“Eu vivín a carón de abellas desde pequeno”, conta Manuel Fernández Sande, un apicultor de Laxosa, no Corgo, que ten hoxe 850 colmeas repartidas por varios concellos da contorna. Ademais é secretario de APLA, a Asociación Provincial Lucense de Apicultores, e vogal da IXP Mel de Galicia.
A paixón polas abellas veulle do seu avó Constantino, que tiña un colmear para autoconsumo ao lado da casa, e para Manuel “poder adicarte profesionalmente a algo que che gusta é moi importante na vida”, valora.
“Levo desde o ano 2000 con colmeas e desde entón fun medrando pouco a pouco até que chegou un momento no que tiña que tomar unha decisión porque non daba atendido, así que era ou dedicarme a unha cousa ou á outra”, di.
Neste momento teño unhas 600 colmeas en produción e o resto son núcleos do ano
Por iso, no ano 2015, despois de pasar por varios traballos, decidiu apostar o seu futuro ás abellas. “Facendo as cousas ben e con moito esforzo pódese vivir da apicultura. É un mundo fascinante no que estás en contacto coa natureza”, destaca.
Adaptar o número de colmeas á floración dispoñible
Manuel ten neste momento 14 colmeares distribuídos en distintos emprazamentos. “Busquei novos lugares con alto valor polínico en varias zonas da provincia de Lugo, nos concellos de Friol, Muras, O Corgo, Castroverde e Baralla. Estas diferentes ubicacións, con diferentes floras, permítenme dispor de varios tipos mel cun sabor, textura, aroma e cor diferente”, explica.
Busquei novos emprazamentos con alto valor polínico en varias zonas da provincia de Lugo
O número de colmeas en cada un destes apiarios varía, en función da floración dispoñible que haxa na zona, entre as 20 e as 80. “A elección do sitio e do número de colmeas debería ir sempre en función da floración”, defende.
O manexo tamén varía tendo en conta a ubicación e a floración predominante. “Nuns lugares as abellas espertan antes da invernía e noutros sitios a tempada venche máis tarde, a pradeira ou a uz veñen antes, mentres que a silva e o castiñeiro chegan despois”, explica.
A primavera, a época de máis traballo
Desde febreiro até que acaba de retirar o mel en setembro, Manuel está entre abellas case todas as horas do día con luz e case todos os días da semana. É a época máis dura de traballo, recoñece.
Manuel non traballa con fume, por axilidade e para estresar o menos posible ás abellas
A campaña comeza á saída do inverno coa primeira revisión do ano e coa colocación do tratamento contra a varroa. “Para min hoxe en día é imprescindible facer dous tratamentos. Máis aló da posible mortandade, nótase moito na produción, xa que polo efecto da velutina o tratamento de outono reduce moito a súa eficacia, porque funciona por contacto e ao estar as colmeas están moito máis paradas por estar bloqueadas a efectividade do tratamento non é a mesma”, explica.
Despois, daquelas colmeas que están máis avanzadas, fai núcleos para repoñer baixas, tratando deste xeito de reducir a enxamía. Cando chegan as floracións máis importantes Manuel coloca as medias alzas das que extraerá o mel a finais do verán, pero para iso as colmeas deben estar preparadas, coa poboación necesaria, para enchelas de mel.
Os efectos do cambio climático
Por iso, para decidir o manexo a realizar recomenda mirar a floración que hai en 3 km arredor do colmear e estar moi pendente do tempo e dos cambios na climatoloxía. “Agora hai uns cambios moi bruscos e de repente poden vir semanas de moi mal tempo e baixadas importantes das temperaturas nas que é necesario alimentar porque se che colle a colmea con moita cría e vén unha semana moi mala sufre moito”, di.
Esta alimentación complementaria é unha das claves hoxe en día da apicultura, considera, pero tamén supón un importante gasto económico. “Eu gasto tres palés de alimento sólido ao ano e dous contedores de alimento líquido”, detalla.
Ter abellas é como ter vacas; para que produzan hai que gastar nelas
Alimenta antes de poñer a alza, na cámara de cría, con xarabe de glucosa, simulando deste xeito a entrada de néctar na colmea para estimular a posta da raíña en primavera, algo que repite tamén no outono, despois de sacar o mel e tralo bloqueo provocado pola velutina, para que a colonia gañe poboación de cara a enfrontar con garantías a invernía.
Despois, durante todo o inverno e nas semanas climatoloxicamente adversas da primavera, ponlles alimento sólido de mantemento. “Para manter a poboación é imprescindible alimentar, porque as abellas teñen que comer. Para que che produzan, hai que gastar nelas, igual que nas vacas”, compara.
