Un legado de vida no monte veciñal de Riomao: xestión comunitaria como motor de futuro

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Riomao, no concello da Veiga, é un exemplo de resistencia rural e xestión forestal sostible. Só seis persoas residen habitualmente na aldea, pero o seu monte, de case 1.700 hectáreas e con certificación PEFC, é hoxe un referente en biodiversidade, investigación e aproveitamento responsable dos recursos.

Publicidade
Un legado de vida no monte veciñal de Riomao: xestión comunitaria como motor de futuro

O Programa de Recoñecemento de Montes do sistema de certificación forestal PEFC pon en valor o traballo de comunidades que apostan por un modelo de xestión integral, compatible coa produción, a conservación da natureza e o servizo á cidadanía. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Riomao, no concello da Veiga, é un dos montes recoñecidos por PEFC e encerra unha historia grande. Case 1.700 hectáreas de monte, seis persoas residindo habitualmente na aldea e un compromiso firme coa conservación e a xestión sostible converten este lugar nun exemplo de resistencia e visión de futuro.

Unha vida dedicada ao monte

Benjamín Fernández Balboa, presidente da comunidade, lembra con nostalxia aqueles tempos nos que o monte era o centro da vida. “Desde pequeno xa viña por aquí co gando, coas cabras e as ovellas”, relata. Daquela, o pobo de Riomao contaba con preto de 200 persoas que habitaban unhas 30 casas. El mesmo chegou a durmir tres noites nos outeiros co gando, unha experiencia que garda na memoria como parte dese vínculo indisoluble coa terra.

“Desde pequeno viña coas cabras e ovellas ó monte. Daquela eramos 200 persoas na aldea, hoxe quedamos 6”

O monte era entón un espazo vivo, cheo de actividade. “Toda unha vida no monte”, resume. “Cando eramos novos, porque non había outra cousa, os novos, os rapaces, pois andábamos co gando. Era o que facíamos.” Cabras, ovellas e vacas percorrían as ladeiras, exercendo unha desbroza natural que mantiña o monte limpo.

benjamin

Un pobo que marcha, un monte que resiste

O paso do tempo trouxo cambios profundos. “Agora somos tres comuneiros, somos seis persoas aquí na aldea”, confesa Benjamín. O minifundio, a mecanización do campo e a falta de oportunidades empuxaron aos máis novos a buscar horizontes fóra. “Estes puebliños acabarán quedando sen xente. Por desgraza, porque, a ver, isto non se debería de perder, pero os anos pasan, os maiores morremos, e os novos non queren vir”, lamenta.

Aínda que recoñece que “agora hai unha nova tendencia a querer irse para a aldea”, impulsada quizais polo coronavirus, Benjamín é realista: “Para a aldea os novos non veñen, porque non teñen medio de vivir”. A dureza da vida no rural, o illamento e a falta de servizos fan que, por moi bonito que sexa estar xubilado na aldea uns días, “tamén chega un momento que tamén te aburre”.

Hai importantes áreas de frondosas, con carballeiras e reboleiras que ocupan o 55% da superficie xestionada, xunto a masas de piñeiro silvestre, negral e alerces

Un monte certificado e ben xestionado

A pesar do despoboamento, o monte de Riomao -coñecido como Biduedo e Serra do Eixe- mantense vivo grazas a unha xestión activa e profesional. Con case 1.700 hectáreas, das cales máis de 1.100 son monte arborado, é un dos montes máis extensos do concello da Veiga, o municipio de maior superficie da provincia de Ourense, con preto de 30.000 hectáreas.

A especie principal é o piñeiro silvestre, adaptado a esta zona de montaña, pero o monte conta cunha notable biodiversidade: unhas 300 hectáreas de piñeiro negral (tanto corsicana como hispánica), ademais de plantacións de piñeiro uncinata e alerce.

Hai tamén importantes áreas de frondosas, con carballeiras e reboleiras que ocupan o 55% da superficie xestionada. Benjamín destaca ademais a calidade dos castiñeiros: “Saía moita castaña de Riomao. Ademais moi boa. É unha castaña moi doce, moi boa para comer, para asar, todo iso.”

