“Co método biointensivo logro altos rendementos en pouco espazo, pero coidando e protexendo o solo”

Case nove anos leva Aitor Jamardo cultivando produtos da horta na comarca de Caldas. E cun precepto claro: o respecto polo medio ambiente e o coidado dos solos en todo o proceso. A venda directa é outro sinal de identidade deste proxecto que tamén ofrece formación e asesoramento. Falamos con Aitor para repasar a traxectoria da súa empresa e as expectativas de futuro

Publicidade

WhatsApp Image 2026-02-02 at 13.57.32

Xerente, operario de cultivos, formador e comercial de Cultivo Gallego. Practicamente todos os labores que se realizan na empresa recaen en Aitor Jamardo Chenlo. A piques de facer os 33, este mozo nacido en Caldas de Reis e músico de formación leva 9 anos dedicado á horta. Coa especificidade de que practica a agricultura biointensiva.

O método biointensivo

“O proxecto comezou cunha horta caseira e coa venda de limóns que tan ben se dan na nosa bisbarra. De aí montei un negocio de tarefas de xardinería no que botei cinco anos. Entre a experiencia que adquirín e a formación que me fun preocupando de recibir, puxen en marcha Cultivo Gallego.”, explica Jamardo.

Dende o primeiro momento tivo claro que se ía dedicar á produción hortícola de temporada mediante o método biointensivo. “Trátase dun sistema de agricultura orgánica a pequena escala que permite obter altos rendementos, en pouco espazo, aforrando insumos e, o que é máis importante, coidando e protexendo o solo.”

Segundo a definición da Food and Agriculture Organization (FAO), o cultivo biointensivo é un método de agricultura enfocado, principalmente, ao autoconsumo e comercialización de excedentes. O sistema non utiliza insumos externos para alcanzar un alto rendemento en pouco espazo, e usa menos cantidade de auga que a empregada en agricultura convencional.

Jamardo destaca, ademais que “a agricultura biointensiva é un sistema de cultivo resiliente que restaura e mellora o terreo. Tamén mestura o saber tradicional cos coñecementos científicos actuais, o que leva a cultivos respectuosos co medio ambiente e sustentables a longo prazo.”

Cultivo Gallego, que ten as súas instalacións no concello de Portas, aposta por catro preceptos claros:

– Maior produción en menos espazo

– Alimentos máis nutritivos e saudables

– Redución de custos de produción

– Preservación da biodiversidade

No caso de Jamardo, é un cultivo rexenerativo de terreos e adaptado á comercialización. Aumenta a produción por metro cadrado en comparación con sistemas comerciais ou ecolóxicos. Aitor considera que o que fai medra en valoración entre o público urbano cada ano que pasa.

“Porque ven unha persoa xoven cun proxecto de emprendemento no mundo rural. O produto gusta e ademais ten uns prezos populares e atractivos. Sen esquecer que hoxe está moi valorado todo o que ten que ver co coidado do medio ambiente e as prácticas sustentables.”

Cada vez hai máis público urbano disposto a mercar produtos respectuosos co medio ambiente e producidos na contorna das cidades. (Aitor Jamardo, Cultivo Gallego)

Venda directa

O seu principal mercado é o de proximidade e, no eido urbano, Vilagarcía, a oitava poboación con máis habitantes de Galicia. Pero recibe numerosos pedidos de persoas residentes en Vigo ou Pontevedra. “Porque nas cidades non hai posibilidades de cultivar, mentres que en Caldas e na contorna cada vez hai máis xente que se decide a poñer unha horta. Eso fai que os pedidos de particulares e restaurantes poidan diminuír en cantidade, pero acabo gañando clientes por outras vías.”

O proxecto de Jamardo céntrase en ofrecer en todo momento produtos de temporada

O proxecto de Jamardo céntrase en ofrecer en todo momento produtos de temporada

Jamardo sinala tamén que nas cidades hai pouco espazo e pouca cultura dos hortos urbanos. E os que hai non teñen a continuidade e crecemento agardados. Por eso ve no urbano un nicho cada vez máis importante para o produto local.

Os inicios sempre son difíciles. El tivo moitas dificultades cando comezou. “Aprendín todo polas malas. Pero eso ten a vantaxe de que, se te equivocas unha vez, xa non tes gañas de volverte equivocar. Aprendes moi rápido porque os erros supoñen perdas económicas. Non é preciso ser enxeñeiro agrónomo para sacar adiante un cultivo, pero si que é necesario formarse o máximo posible e aproveitar todas as actividades formativas que se nos presenten.”

