CLUN renova o acordo con FEFRIGA para fomentar a vocación gandeira entre a xuventude

O acordo dá continuidade á colaboración que fai posible a VIII edición da Escola de Iniciación de Futur@s Gandeir@s que comeza o 20 de xullo na Finca Mouriscade de Lalín

acordo clun e fefriga 2026 sinaturaA cooperativa rural galega CLUN e a Federación Frisona Galega (FEFRIGA) asinaron este venres un convenio de colaboración co que renovan, por terceiro ano consecutivo, a súa aposta conxunta polo futuro da gandería galega.

Rubricaron o acordo o presidente de FEFRIGA, Manuel Sandamil, e o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños. Esta alianza nace da vontade de impulsar a vocación gandeira entre os máis novos e de achegar as novas xeracións a esta actividade desde un enfoque profesional.

Froito deste acordo, CLUN volve apoiar as Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s, organizadas polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, integrado en FEFRIGA. A actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 9 e 25 anos, e consiste nun campamento de verán no que os participantes conviven durante unha semana. Trátase da oitava edición desta escola coa que xa van máis de 160 matriculas de participantes que realizaron este campamento gandeiro.

Nestas escolas, os alumnos e alumnas adquiren coñecementos prácticos esenciais para manexar e coidar o gando, unha formación que busca espertar vocacións e sentar as bases de futuros profesionais do sector. Celebrarase a vindeira semana, do 20 ao 24 de xullo, na Finca Mouriscade de Lalín.

Alén do campamento, os rapaces e rapazas participan tamén nos concursos de manexo que se desenvolven en distintas feiras gandeiras ao longo do ano, unha iniciativa que tamén apoia CLUN.

Aposta polo relevo xeracional

O compromiso de CLUN coa escola materialízase de varias maneiras. A cooperativa achega a indumentaria para o alumnado e para os participantes dos campionatos de manexo, e subministra iogures e leite das súas marcas (CLESA, ÚNICLA A2 e FEIRACO) para o comedor dos alumnos. Ademais, tamén destina unha aportación económica para colaborar cos custos desta formación.

Con esta renovación, CLUN reafirma o seu compromiso co futuro do rural, entendendo o apoio ás novas xeracións de gandeiros e gandeiras como unha ferramenta clave para garantir o relevo e o desenvolvemento sostible do sector primario galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información