Clun presenta récord de facturación nas contas 2023

Clun presenta récord de facturación nas contas 2023

O director xeral de Clun, Juan Gallástegui, na asemblea xeral.

A cooperativa Clun vén de celebrar a súa Asemblea Xeral ordinaria na súa sede de Ames, onde aprobou por unanimidade as contas do último exercicio 2023. O balance financeiro amosa a maior facturación da historia da cooperativa, alcanzando preto de 267 millóns de euros e un Ebitda que aumentou un 61% respecto ao ano anterior, chegando a case 8 millóns de euros. O Ebitda serve para mostrar os resultados de explotación no ano, á marxe dos gastos financieiros, amortizacións e impostos.

Os bos números de facturación da cooperativa confirman a tendencia que están a presentar este ano os números da maioría de industrias lácteas, beneficiadas pola revalorización do leite nos supermercados nos últimos dous anos.

Juan Gallástegui, director xeral de CLUN, destacou que estes resultados son os mellores dende a fundación da cooperativa e representan a superación definitiva dos problemas históricos, acentuando a importancia de crecer con respecto ao traballo rural. “En CLUN”, dixo Gallástegui, “negámonos a iniciar guerras de ofertas que desvalorizan o esforzo do noso rural”, sostivo.

Durante o evento, Gallástegui tamén destacou o impacto global da cooperativa, con produtos presentes en máis de 65 países. Ademais, mencionou o lanzamento inminente de ata vinte novos produtos de alto valor engadido.

Tamén se referiu aos investimentos realizados nos últimos tres anos para mellorar a eficiencia e sustentabilidade das súas instalacións e maquinaria, e aludiu ao novo plan estratéxico que posicionará a CLUN como líder no sector en Galicia e en España.

José Ángel Blanco Purriños, presidente de CLUN, pechou a asemblea reafirmando o compromiso da cooperativa co rural galego e destacando a unidade e visión como claves do éxito. A sesión iniciouse cun vídeo de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, quen agradeceu o traballo e compromiso dos cooperativistas, pondo a CLUN como exemplo de calidade, cooperación e compromiso co rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información