Clun reelixe a José Ángel Blanco como presidente

A cooperativa aproba as mellores contas desde a súa fundación, cun beneficio antes de impostos e amortizacións (Ebitda) superior a 8 millóns de euros

Clun reelixe a José Ángel Blanco como presidente

O presidente de Clun, José Ángel Blanco (dereita), xunto co director xeral, Juan Gallastegui.

A cooperativa rural CLUN celebrou a súa asemblea ordinaria xeral cun dobre fito: por unha banda, a reelección de José Angel Blanco Purriños como presidente e, por outro, a aprobación das contas de 2024, que reflicten os mellores resultados económicos desde a súa fundación no 2017.

Nada máis coñecer o apoio recibido -un 98% dos votos-, o presidente expresou o seu agradecemento aos socios: “Non son máis que un compañeiro do sector ao servizo do sector, que cre firmemente neste proxecto galego”.

Sobre as contas, o director xeral da cooperativa, Juan Gallástegui, presentou os principais datos ante a asemblea, destacando desde o inicio a solidez do proxecto.

CLUN alcanzou en 2024 un histórico EBITDA (beneficios antes de impostos e amortizacións) de 8,48 millóns de euros, o mellor rexistro desde a súa fundación, tanto en termos absolutos como relativos ao exercicio anterior. A facturación global situouse nos 249,4 millóns de euros, a segunda cifra máis elevada da súa historia.

Unha das razóns destes resultados, defende a cooperativa, reside na súa estrutura produtiva e territorial, que opera en máis de 80 municipios, con recollida directa de leite en 54 deles. A cooperativa está a desenvolver un plan para ampliar a súa recollida, incorporando novos socios.

Toda a produción de CLUN realízase en Galicia, desde a granxa ata o punto de venda, onde a cooperativa opera con tres marcas: Feiraco, Unicla e Clesa, neste último caso como accionista maioritaria, no marco de Acolact.

Apoio ao socio

A dimensión cooperativa de CLUN tamén se reflicte na atención directa aos seus socios. Así, ofrece asesoramento continuo en cuestións técnicas e económicas, asistencia veterinaria ou mecánica, entre outros servizos.

A todo isto súmase unha clara aposta pola formación, a captación de talento e a participación en proxectos culturais e sociais vinculados á identidade galega, reforzando a súa conexión co territorio e o seu papel como eixo vertebrador do medio rural.

Gallastegui destacou neste sentido: «Non somos só unha industria. Somos unha cooperativa. Unha rede. Unha infraestrutura social, técnica e económica ao servizo das persoas que manteñen vivo o medio rural».

Logro de obxectivos

Na súa intervención, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, destacou a evolución da cooperativa nos últimos anos: «CLUN soubo manter a súa identidade á vez que avanza, compaxinando o seu compromiso co sector cunha xestión responsable e sostible».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información