“Co pastoreo baixo os custos de alimentación a menos de 3 euros día por vaca”

Visitamos a gandería de Luis Cejo Ferreiro en Silleda, baseada nun sistema de baixos custos de produción en base a pastoreo en extensivo, complementado con silo de herba, silo de millo e penso. Logra producións de entre 25 e 30 litros con menos de 3 euros de custos de alimentación por vaca e día.

“Co pastoreo baixo os custos de alimentación a menos de 3 euros día por vaca”

Luis Cejo coas súas vacas

Ás 52 vacas Holstein de Luis Cejo Ferreiro non lle sentan ben os espazos pechados. “Peléxanse entre elas se están pechadas, estrésanse porque están afeitas aos espazos abertos”, asegura este mozo gandeiro de 34 anos da parroquia de Cortegada, no concello pontevedrés de Silleda.

E tanto que están acostumadas a estar ceibas: agás durante as horas de muxido, están pacendo nos prados o resto do día e pola noite dormen fóra só protexidas pola espesura dunha carballeira. “E non teñen problemas de saúde por durmir fóra de noite?”, preguntámoslle a este gandeiro, afeitos como estamos a ver as vacas Frisonas en estabulación e cun manexo moi controlado. “Só notamos que baixa a produción nos días de choiva que teñen que durmir fóra, pero polo demais, o seu estado de saúde é moi bo, e a proba é que a media de partos por vaca é dun mínimo de 6”, responde Luis Cejo.

E é que a filosofía deste mozo gandeiro dende que se incorporou á explotación familiar no ano 2006 foi incrementar o manexo en extensivo, unha decisión a contracorrente da tendencia maioritaria no sector, pero que, sen embargo, lle permitiu afrontar mellor estes anos de fortes variacións dos prezos ao ter uns baixos custos de produción.

“Partín no ano 2006 dunha explotación familiar cunhas 20 vacas en muxido e uns 150.000 litros de produción e hoxe estou con 52 vacas, das que 47 están en muxido e uns 400.000 litros de produción anual. Para chegar aquí a miña estratexia foi durante estes anos seguir aumentando a base territorial, fundamentalmente con fincas preto da explotación, ata acadar as 50 hectáreas e situarme en arredor de 1 hectárea de pasto por vaca, chegando así a un punto de equilibrio”, explica este mozo gandeiro.

“A miña estratexia foi chegar a unha hectárea de pasto por vaca”

En canto a instalacións, coa súa incorporación hai dez anos tamén decidiu construír unha nova nave, na que está o almacén para os rulos de herba seca e para os apeiros, a sala de muxido e as cornadizas, así como un silo de trincheira e unha fosa de xurro, “que está case baleira, pero que tivemos que construír porque as axudas de incorporación e os plans de mellora non están pensadas para as ganderías en extensivo”, asegura Luis.

A razón é que as vacas deste gandeiro pasan practicamente todo o ano no exterior. “Están pacendo fóra todos os días, agás en anos excepcionais coma este no que en agosto secou o pasto”, asegura. O día a día destas vacas comeza sobre as 7 da mañá cando son conducidas dende a carballeira na que pasan a noite ata o establo para recibir unha ración de silo de millo -sementa unhas 6 hectáreas de millo e compra outras 5-, e penso. Cara as dez da mañá as vacas acaban de ser muxidas e saen ao prado onde permanecen ata as seis ou sete da tarde, dependendo da época do ano, cando Luis as tangue para a corte. Nova ración de silo de herba e muxido. E de novo volta a unha parcela onde pasarán a noite e na que dispoñen de herba seca a discreción.

As vacas reciben unha media de 150 gramos de penso por litro de leite

Todas as vacas reciben diariamente uns 4,5 kilos de penso -uns 150 gramos por litro de leite-, tanto en lactación como secas, “porque nesta gandería é máis ben un complemento á principal fonte de alimentación que é o pasto”, asegura Luis.

E con esta ración, ¿Cal é a produción e resulta realmente rendible? A produción por vaca rolda os 30 litros nas épocas de mellor pasto, sobre todo en primavera, e baixa a entre 20 e 25 litros nos meses de maior seca. “Co sistema no que estou os custos de alimentación baixan a entre 2,5 e 3 euros por vaca e día”, asegura Luis, bastante por debaixo dunha produción en intensivo.

