Clun elimina a figura de director xeral para fortalecer o Comité de Dirección

A decisión causa sorpresa, pois chega 16 meses despois de que se fichase a Rafael Prieto, con experiencia anterior en Nueva Pescanova, para relevar ó histórico José Luis Antuña

Clun elimina a figura de director xeral para fortalecer o Comité de Dirección

Rafael Prieto deixa a dirección xeral de Clun, que asumira hai 16 meses.

A cooperativa Clun decidiu hoxe por sorpresa facer cambios de importancia na súa estrutura organizativa. Nun escueto comunicado enviado hoxe a primeira hora da tarde, Clun sinala que prescide da súa dirección xeral para darlle máis peso ó Comité de Dirección. O cambio, decidido polo Consello Rector, supón a saída da cooperativa do actual director xeral, Rafael Prieto, que hai 16 meses se presentara como unha gran fichaxe, en substitución do histórico José Luis Antuña, trala súa xubilación.

Clun subliña no comunicado que o seu obxectivo con estes cambios é darlle máis autonomía ás unidades de negocio de Lácteos e Agroganadera (pensos e servizos), deixando a dirección da cooperativa en mans do Comité de Dirección e do Consello Rector, órganos ambos encabezados polo presidente de Clun, José Ángel Blanco.

Consultado Blanco sobre estes cambios, o presidente de Clun destaca que se buscou reducir estrutura e que o Consello Rector e o Comité de Dirección tivesen máis peso na xestión da cooperativa.

“Con Rafael Prieto non tivemos ningún problema, entendiámonos ben con el e non hai máis nada que unha decisión de reducir estrutura e de darlle máis autonomía ás nosas divisións de negocio” -explica José Ángel-. “Hai uns 6 meses fixemos outro cambio que pasou máis desapercibido, cando das tres divisións que tiñamos (Lácteos, Servizos e Suministros) pasamos a dúas, Lácteos e Agroganadera, que integrou servizos e suministros. A idea de prescindir da dirección xeral agora segue nesa liña de reducir estrutura e de darlle máis peso a cada división, que están representadas no Comité de Dirección”, explica José Ángel Blanco.

O Comité de Dirección está encabezado polo propio presidente de Clun e conta na actualidade cuns 8 integrantes, entre eles os responsables da división de Lácteos, da división Agroganadera e de recursos humanos. Tamén participan as persoas responsables na cooperativa de temas económicos, legais e de tecnoloxías da información, así como o responsable de abastecemento de leite.

A decisión de operar sen director xeral tómase en firme, polo menos a curto prazo. “É unha decisión que tomamos coa intención de traballar así de aquí en adiante, pero tampouco podemos dicir que vaiamos continuar con esta estrutura de traballo para sempre. Teremos que evaluar co tempo”, valora Blanco.

O cambio enmárcao o presidente no proceso de transformación de Clun, que pasou de tres cooperativas individuais (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto) a unha única cooperativa, o que implica reorganizacións internas e mudanzas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información