“Clesa cumpre os obxectivos e en 2016 prevemos vender ata un 40% máis”

Entrevista a Pablo Gómez, director xerente de Clesa. Destaca que o seu maior potencial de crecemento está nos postres lácteos e advirte de que “con inseguridade de prezos e de recollida para o gandeiro é moi difícil construír proxectos de futuro”

“Clesa cumpre os obxectivos e en 2016 prevemos vender ata un 40% máis”

Pablo Gómez, director de Clesa, durante a súa intervención na EFA Fonteboa

Pablo Gómez é director de Clesa desde agosto de 2012, cando a planta de Caldas de Reis foi adquirida por un grupo de dez cooperativas galegas, a Agrupación de Cooperativas Lácteas, lideradas por Feiraco, Agris, Melisanto e Os Irmandiños, co obxectivo de avanzar na transformación e xeración de valor engadido do leite polos propios gandeiros.

Este mércores Pablo Gómez interveu na EFA Fonteboa, en Coristanco, na xornada sobre “Oportunidades e incertezas no sector lácteo” para explicar o proxecto de Clesa.

Cal é a situación actual de Clesa?
Arrincamos en agosto de 2012 cunha marca que estaba case desaparecida no mercado e que no último ano fixera 3.500 toneladas de iogur. Durante estes anos investimos en redución de custos, de eficiencia, reducindo un 70% as mermas e multiplicando por tres a produtividade dos traballadores.

Este ano ímolo a pechar cunhas 24.000 toneladas de iogures e sobremesas lácteos fabricados e comercializados. É dicir, no últimos tres anos quintuplicamos a produción de Clesa. E seguiremos medrando para o próximo ano a ritmos do 30-40%.

Así, o 2016 esperámolo pechar cunhas vendas de 30.000 toneladas de iogur e de postres lácteos fabricados e comercializados.

Como é competir nun mercado con grandes monopolios como Danone e con caídas de consumo?
O mercado do iogur é un mercado moi maduro e no últimos cinco anos perdeu arredor dun 5% de volume e valor. Doutra banda, hai marcas brancas moi fortes e un líder, Danone, que copa o 60% do mercado español.

Por tanto, non está a ser fácil para Clesa competir nese mercado tan maduro pero creo que temos as nosas fortalezas. Así, temos unha marca cun recoñecemento de anos, contamos cunha mellora constante en calidade e en innovación e cun selo de calidade de Galega 100% que garante unha orixe do leite e calidade.

“O selo Galega 100% e a nosa base cooperativa diferénciannos no mercado”

Tamén vendemos que é un proxecto cooperativo e a nosa aposta pola sustentabilidade, non só da cadea de valor, senón da nosa contorna social. Todo isto está a permitir a Clesa abrirse paso nun mercado difícil.

En que novos proxectos estades a traballar en Clesa?
Os primeiros anos estivemos centrados en iogures e sobremesas, e aí aínda queda percorrido e queremos seguir crecendo a ritmos do 40% anual. Para iso é moi importante a innovación, e por iso cada tres ou catro meses estamos a sacar gamas diferentes ao mercado.

“Nas sobremesas lácteas é onde temos máis potencial de crecemento”

No mundo das sobremesas lácteas é quizais onde máis potencial temos e onde máis éxitos estamos a ter no mercado. Así, estamos a traballar en produtos xelificados e en sobremesas moi desnatados, con produtos como o crema bombón que están a medrar de forma moi importante.

Cales son os investimentos previstos e os resultados económicos de Clesa?
O próximo ano pensamos seguir investindo ao redor de 700.000 euros en mellora da eficiencia e produtividade e outros 700.000 en márketing, innovación e publicidade.

En canto aos resultados, estamos a cumprir en volume e en valor os obxectivos que nos marcamos fai catro anos. Os resultados económicos deste ano aínda non están pechados pero serán positivos e permítennos ser sustentables e seguir pensando no futuro.

Crema Bombón, un dos produtos con máis éxito de Clesa.

Crema Bombón, un dos produtos con máis éxito de Clesa.

Como se reparte o mercado de Clesa?
O 40% do noso mercado está en Galicia e o 60% en España e en Portugal. Os produtos perecedoiros como o iogur viaxan mal fóra dunha contorna loxística próxima e por tanto é difícil que sexa válido para a exportación. Por tanto, o noso mercado natural é Galicia, e é onde primeiro crecemos, pero tamén estamos a medrar moito no resto de España.

Sendo un proxecto industrial de base cooperativa, cales son os prezos que paga Clesa ao gandeiro?
Estamos a pagar un bo prezo dentro dun mercado do leite de prezos baixos. Tomamos como referencia o Observatorio Lácteo de Galicia e dos prezos medios mensuais collemos o prezo máis alto, o do estrato 6, e sumámoslle un plus para pagarlle aos nosos gandeiros. Así, o noso pago sempre contribúe a tirar cara arriba do prezo do leite. No último mes pagamos ao gandeiro entre 0,30 e 0,31 euros por litro.

 “Pagamos ao gandeiro neste momento entre 0,30 e 0,31 euros o litro”

A nosa estratexia é valorizar os produtos lácteos, subir os prezos ao gandeiro, e que o mercado garanta a sustentabilidade de toda a cadea.

Que calidades do leite esixides aos vosos gandeiros?
Só pode vir de explotacións que son socias das 10 cooperativas socias de Clesa e todas teñen que estar certificadas en Galega 100%. É un selo que informa o consumidor moi ben sobre a orixe do leite, procedente só de explotacións de Galicia, e tamén ten unhas esixencias de calidade das maiores da Unión Europea.

Temos que mirar ao consumidor e poñer en valor a orixe e a calidade que está detrás de Galega 100%, que é o noso valor diferencial nun mercado tan competitivo e o que nos permitirá crecer no futuro. Iso é o que tentamos facer nos nosos produtos e transmitir a través do noso packaging e das nosas campañas de publicidade e de márketing.

Como industria láctea, como valorades desde Clesa o novo contrato lácteo?
Nós asinamos o acordo lácteo do 23 de setembro e xa estabamos subscritos a Produtos Lácteos Sustentables (PLS). Queremos que haxa contratos a longo prazo entre gandeiros e industria porque iso garante compartir e traballar xuntos en proxectos de futuro.

“Con inseguridade de prezos e de recollida para o gandeiro é moi difícil construír futuro”

É moi difícil construír futuro nun mercado curtopracista de inseguridade de prezos para o gandeiro e mesmo de onde entregar o leite.

Como ves a situación do sector lácteo galego e cal pode ser a saída a esta crise de prezos?
O sector gandeiro ten a necesidade de reducir custos e mellorar a eficiencia e desde Clesa temos a necesidade de construír proxectos de comercialización dos nosos produtos tanto en España como no exterior. Para iso temos que agruparnos, ser fortes e investir e despois facer produtos poñendo en valor o que somos en Clesa.

A través da Agrupación de Cooperativas Lácteas demos un primeiro paso importante e exitoso con Clesa pero debemos ir máis lonxe. Temos que darlle ao consumidor o que demanda, e para iso Clesa debe estar capitalizada.

Como son as relacións entre industria e distribución, a maior parte da cal non asinou o acordo lácteo?
No mundo do leite líquido son máis difíciles que no mercado do iogur, onde os acordos comerciais entre industria e distribución son a máis longo prazo. Creo que todo o que sexa estabilizar relacións contractuais axudaranos a dar estabilidade ao sector e a pensar no futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información