As calidades do leite nesta gandería varían segundo a estación debido ao sistema de pastoreo, pero móvense nunha media anual de 3,3% de proteína e 4% de graxa e unha media de 200.000 células en tanque. O leite véndello a Reny Picot a través da cooperativa Cobideza a un prezo que neste momento está nos 28,5 céntimos por litro, máis calidades.

Unha porcentaxe de recría dun 15% anual

Ademais, o sistema de pastoreo permítelle reducir os custos de recría, o segundo capítulo de gasto nunha explotación de vacún de leite despois da alimentación, e aumentar os ingresos pola venda de becerros de cruce.

En concreto, recría anualmente unhas 6 ou 7 xovencas que envía a un gandeiro de Rodeiro, xa que no seu establo carece de instalacións axeitadas. Isto permítelle situar a taxa de recría en arredor do 15% anual, cun mínimo de 6 partos por vaca e animais que chegan ata os dez anos de vida. Os gastos en veterinaria e en podoloxía tamén son moi baixos en relación a unha gandería en extensivo.

“O mínimo é de 6 partos por vaca”

En canto á xenética, nesta gandería priman nos touros os caracteres de graxa. “En xeral buscamos dentro da raza Holstein un animal máis pequeno, que gaste menos enerxía, que pise menos e máis adaptado ao pastoreo”, asegura Luís.

A outra vantaxe, é que a maioría das 52 vacas do rabaño, arredor do 80%, son inseminadas con razas cárnicas, o que lle permite aumentar os ingresos pola venda de becerros de cruce. “Estamos inseminando con Limousin porque se ben é certo que as vacas paren máis tarde, tamén as secamos con arredor de sete meses e medio, e os xatos desta raza teñen mellor saída comercial na feira”, explica este gandeiro.

Manexo dos pastos: pradeiras con roturacións a máis longo prazo

As arredor de 50 hectáreas de pastoreo cerca da explotación das que dispón Luis Cejo permítenlle que “como máximo deixemos dous días as vacas na mesma parcela, e como mínimo tardamos unha semana en volver pacelas, co obxectivo de manexar ben o pasto”.

As súas pradeiras están sementadas con Raigrass inglés, e en menor medida trevos branco e violeta. “Antes anovábamos cada catro anos, pero agora estou buscando renovar a máis longo prazo e deixar as parcelas máis afastadas para plantar millo”, explica Luis. O abonado dos prados é exclusivamente animal, coas bostas das vacas e galiñaza dunha granxa de polos cercana.

Ademais, Luis Cejo fai cada ano uns 300 rulos de herba verde e outros 300 de herba seca cunha rotoempacadora que comprou a medidas cun veciño gandeiro. Para as arredor de 6 hectáreas de millo que planta recorre aos servizos de maquinaria de Cobideza.

Polo que respecta á fauna salvaxe, a súa principal preocupación é o xabarín, tanto polos estragos que provoca nas pradeiras como, sobre todo, nas parcelas de millo. En canto ao lobo, que si ten atacado ao gando noutras explotacións da comarca do Deza, no seu caso non rexistrou ningún problema ata o de agora, algo que atribúe “ao feito de que todos os animais son adultos e deféndense mellor que se foran xovencas”.

Futuro: manter o equilibrio entre vacas e base territorial e aumentar as calidades

En canto aos plans de futuro, o obxectivo de Luis Cejo “é quedar entre 45 vacas en muxido e un máximo de 60, porque con máis deixaría de ser cómodo en extensivo, xa que tería que facer dous lotes e daría máis traballo para o manexo, necesitando xa dúas persoas para levalas ao prado”.

Tamén quere seguir mellorando as calidades do leite, tanto en graxa como en proteína, pois está convencido de que “cada vez vanse pagar máis os sólidos e non tanto as cantidades”. Neste sentido, ten en proxecto empezar a introducir a raza Jersey.

“Quero dispor dunha zona cuberta exterior para acubillar as vacas”

Ademais, e a curto prazo, ten previsto construír unha zona cuberta exterior onde se poda resgardar o gando de noite, xa que, segundo recoñece “nas noites de inverno con choiva, nótase bastante a baixada da produción das vacas no muxido”.

Como resumo, Luis Cejo recoñece que este sistema de manexo do gando vacún de leite en pastoreo “non é cómodo no sentido de que como gandeiro tes que andar fóra todos os días, chova ou faga sol, para levar e traer as vacas ao prado”. Pero como principal vantaxe sitúa os baixos custos de produción, que lle permite ser máis resistente ás crise de prezos, “xa que as vacas son as que fan o traballo de recoller o alimento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información