
De esquerda a dereita: Javier Bretón (director xeral de Celta), José Marques (presidente de Lactogal), José Ángel Blanco (presidente de Clun) e Juan Gallástegui (director xeral de Clun), na Cidade da Cultura diante do Mapa Fontán
Clun e Leite Celta anuncian un acordo para “sumar recursos, colaborar e abordar de forma conxunta os retos do mercado”. CoRural, Corporación Rural Láctea, será a nova entidade común resultante deste proxecto, “cuxo modelo de negocio ten ao gandeiro no centro e está concibido para achegar estabilidade, eficiencia e futuro á primeira potencia produtora de leite de España e unhas das máis destacadas de Europa”, aseguran as dúas entidades a través dunha nota de prensa.
“En CoRural confluirán a base cooperativa de Clun e a solidez industrial e comercial de Leite Celta, conservando ambas a súa identidade. Esta suma de recursos prevese que se materializará nun operador con 1.400 produtores de leite, 800 persoas empregadas, 8 plantas industriais, un volume de negocio anual de 600 millóns de euros e marcas tan recoñecidas como Celta, Feiraco, Clesa y Únicla”, destacan.
Este proxecto supón “un paso máis na evolución de dúas traxectorias complementarias”, aseguran ambas entidades: por unha banda, “a dunha cooperativa sólida e profundamente arraigada no medio rural, e por outro, a dunha empresa industrial que nos últimos anos realizou investimentos relevantes ao servizo do sector e da súa modernización”.
Clun asegura nunha carta remitida aos socios que con este acordo busca “dar todo o valor á orixe”
Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) naceu no 2016 como cooperativa de segundo grado froito unión das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, que no ano 2018 darían un paso máis na súa fusión integrándose nunha cooperativa única de primeiro grado.
Pola súa banda, Leche Celta, creada en 1989 polo empresario Antonio Marchal, foi mercada no ano 2006 pola cooperativa portuguesa Lactogal. Ademais de controlar a produción e transformación do leite portugués, conta con tres plantas de produción en España: en Ávila e Cantabria e Galicia. A de Pontedeume foi ampliada no ano 2024 para fabricar manteiga, ademais de envasar leite e nata.
Clun e Celta xa colaboraran no pasado a través de Iberleche, da que formaba parte tamén Central Lechera Asturiana
Clun e Leite Celta xa colaboraran no pasado a través de Iberleche, a empresa creada xunto con Central Lechera Asturiana para envasar marca branca e que acabou pouco despois desfacéndose, quedándose con ela Celta, mentres que CAPSA empezou a envasar para Mercadona e Clun seguiu subministrado directamente a clientes como Día.

Necesaria autorización de Competencia
En todo caso, a decisión de Clun e Celta de volver colaborar, desta volta máis estreitamente, está suxeita á obtención da autorización preceptiva por parte das autoridades de Competencia, segundo recoñece Clun nunha carta remitida este mércores aos socios, nas que o presidente da entidade, José Ángel Blanco, asegura que esta alianza “non suporá a desaparición das dúas empresas que integran esta alianza”. “Mentres avanza, seguiremos a traballar coas rutinas e funcións habituais”, engade.
É o paso necesario para garantir un futuro estable e próspero (José Ángel Blanco)
Unha vez obtidas as autorizacións necesarias por parte das autoridades de competencia, José Ángel Blanco, presidente de CLUN, asumirá a presidencia de CoRural, e Javier Bretón, actual director xeral de Leite Celta, e Juan Gallástegui, actual director xeral de Clun, asumirán as funcións de conselleiros delegados da nova entidade, cuxa sede social estará prevista en Santiago de Compostela.
“Tratase dunha alianza estratéxica que a convirte nun actor forte e resiliente ante os vaivéns do mercado. É o paso necesario para garantir un futuro estable e próspero”, defende José Ángel Blanco na carta aos socios.
Seguindo o modelo cooperativo europeo
Juan Gallástegui asegura que “CoRural dá resposta á demanda histórica do sector de crear un gran grupo lácteo en Galicia, e sempre sobre a base dunha cooperativa forte, do mesmo xeito que sucede nos grandes grupos lácteos europeos. Esta é unha oportunidade que o campo galego estaba esperando, dispoñer dunha industria moderna forte e referente”.
Esta alianza sigue o modelo dos grandes grupos lácteos europeos (Juan Gallástegui)
“CoRural nace precisamente desa combinación: a vocación de servizo ao gandeiro e ao territorio que caracteriza a Clun, e a capacidade industrial, tecnolóxica e comercial de Leite Celta, que foi clave para ampliar categorías e mellorar a eficiencia e reforzar a competitividade do lácteo galego”, destaca a nota de prensa.
CoRural é a suma de forzas do campo e da industria (Javier Bretón)
Pola súa banda, Javier Bretón engade que “xuntos, seremos máis grandes e eficientes. Queremos optimizar os procesos de produción e diversificar produtos. Estaremos mellor posicionados no mercado e en mellor situación para afrontar os cambios de ciclo no sector. CoRural é unha suma de forzas do campo e da industria para satisfacer a demanda dos nosos clientes e consumidores”.
Lactogal busca garantir un subministro estable de leite en Galicia
Trala perda recente de importantes provedores, como a cooperativa Xallas, coa que mantiña unha relación de subministro de 28 anos, o equipo de campo de Celta está a visitar nos últimos meses a numerosas ganderías tratando de aumentar a súa capacidade de recollida en Galicia, algo ao que contribuirá esta alianza con Clun.
Lactogal mantén tamén un acordo de intercambio con Inleit para procesar na planta de Teixeiro as cisternas que a cooperativa portuguesa trae de Portugal a cambio de derivar a Pontedeume o leite que Inleit recolle en Galicia. Deste xeito, Celta pode manter nos seus produtos o logo PLS (Produto Lácteo Sostible), que certifica a orixe española da materia prima.
Leche Celta está tratando de aumentar a súa capacidade de recollida de leite en Galicia
A nova corporación permitirá “garantir unha subministración estable de leite” ás plantas de Clun (Feiraco en Ames e Clesa en Caldas de Reis) e Leche Celta (Pontedeume, Ávila e Cantabria), incrementar a capacidade de recollida e transformación, diversificar produtos e ampliar a resposta industrial ante as demandas do consumidor e da distribución, destaca a nota de prensa remitida por Clun e Celta.
O novo grupo manterá intacto o propósito de ambas as entidades: “mellorar a competitividade das ganderías, fortalecer e facer máis eficiente a cadea de valor e contribuír ao desenvolvemento económico e social do sector do leite, poñendo ao gandeiro no centro dun modelo que gaña escala, estabilidade e futuro”, din.
Galego









Control OJD