacións de Tempranillo que ofrecen mellores resultados. Iso si, o viticultor debe analizar moi ben que variedade vai a sobreenxertar, pero porque esa decisión debe ser moi pensada, non polos riscos do sobreenxerto.
“O sobreenxerto é unha alternativa para cambiar a variedades brancas nos socalcos da Ribeira Sacra, xa que esas cepas xa están adaptadas a ese solo”
– Precisamente este mesmo ano participou nunhas xornadas técnicas na Ribeira Sacra sobre o sobreenxerto, Sería unha alternativa para valorar para esta zona debido ao crecente interese que hai polos viños brancos ante a crise das variedades tintas?
-En territorios como Ribeira Sacra onde predominan os tintos, en especial o Mencía, e coa crise de consumo que hai destes viños, o sobreenxerto sempre é unha alternativa para ter en conta se se quere cambiar a variedades brancas, máis aínda en territorios como a Ribeira Sacra, xa que as plantas están xa adaptadas ao espazo nos socalcos da ribeira, aproveitando ao máximo o solo, polo que é máis interesante o sobreenxerto que arrincar esas cepas para plantar plantas novas, cuxas raíces terán que adaptarse ao terreo e desenvolverse.
-Funciona ben o sobreenxerto de Godello ou Albariño sobre tintas?
– Son totalmente compatibles. Non habería ningún problema.
“O sobreenxerto está a utilizarse para cambiar de variedade ou clon cando a cepa que se plantou no seu momento non lle convén xa ou non está a funcionar como se esperaba”
-Que motivos están a impulsar aos viticultores para optar polo sobreenxerto?
-Pode haber distintos motivos que leven ao viticultor a utilizar o sobreenxerto. En ocasións débese a que a variedade que plantou no seu momento non lle conveña ou non está a funcionar como se esperaba.
-É unha técnica moi utilizada noutras rexións vitivinícolas de España?
– Nas xornadas celebradas a principio de ano en Ribeira Sacra sobre o sobreenxerto participou precisamente Esteban Ponce, enxeñeiro agrónomo e responsable de viticultura de Adegas Marqués de Riscal, onde levan tempo facendo cambios de variedade. Eu colaborei xa con eles hai máis de 20 anos co cambio dun Verdejo que non estaba a funcionar ben en Rueda e procedeuse a sobreenxertar con outro clon de Verdejo. Ao ano seguinte estaba xa a plena produción. Está a facerse en moitas plantacións da Rioxa.
-Óptase polo sobreenxerto tamén noutros territorios vitivinícolas recoñecidos como Francia ou Italia ou prefiren o replantado?
-Aínda que se fai menos en viñedo que en produción de froita, o sobreenxerto é unha técnica que leva moito tempo facéndose tanto en España coma noutros países. En Arxentina lembro que co sobreenxerto optouse por cambiar a variedades máis comerciais e en Grecia empregouse para cambiar a uva de mesa.