A imposibilidade de cultivar nas cidades xunto coa preocupación pola saúde e o medio ambiente favorecen as producións como a nosa

Tamén considera imprescindible facer un estudo de mercado antes de emprender. Porque de pouco serve facer ben as cousas ou ter un produto de primeira categoría se logo non hai a quen venderllo. Ou que os prezos que paguen sexan demasiado baixos. Sen esquecer que sempre vai haber unha merma no cultivo por diferentes motivos (pragas, clima, manexo…).

A venda directa é a práctica máis empregada por Jamardo. E supón unha mellora da marxe de beneficio. “Non hai a presión de obter unha cantidade mínima de quilos para cumprir cun só comprador da distribución e cubrir os custos. E tamén se pode combinar a provisión a un almacén ou a unha cooperativa coa venda directa.”

Hoxe ten 4.000 metros cadrados de cultivos e dalle para vivir sobradamente. En boa medida, eso débese á venda directa. “Que apareza un pouco mildeu ou un pouco pulgón non me quita o sono. Non teño a necesidade de que todo estea perfecto e se perda un só gramo de produto. Coas plantacións industriais para a gran distribución están pactados os quilos a entregar, os tratamentos que se poden aplicar ou non e todo o proceso dende o inicio ata o final da temporada.”

“Os nosos produtos recoléctanse o mesmo día da entrega, garantindo unha frescura óptima cun máximo de 24 horas entre a recolección e a entrega. Así ofrecemos alimentos frescos seguindo o ciclo natural das estacións e respectando os tempos da natureza.”, afirma.

Emprender no rural pode resultar atractivo, pero é precisa unha certa formación e analizar moi ben o que se quere facer e se se pode facer

Promoción e programa formativo

Para o responsable de Cultivo Gallego, “Asistir a eventos de encontro rural/urbano é moi importante para pequenos produtores coma min. Aí dámonos a coñecer e sempre establecemos contactos que nos serven a nivel comercial, técnico e colaborativo. Se cadra para quen xa está asentado non son de tanta utilidade, pero para os pequenos produtores son o mellor escaparate e a mellor biblioteca, estou seguro.”

Para Jamardo é fundamental estar presente en foros de encontro rural/urbano como o foro Rural Sustentable

Para Jamardo é fundamental estar presente en foros de encontro rural/urbano como o foro Rural Sustentable

Outra liña de negocio de Cultivo Gallego está na formación. A experiencia e os coñecementos adquiridos en nove anos de agricultura biointensiva -e o que seguen aprendendo todos os días- están dispoñibles mediante programas de formación personalizados. “Cada terreo e cada cultivador é un mundo e ten as súas particularidades. De aí que cada quen teña que aprender en función dos recursos dos que dispón.”

A empresa ofrece cursos, obradoiros e asesoramento para agricultores, estudantes e cunha liña específica para calquera persoa que teña interese en aprender métodos de cultivo sustentables e que sinta preocupación por preservar o medio ambiente.

Hai que ter en conta que na agricultura, e máis na biointensiva, hai principios xerais. Pero logo cada terreo, cada persoa e cada cultivo son moi específicos

Tanto na súa práctica agronómica como nas accións formativas que desenvolven, en Cultivo Gallego guíanse polos seguintes principios e criterios:

. Rexeneración do solo

Mellórase a fertilidade do solo ano tras ano,no canto de degradalo

Foméntase a vida microbiana e a biodiversidade mediante o uso de compost e a supresión de agroquímicos

Evítase a erosión polo emprego de cultivos densos que protexen do sol e a chuvia

. Aforro significativo de auga

O cultivo biointensivo pode reducir o uso de auga ata nn 80-90% respecto a métodos convencionais

Alta densidade de sementeira, que sombrea o solo e reduce a evaporación

Utilízanase técnicas de rega eficiente como rego por goteo ou manual

. Protección da biodiversidade

Non se usan pesticidas nin fertilizantes sintéticos, o que protexe os polinizadores (abellas, mariposas ye outros insectos beneficiosos)

Foméntase un ecosistema agrícola diverso e equilibrado

As técnicas biointensivas poden convivir con agroecosistemas locais sen desprazar especies nativas

. Redución da pegada de carbono

O método biointensivo é esencialmente manual, reducindo o uso de maquinaria pesada e, por tanto, de combustibles fósiles

A compostaxe e a produción local de alimentos secuestran carbono no solo, axudando a mitigar o cambio climático

Promove o cultivo local, diminuíndo a necesidade de transporte e as súas emisións asociadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información