A velutina, un grave problema que obriga a adiantar o manexo
Pero o traballo do apicultor a día de hoxe en boa parte de Galicia non consiste unicamente en adaptarse á floración senón tamén á velutina. “Hai que adiantar todo o manexo e a retirada do mel para minimizar a presión da velutina”, recomenda.
A partir de finais de agosto, en función da carga que haxa no colmear, Manuel opta por reducir a entrada da piquera para que o ataque sexa menos letal. “As velutinas cébanse se unha colmea está débil e derivan tamén cara as que están pegadas a ela”, asegura. Por eso, di, é necesario manter as colmeas fortes e o máis equilibradas posible para deste xeito repartir o dano.
Até agora tiña unha mortandade por debaixo do 10%, pero o ano pasado nalgún apiario morréronme o 80% das colmeas
“Eu até agora tiña moi pouca mortandade, por debaixo do 10%, pero o ano pasado tiven máis, con apiarios moi afectados. Nalgúns chegáronme a morrer o 80% das colmeas, pero non todas as zonas foron iguais. Facendo o mesmo manexo en zonas moi próximas a mortandade foi moi distinta”, indica.
Esta importante afectación debeuse a varios factores, entre outros, á combinación entre velutina e varroa. “A velutina afoga e a varroa mata, porque os tratamentos funcionan por contacto e se non hai actividade na colmea a súa efectividade é moito menor”, asegura.
A gran explosión da velutina tivo lugar o ano pasado; foi o punto de inflexión
Manuel notou un cambio exponencial na incidencia da velutina sobre as súas colmeas o ano pasado. “Na costa xa levan sufrindo o problema moitos máis anos, pero no centro de Lugo e nas zonas altas a explosión tivo lugar o ano pasado, foi o punto de inflexión. Até o ano pasado había velutina, pero non che facía bloqueo nas colmeas. Colleunos desprevidos total porque non contabamos que ía haber unha explosión tan grande, pero veu un verán excepcional que durou moito tempo e antes houbera unha primavera con auga, así que déronse as condicións ideais”, argumenta.
“A campaña de trampeo da Xunta chegou moi tarde”
Manuel trampeou de maneira intensa esta primavera, ao igual que en anos anteriores, e pídelle maior implicación ás Administracións. “Os apicultores estamos facendo o noso traballo, pero correspóndelle aos demais tamén facer o seu. A Xunta deseñou este ano un plan ambicioso pero chegou moi tarde. A finais de abril aínda non estaban colocadas as trampas, só estaban as que puxemos os apicultores. Para que sexa efectivo hai que facer un trampeo con tempo, que implique a todos os sectores, e ten que ser un trampeo escalonado, que na costa comece antes”, argumenta.
Coma moitos compañeiros seus tamén apicultores, Manuel considera que a inacción das Administracións permitiu o avance desta especie invasora desde que fai 20 anos apareceu en Francia. “En Galicia levamos con ela xa máis de 10 anos sen que até agora se tomase en serio o problema por parte da Xunta”, di.
Por iso, ademais dun plan de contención, propón falar con outros países que levan máis tempo combatendo a velutina para ver que medidas lles foron eficaces. “Penso que sería interesante ter reunións bilaterais con outros países, polo menos para non repetir os mesmos erros que cometeron eles. Sería un paso importante, xunto con dotar de orzamento á investigación”, defende.
Unha PAC que só prima a polinización
A Política Agraria Común recoñece a función de polinización que realizan os apicultores cun pago de 20€ por colmea en convencional e 35€ en ecolóxico (40€ durante o período de conversión). Para poder cobrar esta axuda hai que ter un mínimo de 80 colmeas e dous colmeares, non estando suxeita a que a súa ubicación se localice en zona de montaña, coma no período anterior. “Desde Bruxelas ven a apicultura unicamente como biodiversidade, non como actividade económica, por iso a PAC, no caso do sector apícola, está orientada ao medio ambiente, non á produción”, afirma.
Hoxe en día as axudas da PAC e as do Plan Apícola son indispensables para seguir mantendo unha explotación apícola profesional
“Hoxe en día, pola merma nas colonias que está a causar a velutina, as axudas da PAC, ao igual que as do Plan Apícola, son indispensables para seguir mantendo unha explotación apícola profesional, pero tiña que haber primeiro un orzamento para a vespa asiática”, considera Manuel, porque, di, “se non se dá unha solución ao problema da velutina, vai haber unha merma moi importante de abellas, porque se non é rendible nin viable a actividade cada vez haberá menos xente profesional que se adique a isto e as persoas que as teñen para autoconsumo acabarán abandonando tamén”, asegura.
