Claves a ter en conta cos fitosanitarios na granxa

O enxeñeiro técnico Manuel Crespo concreta as obrigas que os produtores deben cumprir no manexo dos fitosanitarios, cada vez máis determinantes para obter a PAC

Claves a ter en conta cos fitosanitarios na granxa

Manuel Crespo e Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, durante a xornada celebrada en Cercio (Lalín).

A trazabilidade dos produtos sanitarios está a ser un dos condicionantes a ter moi en conta na concesión das axudas da PAC, tal e como sinalou o enxeñeiro técnico e asesor da firma Soaga, Manuel Crespo, durante a xornada informativa celebrada en días pasados na cooperativa Cobideza, en Lalín.

As responsabilidades no manexo dos fitosanitarios repártense na actualidade entre as cooperativas e os produtores que empregan os produtos. As cooperativas están obrigadas a dispor, ó igual que os produtores, dun rexistro exhaustivo dos produtos fitosanitarios que xestionan e dende o 2015, deben ter, ademais, unha acreditación como vendedor autorizado. As cooperativas contarán cun libro de transaccións comerciais, onde rexistran os produtos que comercializan e un caderno cos tratamentos aplicados ós seus socios.

“Hai que ser moi conscientes da importancia que ten garantir a trazabilidade dos fitosanitarios por parte do produtor e das cooperativas”

Pola súa banda, os gandeiros teñen a obriga de rexistrar todos os produtos fitosanitarios que aplican no chamado libro de tratamentos, coñecido tamén como caderno de campo ou de explotación. “Tanto os produtores como as cooperativas teñen que ser moi conscientes da importancia que ten garantir a trazabilidade dos fitosanitarios, xa que de romperse o seguimento destes produtos incórrese nunha ilegalidade”, apunta Crespo.

Produtores e cooperativas son os aplicadores directos dos fitosanitarios no campo e estes produtos están a ser un dos condicionantes para obter as axudas da PAC. “Cada vez máis, Europa mira cara unha produción sostible e busca un uso racional dos fitosanitarios, polo que todo o que se vaia facendo nesa liña vainos favorecer para a obtención de axudas con fondos europeos”, concreta.

A xestión tanto dos fitosanitarios como dos rexistros estase a facer cada vez máis a través de aplicacións informáticas que facilitan o control e a dispoñibilidade de información por varios anos. “O uso de aplicacións facilita o labor dos gandeiros e tamén lles permite acceder dun xeito rápido e fácil ós rexistros de anos anteriores”, explica o enxeñeiro técnico.

Posibles cambios para o millo

Na actualidade, a normativa que regula en España o tratamento de fitosanitarios no campo é o Real Decreto 1311/2012. No marco desta norma estipúlanse diferentes controis para os fitosanitarios que se apliquen en función do tipo de cultivo. Mentres producións como a pataca están considerados como de consumo masivo, outros cultivos como o millo ou a herba clasifícanse como de non consumo masivo.

A gran diferenza que implica esta clasificación é que a aplicación de fitosanitarios nos de consumo masivo é máis estrita e están sometidos ó control dun asesor. “Un agricultor que produza cultivos masivos non pode decidir o tratamento que aplica senón que debe ser un asesor o que indique os produtos a empregar e o supervise”, explica Crespo.

O aumento da produción de millo e do uso de fitosanitarios podería levar a que este cultivo sexa considerado como de consumo masivo

Nos últimos meses, nalgunhas zonas de Galicia coma Lugo, cunha gran produción de millo, a Xunta está xa a facer controis sobre os leitos fluviais para supervisar a presenza de restos de fitosanitarios. A Administración mesmo estuda declarar o millo como de consumo masivo, o que suporía un cambio na aplicación dos fitosanitarios, tal e como xa informou persoal da Administración en encontros con profesionais do sector.

Na actualidade, en Galicia o 50% dos produtos fitosanitarios destínanse para o cultivo do millo, namentres anos atrás o viñedo copaba a maior porcentaxe. Así, 6 millóns de euros dos 12 que mobilizan os fitosanitarios en Galicia, céntranse nas producións de millo.

O cambio de catalogación para o millo acarrearía que os fitosanitarios que os asesores escollan para os tratamentos se axusten á guía de Xestión Integrada de Praga (XIP) para este cultivo, proporcionada polo Ministerio de Agricultura, e que ofrecen unha orientación para conseguir un uso sostible dos fitosanitarios. “Temos que axustarnos na medida do posible a esas recomendacións que inclúen produtos con perfís menos lesivos para o medio ambiente”, indica Crespo.

