“Co actual marco normativo, a regulación de excedentes corresponde ás organizacións de produtores e ás cooperativas”

O director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo, sinala a necesidade dunha maior coordinación dos gandeiros para negociar no mercado e para xestionar os seus volumes de producción

“Co actual marco normativo, a regulación de excedentes corresponde ás organizacións de produtores e ás cooperativas”

Luis Calabozo, director xeral da Fenil.

O caso da cooperativa Codegui (Guitiriz, Lugo), que desde este luns ten que vender a súa producción para leite en po, a 18 céntimos litro posta na fábrica, exemplifica un grave problema de desequilibrio no mercado lácteo español e, en particular, no galego. Os prezos medios cobrados polas granxas non están moi lonxe da media europea, pero a diferencia do que sucede en Europa, en Galicia a saturación do mercado plásmase en prezos ruinosos, coma os de Codegui, para unha parte das ganderías. Falamos co director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo, para coñecer as súas opinións sobre a actual coxuntura.

A análise do director xeral da Fenil aborda as posibilidades de mellorar a situación de mercado en España nun contexto europeo de dificultades xeralizadas. “A situación de mercado é similar en toda Europa, cun aumento da oferta máis amplo do esperado tendo en conta a caída de prezos do leite” -valora Luis Calabozo-. “Os aumentos da producción están xerando graves problemas en granxas de países como Alemaña ou Dinamarca, a pesar de que no norte de Europa hai grandes cooperativas que se encargan de xestionar os excedentes, o que difumina o custo de regulación entre todos os socios e, en consecuencia, o impacto directo sobre o gandeiro é menor”.

“As industrias, unha por unha, están enviando sinais de mercado para penalizar o aumento de producción”

Control da producción
A primeira cuestión a solventar tanto a nivel europeo como español é o aumento progresivo da producción, que en Europa subiu o 5,5 % en novembro en relación ó mesmo mes do ano anterior. “É necesario que a oferta reaccione á situación”, considera Luis Calabozo. “As industrias, unha por unha, están enviando sinais de mercado, con contratos que nalgúns casos pagan a producción por treitos, cun último treito de menores prezos, ligado ás cotizacións do leite en po. As penalizacións ó aumento de producción son unha mensaxe e un xeito de protexer o mercado”.

A ralentización da producción, sen embargo, faise esperar máis do agardado polas industrias. “En España seguen medrando as entregas de leite. Ante unha caída de prezos que se podía considerar transitoria, as explotacións optaron por acelerar a producción para xerar máis tesourería”, explica Luis Calabozo. “Esa situación dura máis do esperado. Hai un retraso no descenso da producción”, valora. A continuidade dos baixos prezos levará probablemente a esa merma das entregas, ó entender do director xeral da Fenil. “Cando os ingresos das granxas non dean para afrontar pagos, haberá que reducir producción”, pronostica.

Xestión de excedentes
A segunda cuestión que preocupa no mercado é a busca de saída para os excedentes lácteos. “En España hai unha situación moi dual, con moita diferencia de prezos”, recoñece Luis Calabozo. “A maioría do leite nacional ten un prezo estable por riba do retorno que ofrecen no mercado a graxa e a proteína dese leite. Temos prezos por riba doutros países europeos competidores”, suliña o director xeral da Fenil. “Hai outra parte do leite, o coñecido en Europa como leite spot, que é o que transmite a volatilidade ó mercado”, explica Calabozo.

“O custo de regulación do leite repercútese sobre uns poucos gandeiros, pero non hai mecanismos para facelo doutro xeito”

O prezo do leite spot, que depende da cotización puntual do mercado, chegouse a mover en Holanda no entorno dos 15 céntimos por litro semanas atrás, se ben eses prezos, a diferencia do que pasa en Galicia, dilúense entre todas as granxas. “En España, o custo de regulación dos excedentes non se repercute directamente entre toda a masa de leite, senón sobre uns poucos gandeiros, pero non hai mecanismos para facelo doutro xeito”, considera Luis Calabozo.

“Unha solución podería ser unha gran cooperativa que, legalmente, con diversificación de compradores e de mercados, puidese ordear o concentrado do leite sobrante e a súa venda en cisternas spot” -sinala Luis Calabozo-. “A outra alternativa é a través das organizacións de produtores, que poderían xestionar os seus excedentes a maquila en torres de leite en po”, suxire.