Mel de autor amparado pola IXP Mel de Galicia
Manuel Sande produce o que define como “mel de autor”. Comercializa coa súa marca diferentes tipos de mel, todos acollidos á IXP Mel de Galicia, en envases de 1 kg, 500 gr e 250 gr e produce tamén pole.
“Dispoño dun pequeno obradoiro onde realizo o proceso de extracción, almacenamento e envasado dos produtos da colmea. Das abellas podes quitar de todo, pero despois hai que ser capaz de comercializalos. No caso do pole, por exemplo, o mercado é moi limitado, e o mesmo pasa co propóleo, que non é doado de comercializar”, di.
Extrae distintos tipos de mel e pole e o seu mel multifloral foi premiado nas tres últimas catas dos mellores meles galegos
Nos últimos anos o seu traballo veuse recoñecido con diversos galardóns, entre eles tres medadas de prata para o seu mel multifloral nas tres últimas Catas de Meles de Galicia, as do ano 2021, 2022 e 2023.
Ten un mel multifloral de cor escura, onde predomina o breixo e o carballo, e outro máis claro, onde predomina o trevo e a silva. Tamén extrae meles monoflorais de castiñeiro e de silva, aínda que o ano pasado a floración de silva foi escasa.
Os meles monoflorais en Galicia tiran pouco
“No 2023 case non houbo silva pero a porcentaxe de castiñeiro nestas zonas foi altísimo o ano pasado e case todos os lotes superaban o 70%, polo que case todos cumprían como monofloral”, explica. Con todo, admite que “en Galicia os meles monoflorais tiran pouco”.
Manuel ten rexistro sanitario e podería vender fóra da comunidade, pero “os botes de cristal son un hándicap, porque rompen e os envases de plástico de momento non están permitidos na IXP e tampouco teñen boa aceptación por parte do consumidor”, di.
“É importante que haxa controis estritos”
Manuel é vogal da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e defende a necesidade de endurecer os controis e as normas de etiquetaxe para o mel de importación de países de fóra da UE para evitar a fraude e o engano ao consumidor.
“Entrei fai 3 anos na IXP porque penso que é importante ter unha marca de calidade diferenciada e recoñecida que fai controis estritos. Eu fago analíticas de todos os lotes que saco ao mercado. Como mínimo analizo parámetros de humidade, HMF e actividade diastática. E logo as análises políticas, que desde o ano pasado pódense facer no Laboratorio de Sanidade Animal de Lugo”, explica.
Venda a distribuidores
O 50% da súa produción envásaa coa súa propia marca e o resto etiquétao para algún distribuidor ou véndeo a granel. “Eu certifico toda a produción, tanto a que envaso eu como a que vendo a granel, porque vai para envasadoras de Galicia que están acollidas tamén á IXP”, aclara.
Comercializo toda a miña produción certificada, tamén a que vendo a granel, pero o prezo caeu moito nos últimos dous anos
Entre os seus clientes están pequenas tendas, pedidos de particulares e algún distribuidor. “Se estás a producir non podes estar a distribuír e a vender, non hai tempo para todo”, recoñece.
Nos últimos dous anos a caída do prezo do mel a granel foi considerable, de entorno a un 30% con respecto ao 2021, un ano no que acadaran os 4,80€ o quilo. Pero desde entón acumulou dúas baixadas importantes, dun euro no 2022 e de case 50 céntimos no 2023, no que se vendeu a 3,40€ máis IVE.
Secretario de APLA
Ademais de ser vogal da IXP Mel de Galicia, Manuel é tamén secretario da Asociación Provincial Lucense de Apicultores, da que forman parte 450 socios de toda a provincia. “O número de socios aumentou moito nos últimos anos, a maioría afeccionados. É importante estar asociados e traballar en conxunto”, defende.
APLA realiza formacións, con cursos específicos todos os meses, ademais de outros servizos como o seguro colectivo, a tramitación do Plan Apícola ou o asesoramento técnico e veterinario.
A partir do 1 de xuño de 2025 os apicultores con máis de 15 colmeas deberán designar un veterinario de explotación
“O próximo reto que temos por diante todas as asociacións apícolas é o do veterinario de explotación, porque todos os produtores con máis de 15 colmeas van ter que designar un”, conta. Aínda que a entrada en vigor retrasouse un ano, até o 1 de xuño de 2025, desde APLA xa están valorando distintas opcións para solventar este problema aos seus socios.