“O monte agora está moi ben preparado, está moi ben coidado”, asegura Benjamín. “Os pinos ben podados, está todo ben coidado. As pistas, para poder entrar, para poder limpar, traballar nel, pois están limpas.” E pon en valor un feito crucial: “Tivemos a sorte que non nos ardeu, porque os que traballan nel, os que o coidan, pois estiveron ao tanto e non deixaron entrar o lume.”

MVMC de Riomao

A certificación PEFC é un selo que avala este bo facer. O monte, ademais, conta cun proxecto de ordenación en vigor e está dobremente certificado, situándose como un referente en xestión forestal sostible no sur de Europa.

 “Por responsabilidade social corporativa non facemos plantacións monoespecíficas”, subliña Hugo.

Innovación e ciencia ao servizo do monte

Hugo Rodríguez García, director técnico e CEO de Ametlam S.L., a empresa encargada da xestión, explica que no monte se desenvolven proxectos punteiros. O máis destacado é o marteloscopio -unha parcela de investigación forestal dunha hectárea na que cada árbore está numerada e xeoposicionada-, que conta con 636 pés e forma parte da rede europea de marteloscopios.

O monte conta cun marteloscopio, unha parcela de investigación dunha hectárea

“Estamos nunha plataforma dixital para que calquera universidade ou centro tecnolóxico poida vir facer prácticas cos seus alumnos”, sinala Hugo. Ademais, existe un xemelgo dixital do marteloscopio, creado tanto cun escáner láser portátil (SLAM) como cun dron equipado con Lidar (un sistema de medición por láser).

O monte está involucrado en proxectos europeos como Heat for Forest, para a detección temperá de fumes de incendios, e conta con sensores de son e fototrampeo para establecer unha liña base de biodiversidade, analizando as aves forestais e morcegos presentes.

Tamén se están a realizar campañas de clasificación de madeira estrutural e existen parcelas de ensaio con diferentes tecnoloxías lidar.

A restauración hidrolóxico-forestal é outra das liñas de traballo. Tras un incendio causado por un raio en 2016, restauráronse unhas 50 hectáreas con catro especies diferentes (tres de coníferas e unha de frondosa caducifolia) para crear un cortalumes verde. “Por responsabilidade social corporativa non facemos plantacións monoespecíficas”, subliña Hugo.

O presente e o futuro da xestión forestal

A xestión do monte de Riomao é un exemplo de como a tradición e a innovación poden camiñar da man. Ametlam, creada en 2018, desenvolveu un software propio chamado Sinergia, que integra simuladores forestais, calculadora de carbono e un módulo de trazabilidade que permite que o 100% da madeira posta no mercado -máis de 30.000 metros cúbicos o ano pasado- estea trazada na orixe. Esta ferramenta, ademais, serve de canle de comunicación cos propietarios, permitíndolles facer un seguimento en tempo real da xestión dos seus montes.

O futuro do monte pasa por diversificar os recursos. Ademais da madeira, estase a traballar na creación dun coto micolóxico e na explotación de froitos do bosque, como o arando silvestre. Tamén hai proxectos de resinación noutros montes xestionados.

Un exemplo de que mesmo as comunidades máis pequenas, cando hai compromiso, poden facer moito pola conservación da biodiversidade e o futuro do territorio.

Unha mirada esperanzada

Benjamín Fernández Balboa pecha a conversa cunha reflexión agridoce. Sabe que o seu pobo, como tantos outros, camiña cara á desaparición, pero tamén ve como o monte, grazas ao traballo de xestión, se mantén vivo e xeneroso. “Oxalá que non”, di sobre o futuro do pobo, “pero penso que si. Que pode que se acabe isto.”

Porén, o legado que deixan é inmenso: un monte ben coidado, certificado e que xera recursos, emprego e coñecemento. Un exemplo de que mesmo as comunidades máis pequenas, cando hai compromiso, poden facer moito pola conservación da biodiversidade e o futuro do territorio.

A CMVMC de Riomao demostra que a xestión forestal sostible non só é posible, senón que é o camiño para que estes montes, testemuñas dunha forma de vida en extinción, sigan sendo un recurso para as xeracións vindeiras. Con ese obxectivo, a certificación PEFC do monte preséntase como o recoñecemento a décadas de traballo e a certeza de que, a pesar do despoboamento, hai quen segue a coidar o monte con ollada de futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información