Clun anuncia que sobe o prezo do leite por segunda vez en catro meses

A suba será “pequena”, recoñecen, e farase efectiva xa no pago do leite do mes de outubro. A cooperativa quere repercutir deste xeito nos gandeiros o incremento de prezo dos cartóns de Feiraco logrado nalgunhas cadeas de distribución. Tratan de paliar deste xeito o aumento dos custos de produción das granxas

Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, asemblea xeral 2021

Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, durante a súa intervención na última asemblea xeral da cooperativa

Co fin de contribuír a garantir a rendibilidade das explotacións lácteas ante as subidas nos custos de produción, tales como os pensos, a electricidade ou os combustibles, Clun anuncia que os gandeiros que lle entregan o leite á cooperativa verán incrementados novamente os seus ingresos pola recollida do leite en orixe.

Esta é a segunda suba no prezo do leite anunciada por Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) en catro meses, e será efectiva desde o 1 de outubro, xa que a anterior foi feita pública o 23 de xullo, tamén con carácter retroactivo na súa aplicación, a partir do 1 de xullo. Daquela a suba fora de arredor de 2 euros por tonelada de leite.

Os nosos produtos son de menos valor engadido e non nos permiten pagar por riba do mercado pero queremos estar o máis parecido posible ao Observatorio lácteo, que é a media do que se paga en Galicia

“Conseguiuse unha pequena suba nalgunhas cadeas de distribución para o prezo do cartón de Feiraco a partir de novembro e queremos adiantarnos repercutíndolle ao socio ese incremento xa no leite do mes de outubro”, detallan fontes da cooperativa.

O incremento é “pequeno”, recoñecen, e non será liñal, xa que beneficiará só aos produtores de Feiraco, dado que os gandeiros de Unicla xa disfrutan dun prezo diferenciado máis alto.

Seguir negociando coas cadeas de distribución

feiraco novos envasesNesta liña, Clun segue a negociar coa distribución un incremento de tarifas que poidan logo repercutir positivamente nos gandeiros, para que o aumento do prezo de venda do leite no liñal dos supermercados poida compensar o aumento dos custos de produción das granxas.

A suba dos iogures nos supermercados está a ser máis lenta, produciuse tan só nalgunha cadea e está a ser menor

“O reto para CLUN é seguir incrementando o prezo do leite en orixe en datas próximas, a medida que as empresas distribuidoras se vaian sumando á estratexia de apoio ao sector”, avanza Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, porque, engade,“o noso obxectivo é dar a maior estabilidade posible ao sector”. 

O reto para CLUN é seguir incrementando o prezo do leite en orixe en datas próximas. Queremos repercutir o máximo posible a suba que se logre no supermercado aos socios gandeiros

“Con estas subidas o que tratamos de comunicar aos socios é que a medida que poidamos, na medida que nolo permitan as cadeas de distribución e a conta de resultados da cooperativa, imos repercutir aos socios a mellora de prezos que logremos”, aseguran.

Prezo base de 29 céntimos máis primas

Os prezos que Clun paga aos seus gandeiros provedores de leite móvense na media do indicado polo Observatorio Lácteo de Galicia. “O que nós facemos principalmente é envasar leite líquido; son produtos de menos valor engadido que non nos permiten pagar por enriba do mercado”, recoñecen na cooperativa.

CLUN trata de incentivar cunha serie de primas no prezo do leite que os gandeiros estean certificados e merquen o penso á cooperativa

Ao prezo base actual, establecido en 29 céntimos, engádense unha serie de primas (por estar no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, por contar con certificado de boas prácticas e benestar animal ou por participar noutros servizos da cooperativa) que poden incrementar o prezo final a cobrar polo gandeiro socio até os 34 céntimos.

500 ganderías nas comarcas de Santiago, Ordes e Arzúa

camion cisterna recollida leite CLUNA principal cooperativa agrogandeira de Galicia, froito da unión no ano 2017 de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, recolle o leite de 500 ganderías, localizadas principalmente na área de influencia da planta de envasado de Feiraco en Ponte Maceira.

Dentro destas explotacións atópanse ganderías de pequeno tamaño que terían doutro xeito dificultades para entregar o leite a unha gran industria que se guiara unicamente por criterios económicos e de rendibilidade na súa estratexia de acopio de materia prima. “Somos unha cooperativa e priorizamos outras cousas que as multinacionais”, aseguran.

O volume total de recollida móvese nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados como marca propia

O volume total de recollida móvese nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados como marca propia (Feiraco e Unicla) e o resto como marca branca ou a través da segunda marca Xoia.

CLUN conta ademais cunha fábrica de queixos (Arquega) en Montesalgueiro e participa xunto a outras cooperativas galegas en Clesa, con fábrica en Caldas de Reis, onde fai postres, sobremesas lácteas e batidos, absorbendo na actualidade unha produción duns 40 millóns de litros ao ano.

“O panorama das materias primas para o ano que vén preséntase moi feo”

Instalacións de CLUN en Ribadeo, onde a cooperativa Os Irmandiños dispón dunha fábrica de pensos

Instalacións de CLUN en Ribadeo, onde a cooperativa Os Irmandiños dispón dunha fábrica de pensos

En total, nas catro sedes que CLUN ten en Ames, Caldas de Reis, Melide e Ribadeo traballan máis de 400 persoas, pois ademais da recollida e transformación do leite, a cooperativa oferta outros servizos aos seus 3.000 socios, presentes en 80 concellos, tales como subministros e alimentación, parque de maquinaria ou servizos técnicos e de asesoramento.

Ademáis de tratar de revalorizar o prezo do leite en orixe, CLUN está tratando de axudar aos socios á hora de facer fronte ao incremento de custos de produción con medidas como a redución ao mínimo das marxes de ganancia nos pensos que fabrica e serve ás ganderías.

Nós somos industria, pero tamén somos gandeiros

“Este ano, vendo como se poñían as cousas, no mes de maio tomamos a decisión de baixar as marxes no penso. Nós non somos unha industria ao uso. Temos que lograr un equilibrio entre as contas da cooperativa e as contas dos socios”, recoñece José Ángel Blanco, gandeiro de Xermade e presidente de CLUN, que se mostra preocupado de cara aos vindeiros meses.

“O ano que vén preséntase fatal. Sabemos que as materias primas van subir moito e mesmo hai voces que falan dun posible desabastecemento. Preséntannolo moi feo”, recoñece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información