Competencia
O sector gandeiro entende que, a curto prazo, a solución pasa porque a Administración intermedie entre as industrias para posibilitar unha xestión colaborativa dos excedentes, pero desde a Fenil descartan esa opción. “Carecemos de marco legal. Sería precisa unha iniciativa europea con marco regulatorio, co visto bo de Competencia, e que fose incentivada despois a nivel nacional”, advirte Calabozo.

“Antes, se unha industria deixaba gandeiros, podía axudalos a buscar outro cliente, pero esa práctica foi sancionada”

O director xeral da Fenil incide en que as industrias teñen as mans atadas por Competencia. “Antes, se unha industria tiña que deixar gandeiros, podía tratar de axudalos a atopar outro cliente que lles mercase a producción, pero esa práctica foi sancionada por Competencia e rematouse terminantemente, seguindo as instruccións dos gabinetes xurídicos de cada industria”.

Organizacións de produtores en Galicia
A opción suxerida pola Fenil dunha xestión de excedentes a través das organizacións de produtores (OPs) choca coa nula operatividade das dúas organizacións de produtores constituidas en Galicia, Ulega, ligada a Unións Agrarias, e Aprolact, de base cooperativa. Ambas organizacións teñen advertido de xeito reiterado da negativa das industrias a negociar, negativa evidente nos correos electrónicos remitidos ó respecto por algunhas industrias.

“Para poder negociar cunha OP, as industrias deben saber exactamente que leite mercan e en que condicións”

Preguntado por esta cuestión, Calabozo avoga por un fortalecemento das organizacións de produtores. “En España, xa hai casos de éxito de organizacións de produtores”, defende. “As organizacións de produtores deben ter poderes executivos, delegados por cada socio, e unha estrutura e xerencia que lles permitan capacidade de negociación e de xestión de volumes de leite. Para poder negociar, as industrias teñen que sentarse cunha organización de productores coa que poidan negociar exactamente que leite mercan e en que condicións”, advirte o director da Fenil.

As industrias avogan, por tanto, por OPs que teñan a capacidade de asinar acordos executivos en nome dos seus socios. En Galicia, Aprolact, a OP das cooperativas, xa conta con esa capacidade teórica, se ben tampouco foi capaz de chegar a acordos coas industrias. Cuestionado por esa circunstancia, Calabozo sinala que descoñece as particularidades das organizacións de produtores de Galicia e reitérase no dito, que as industrias precisan de OPs fortes.

Lactalis, un conflicto “desenfocado”

O conflicto que manteñen os gandeiros galegos con Lactalis é visto polo director xeral da Fenil como un problema que sitúa á marxe dos temas de calado que deben preocupar ó sector. “O sector ten que ter unhas expectativas realistas da situación de mercado e tomar medidas executivas e operativas. As industrias están mandando sinais claras”, apunta Calabozo en alusión á necesidade de reducir a oferta.

“As industrias tratan de evitar que este ciclo condicione o futuro das granxas porque o seu leite será necesario”

A aceleración da producción -sinala- non vai en consonancia cunha aceleración da demanda, unha cuestión que liga ó contexto de baixos prezos. “Ir en España contra a tendencia xeral do mercado non é posible no longo prazo porque nos sacaría do mercado”, advirte Calabozo. “Na Interprofesional Láctea, gandeiros e industrias temos unha interlocución profesional e as industrias están concienciadas en tratar de evitar que este ciclo condicione o futuro das granxas porque o seu leite será necesario máis adiante” -valora-, “pero debemos traballar nos axustes e transformacións nos que poidamos actuar”.

Calabozo, que non entra a analizar o trasfondo do conflicto con Lactalis, entende que o problema se está abordando nun marco e nun xeito de negociación “desenfocado”. “Temos asinado un acordo lácteo no que exprimimos os límites da legalidade” -sostén.- “Debemos actuar con ese marco operativo e legal alí onde se poida actuar e ter unhas expectativas realistas”, valorou na mañá do venres, horas antes da concentración gandeira ante a planta de Lactalis en Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información