Clun sobe o prezo do leite no campo para trasladarlle ás granxas as subas nos supermercados

O de novembro é o terceiro incremento de prezo en orixe no que vai de ano, a medida que se foron revalorizando os contratos que mantén a cooperativa coas cadeas de distribución. A suba non afectará por igual a todas as granxas, primando aquelas de maior tamaño, que son tamén as que máis están a sufrir o incremento de custos de produción

Juan Gallástegui e José Ángel Blanco, durante a Asemblea Xeral de socias e socios celebrada o pasado 30 de xullo en Melide

Juan Gallástegui e José Ángel Blanco, durante a Asemblea Xeral celebrada o pasado 30 de xullo en Melide

A cooperativa CLUN, produtora das marcas Feiraco, Únicla e Clesa, sobe o prezo do leite por terceira vez no segundo semestre do ano. En concreto, os 500 gandeiros aos que recolle viron xa incrementado o último leite cobrado, correspondente ao entregado no mes de novembro. 

Desde a dirección de CLUN aseguran que están a facer “un esforzo enorme” para poder aliviar a difícil situación que atravesan as granxas a consecuencia do incremento dos custos de produción e insisten en que “se nun futuro logramos que nos sigan subindo os produtos nas tendas, volveremos repercutir esa revalorización aos productores, porque temos claro que isto é dos gandeiros”, afirma José Ángel Blanco, presidente da cooperativa.

Se logramos que sigan subindo os nosos produtos nas tendas, volveremos repercutir esa revalorización aos productores, porque temos claro que isto é dos gandeiros

Deste xeito, se as cadeas de distribución seguen a subir nos liñais dos supermercados os produtos lácteos, como veñen facendo desde xullo tanto nas marcas brancas como nas primeiras marcas, os produtores lácteos asociados á cooperativa CLUN verían incrementados novamente os seus ingresos pola recollida do leite en orixe. 

Entre 2 e 3 céntimos de subida desde xullo

Este último aumento no leite do mes de novembro é o terceiro efectuado no últimos seis meses, logo dos producidos tamén nos meses de xullo e outubro. Deste xeito, contando as tres subidas, no último semestre do ano os produtores que entregan o leite a CLUN notaron unha revalorización media de entre 2 e 3 céntimos nos seus contratos.

A suba non está a ser liñal, é dicir, a mesma para todas as ganderías, senón que se trata de aliviar a situación das que peor o están a pasar e ao mesmo tempo incentivar que se faga un uso integral dos servizos da cooperativa, como comprar o penso ou estar nos programas de certificación. 

As máis asfixiadas neste momento están a ser quizais as explotacións máis grandes porque teñen uns gastos fixos maiores en materia de persoal ou insumos

“As máis asfixiadas neste momento están a ser quizais as explotacións máis grandes, as máis profesionalizadas, porque teñen uns gastos fixos maiores en materia de persoal ou insumos”, argumenta o presidente da cooperativa, que recolle tamén a outras pequenas granxas que teñen simplemente a produción de leite como un complemento a outras actividades. 

Acordo coa distribución

De xeito paralelo, para acadar maior valor para os socios, CLUN está a negociar coa distribución un incremento de prezo dos seus produtos nos liñais dos supermercados. Dentro desta estratexia enmárcase o acordo con Carrefour para envasar para toda España leite baixo a marca Círculo de Calidad, coa que a multinacional francesa identifica a aqueles alimentos que recuperan o sabor orixinal e contan con prezos xustos para os produtores. 

Un gandeiro de Mazaricos socio da cooperativa é a imaxe da nova liña de leite envasada para Carrefour

“É unha cousa intermedia entre marca propia e marca branca, é coma unha marca de distribución, pero cun maior valor engadido”, explica o presidente de CLUN, que enmarca esta nova liña para Carrefour dentro do “achegamento entre os produtores e a distribución”. 

Subministro en cisternas a Inleit

O volume total de recollida de CLUN móvese actualmente nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados na planta de Pontemaceira como marca propia (Feiraco e Únicla) e outra parte como marca branca ou a través da segunda marca Xoia.

A iso engádese Clesa, a planta de iogures e sobremesas lácteas de Caldas de Reis na que CLUN rematará este ano co 75% do accionariado, e que absorbe uns 40 millóns de litros de leite ao ano para a fabricación de iogures, batidos, postres lácteos como o clásico Crema bombón ou máis innovadores como iogures de longa duración ou os Clesa Bienatur.  