O manexo dos fitosanitarios na granxa

Gandeiros e agricultores teñen responsabilidades directas no manexo dos fitosanitarios nas súas instalacións, que quedan xa recollidos nos artigos 38, 39 e 40 do decreto. Recollemos as principais esixencias que se deben cumprir cos fitosanitarios na granxa:

-Transporte axeitado. Para evitar vertidos, o transporte debe facerse cos envases pechados e en posición vertical. Tampouco se deben facer cortes nos envases, xa que se poden producir vertidos accidentais. A normativa recolle que, na medida do posible, se debe evitar cruzar cursos de auga co produto, ben sexa xa na cuba ou no remolque do tractor.

-Eliminación do produto sobrante. Unha vez rematada a aplicación de fitosanitarios nun cultivo está prohibido eliminar os excedentes nese mesmo cultivo xa que implicaría engadir unha maior cantidade. “Non podemos sobrepasar a dose de rexistro do produto nesa parcela, polo que debería calcularse con exactitude a cantidade precisa ou eliminar os excedentes noutra parcela”, indica o enxeñeiro técnico.

Os excedentes dos fitosanitarios non se poden eliminar na parcela onde se aplicaron para evitar sobrepasar a dose de rexistro

Ademais, o lavado dos aparellos de aplicación dos fitosanitarios debe facerse a unha distancia superior a 50 metros de leitos de ríos ou pozos para evitar a contaminación das augas.

-Almacenaxe. Na granxa os fitosanitarios deben estar gardados nun espazo habilitado para esa fin e que cumpra coas medidas de seguridade axeitadas. Poden gardarse en armarios homologados, que dispoñen de pechaduras e que teñen ventilación natural ou forzada. Tamén poderían situarse nun habitáculo dentro da granxa que conte con ventilación e que estea separado por unha parede de obra do resto das instalacións.

“Os fitosanitarios non poden estar na granxa mesturados con outros produtos e os espazos habilitados para gardalos deben cumprir unhas garantías de seguridade, senón ante unha inspección é probable que se penalice”, indica Crespo.

Na granxa os fitosanitarios deben gardarse nun espazo habilitado exclusivamente para ese uso

O espazo de almacenaxe tamén deben dispor de medidas para recoller, con garantías, os posibles derrames que se poidan producir. Ademais, tampouco se deben gardar próximos a sementeiras, aínda que estas xa veñan tratadas con fitosanitarios.

É obrigatorio que os fitosanitarios estean identificados na granxa coas etiquetaxes orixinais e que sexan lexibles. “Non serve identificar o produto manualmente porque a etiqueta se despegou, é preciso contar cunha nova etiqueta que o distribuidor ou a cooperativa pode facilitar, xa que ante unha inspección carecer dunha etiquetaxe lexible é motivo de sanción”, explica.

-Xestión dos residuos. Os produtores están obrigados tamén a devolver os envases dos fitosanitarios para a súa recollida, tratamento e reciclaxe. Os recipientes de produtos líquidos deben entregarse sen restos de fitosanitarios e logo de ser enxaugados con auga varias veces. “As cooperativas non poden recoller os envases con restos senón deberán ser recollidos logo por un xestor autorizado de residuos perigosos”,comenta Crespo.

Os agricultores teñen que gardar o xustificante da recollida dos envases de fitosanitarios por un período de 5 anos

O xustificante de entrega dos envases fitosanitarios tamén se debe incluír no libro da explotación. Os agricultores deben gardar o xustificante da recollida dos envases de fitosanitarios por un período de 5 anos, xa que neste prazo a Administración pode requirirlle esa documentación para asegurar a trazabilidade.

Cambios previsibles nos fertilizantes

Xuntos con controis máis estritos para os fitosanitarios, tamén se prevé que Europa propoña cambios para os fertilizantes, co gaio de lograr producións máis sostibles. Prevese que a nova lexislación neste ámbito entre en vigor en xuño do 2021, aínda que no sector xa se apunta a que podería comezar a aplicarse este mesmo ano.

Unha das modificacións que se agardan é unha revisión que afecte á catalogación dos xurros o que levaría cambios nas unidades fertilizantes permitidas por parcela. Ademais, prevese que a Economía Circular gañe peso na xestión dos abonos e fertilizantes nun intento por aproveitar recursos próximos e empregar solucións eficientes e sostibles.

A redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, obrigando nun futuro próximo ó uso de ureas estabilizadas será outro dos aspectos nos que se prevé cambios a curto prazo e nos que países como Alemaña xa están traballando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información