Primeiro día de certo caos polas pistas e estradas do rural galego, con cisternas a medio encher e cambios de última hora nas rutas de recollida como consecuencia do baile de explotacións e os cambios de empresa de última hora, cunha sensación de cabreo xeralizado entre os gandeiros e gandeiras pola brusca baixada de prezos aplicada polas industrias para axustar o prezo á media europea (en frebreiro o prezo medio en Francia foi de 0,48 euros, en Alemaña de 0,42, en Holanda de 0,39 e en Portugal de 0,45).
Os novos contratos, asinados por catro meses na maioría dos casos, consolidan baixadas que, sumadas ao encarecemento dos custos de produción por mor da guerra en Oriente Medio, elevan o diferencial negativo das explotacións por enriba dos 10 céntimos, un axuste que corre o risco de non ser algo puntual e consolidarse no tempo no mes de agosto e tamén de trasladarse por un efecto contaxio aos lineais dos supermercados, depauperando de novo un produto de primeira necesidade como é o leite en toda a cadea.
Leite Río e Lactalis mantiñan aínda este mércores contratos sen asinar con algunhas das súas granxas
Sindicatos como Unións Agrarias ou Sindicato Labrego Galego e asociacións de gandeiros como Agromuralla insisten na nulidade dos contratos asinados, con denuncias interpostas ante a AICA por non respectaren a Lei da Cadea Alimentaria, que prohíbe traballar a perdas. A realidade foi que moitas explotacións víronse obrigadas a asinar o contrato proposto ante a falta de alternativa.
De non existir contratos asinado ás 12 da noite do día 31, ningunha industria podería recoller ese leite na explotación ao día seguinte
As que non o fixeron, deberían tirar o leite, dado que a lei prohibe, trala última modificación do Paquete Lácteo no ano 2022 (Real Decreto 374/2022) que ningunha industria llelo recolla por non poder ser declarado. Esa cláusula, establecida teoricamente para defender ao produtor fronte á industria, volveuse na realidade nun elemento de presión para que as explotacións rezagadas acabaran asinando en moitos casos.
A sinatura dixital dos contratos a través de aplicacións como Docuten facilitou o proceso e permitiu dar altas a última hora, practicamente sobre a bucina das 12 da noite deste martes e mesmo no día de hoxe. Este mércores Lactalis e Leite Río tiñan aínda granxas sen firmar
Sen moitas opcións a onde ir
Acostumadas a que a oferta de renovación que as empresas están obrigadas por lei a presentar dous meses antes da finalización do contrato se convertera en papel mollado, as explotacións non se tomaron en serio os primeiros contratos, que anticipaban unha forte baixada, agardando unha rectificación á alza que non se chegou a producir.
Sen moita marxe de manobra e pouco a onde ir, polo efecto contaxio/imitación entre industrias na baixada, con prezos similares en todos os casos no entorno dos 40 céntimos para as granxas máis pequenas e dos 45 para as máis grandes, chegouse á última semana de negociación, na que o mercado se empezou a mover, provocando un baile de leite importante entre empresas que vai dificultar a loxística e a recollida nos vindeiros días, mentres as industrias non vaian recompoñendo as súas rutas desde as explotacións provedoras até as plantas de transformación.
Grupo Lence, a gran prexudicada
No Grupo Lence importantes explotacións en volume que abastecían á empresa lucense marchan para Royal A-Ware, a empresa holandesa que mercou a planta asturiana de Salas para fabricar nela mozzarella e que amplia a súa recollida na provincia de Lugo, onde conta con varias rutas de recollida diarias, mentres que na provincia da Coruña a cooperativa Clun amplia a recollida.
Con todo, desde o Grupo Lence restan importancia aos cambios na súa cadea de abastecemento de materia prima e trasladan unha mensaxe de tranquilidade: “En Leite Río non existe ningún problema de subministro. Os axustes puntuais na recollida foron compensados con novas incorporacións, polo que contamos con leite máis que suficiente para atender a demanda con total normalidade”, aseguran fontes da empresa lucense.
“Coma en calquera proceso de renovación de contratos, pode haber movementos en ambos sentidos. Forma parte da dinámica habitual do sector e non afecta á nosa capacidade operativa nin ao noso compromiso con clientes e gandeiros”, engaden.
CoRural bota a andar
Boa parte do que perde o Grupo Lence gáñao CoRural, a unión estratéxica entre Clun e Celta, que saíu na última semana a tocar ás ganderías grandes de Río cun prezo de entre 46,0 e 47,5 céntimos, moi superior ao dos seus competidores. Deste xeito, estímase un incremento de recollida duns 160.000 litros diarios para o grupo cooperativo luso-galego, que compensa a perda dalgunhas granxas por parte de Celta.
Entrepirares e Reny Picot tamén se reforzan
Gañan tamén leite en Galicia no novo contrato Reny Picot, que colleu unha explotación de Lactalis e dúas de Celega, e Entrepinares, que gañou 20.000 litros diarios a costa de Celta e outros 10.000 procedentes de tres ganderías da provincia da Coruña.
Con eles, a fábrica vilalbesa continúa coa súa progresión na recollida de leite na comunidade, cunha base estable de gandeiros que apostan pola graxa e a proteína, grazas aos importantes incentivos para os sólidos aplicados pola queixería de Valladolid nos seus contratos en Galicia, onde segue aumentando a produción de queixo e valorizando o soro coa súa planta de secado.
Cobideza e a Cooperativa Xallas son os grandes estantardes do subministro de Reny Picot en Galicia
Pola súa banda, a empresa asturiana ILAS asinou coa cooperativa de Xallas un contrato a un ano revisable a un prezo de 45,5 céntimos, vinculado ás oscilacións do mercado, semellante ao suscrito fai un ano cando se marcharon de Celta (asinaran daquela a 49 céntimos por un ano e despois o prezo subiu até os 53 céntimos).
O grupo de entregas sofre unha lixeira variación, coa saída dunha granxa e a entrada doutras catro de menor tamaño, co que a cantidade de leite transportado á planta de Reny Picot en Navia desde a zona de Santa Comba e Mazaricos permanece estable.
Calma en Asturias e tensión en Castela e León e Cantabria
En Asturias, vívese certa clama despois de que este luns o Consello Reitor de Central Lechera Asturiana decidira manter os prezos para o leite recollido no mes de marzo aos seus gandeiros socios e a outras explotacións abastecedoras, mentres en Galicia aplica baixadas de até 8,5 céntimos a través de Larsa no novo contrato (4 no prezo base e até 4,5 nas primas por volume) en sintonía co resto de industrias do sector.
O vindeiro ano hai eleccións ao Consello Rector de CLAS, o que condiciona a política de prezos da cooperativa
Noutras comunidades, pola contra, como Castela e León, a tensión chegou tamén ao límite este martes, despois de que Agaprol recomendara ás explotacións ás que representa nas negociacións coas industrias non asinar até o último momento. A estratexia de empresas como Entrepinares foi entón presentar os contratos directamente aos gandeiros que forman parte da OPL, asinando, agás cunha única granxa, os últimos contratos este mércores.
Galego









Control OJD