Malia os avances na transformación, unha parte do leite recollido por CLUN é vendido a granel a outras industrias

Pero malia os avances na transformación, unha parte do leite recollido pola cooperativa segue sendo vendido a outras industrias, como Inleit. “Houbo melloras nos supermercados pero hai cousas que non se revalorizaron nada, por exemplo as cisternas de leite a granel que van a outras empresas”, admite José Ángel.

“Imos subir o penso o mínimo posible para que as fábricas poidan seguir funcionando” 

Ensilando na cooperativa CLUN, na Mariña lucense

Planta de mestura húmida de CLUN no concello de Barreiros, na comarca da Mariña

A revalorización do prezo de compra do leite en orixe é unha medida encamiñada “a contribuír a unha maior estabilidade do sector lácteo en Galicia”, destacan desde CLUN. A medida súmase a outras accións xa implantadas na cooperativa para compensar a subida dos custos de produción que afectan ás explotacións gandeiras, como o axuste á baixa nas marxes da tarifa dos pensos. 

Están a tomarse todas as medidas posibles para rebaixar as presións que soporta o produtor, desde subir o prezo do leite en orixe ata tratar de conter ao máximo posible o prezo dos pensos

“Estamos realmente preocupados pola situación, e desde a cooperativa CLUN están a tomarse todas as medidas posibles para rebaixar as presións que soporta o produtor, desde subir o prezo do leite en orixe ata tratar de conter ao máximo posible o prezo dos pensos”, sinala Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN.

“O sector lácteo é estratéxico para o rural galego e para Galicia. Garantir a recuperación de valor da cadea do leite é unha prioridade para nós, porque somos conscientes de que o futuro do rural galego depende diso”, engade Gallástegui. 

Rebaixar ao mínimo as marxes nos pensos

José Ángel Blanco é o presidente da principal cooperativa agrogandeira de Galicia pero é tamén gandeiro e como directivo ponse na pel dos produtores. “As explotacións estamos sufrindo un aumento de custos en todo, nas materias primas, nos pensos, na luz, no gasóleo, ou nos fertilizantes. Xa estamos preparando a campaña de fertilización de primavera das pradeiras e vemos como algúns produtos multiplican o prezo por tres”, enumera.

Estamos preparando a campaña de fertilización de primavera das pradeiras e vemos como algúns produtos multiplican o prezo por tres

No que respecta ás materias primas para a alimentación do gando, a situación de cara aos vindeiros meses non pinta moito mellor. “Hai moita volatilidade nas cotizacións, por iso ningún subministrador ofrece contratos pechados a longo prazo, como os que se asinaban antes, e iso xera moita incertidume”, di o presidente de CLUN. 

Hai moita incertidume e volatilidade nas materias primas polo que ninguén che ofrece contratos a longo prazo

A súa intención de cara ao vindeiro ano é “apertar as marxes da fábrica o máximo posible”. “Imos subir o penso o mínimo posible para que as fábricas poidan seguir funcionando, pero imos ter que subilo porque a realidade é que se nos encarece moito, porque súbennos as materias primas e súbenos a luz, e ese é tamén un custo importante porque hai que moer o gran”, xustifica. 

Conciliar beneficio e servizo aos socios

A principal cooperativa agrogandeira de Galicia, CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) ten máis de 3.000 asociados e está presente en máis de 80 concellos. Conta con catro sedes, en Ames, Caldas de Reis, Melide e A Mariña (Ribadeo e Barreiros), que proporcionan emprego directo a máis de 400 persoas. 

Sen embargo, CLUN non é unha empresa ao uso. “A medida que algunhas das cadeas de distribución nos dan prezo no leite ou os iogures que lles vendemos, iso imos repercutíndoo aos socios. Por suposto hai que pagar o salario aos traballadores e hai que seguir facendo investimentos nas instalacións, pero detrás de nós están os gandeiros”, asegura José Ángel.

O obxectivo para 2022 é buscar un equilibrio entre a conta da cooperativa como empresa e a conta dos nosos socios gandeiros

Por iso, o obxectivo da cooperativa para o 2022 non é doado: “buscar un equilibrio entre a conta de resultados da cooperativa como empresa e a conta dos nosos socios gandeiros”, avanza o presidente de CLUN, que non é un directivo ao uso e recibe aos seus interlocutores cun elocuente “Estou muxindo!!” no estado do whatsapp do seu teléfono móbil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información