Claves sobre o sistema de baleiro e as conducións das máquinas de muxir (II)

Nesta segunda entrega sobre as máquinas de muxir, Andrés Mejuto, presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (Agatem), afonda sobre os dous elementos fundamentais dos equipos e aporta recomendacións para o seu correcto mantemento na granxa

Claves sobre o sistema de baleiro e as conducións das máquinas de muxir (II)

O sistema de baleiro e as conducións son fundamentais na máquina de muxir da granxa.

As máquinas de muxir, ben sexan os sistemas máis tradicionais ou os novos robots de muxido automatizado, son dos sistemas indispensables nas granxas de leite. Á par de imprescindibles, a súa posta a punto e o coñecemento que se teña do seu funcionamento pode resultar de interese para atallar e previr avarías e garantir que están a funcionar correctamente.

Con Andrés Mejuto, técnico acreditado e presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (Agatem) afondamos xa sobre o funcionamento e os diferentes sistemas de muxido que poden instalarse na granxa na primeira entrega desta serie de artigos pensados para ampliar os coñecementos sobre as máquinas de muxir. Agora, tratamos con el o sistema de baleiro e as conducións, dous elementos fundamentais dos equipos. Ademais de coñecer o funcionamento deles, Mejuto tamén aporta recomendacións para o correcto mantemento na granxa. 

O sistema de baleiro

Nesta segunda entrega, Mejuto aporta información sobre un dos elementos claves no funcionamento das máquinas de muxir: o sistema de baleiro. Como ben indica o seu propio nome, o sistema de baleiro dunha máquina de muxir está composto por unha serie de accesorios que funcionan como baleiro e permiten conducilo ás diferentes partes da máquina de muxir.

A bomba

A peza fundamenta no sistema de baleiro é precisamente a bomba que produce o baleiro. Tan importante coma o propio baleiro que se xera para o funcionamento do equipo é o caudal de baleiro que se xera e garantir ademais que este sexa suficiente. “Tódalas máquinas de muxir funcionan co baleiro, polo tanto precisamos unha bomba que sexa capaz de producir un caudal de baleiro suficiente para que toda a instalación funcione cun nivel de baleiro estable e axeitado”, concreta Mejuto.

Á hora de establecer o caudal de necesidades da máquina, o técnico precisa coñecer algúns datos como o lugar no que se instalará a máquina, xa que a altitude sobre o nivel do mar modifica as necesidades do caudal da bomba.  “É moi importante coñecer a altitude á que nos atopamos pola influencia que ten a presión barométrica sobre o rendemento da bomba”, explica o técnico de muxido.

A altitude á que se atopa a granxa condiciona o rendemento da bomba. A máis altitude precísanse bombas con maior caudal e do mesmo xeito, as necesidades para muxir son maiores

A altitude á que se atopa a granxa condiciona o rendemento da bomba. “Cando temos altas presións a bomba de baleiro produce máis caudal, por este motivo cando aumenta a altitude sobre o nivel do mar a presión barométrica baixa e a bomba baixa rendemento”, explica o experto. Así, a máis altitude precísanse bombas con maior caudal e do mesmo xeito, as necesidades para muxir son maiores.

Outros elementos que condicionan o funcionamento da bomba son os puntos de muxido. “Precísase saber o número de puntos de muxido que se van dispoñer para o cálculo do caudal e o sistema de baleiro”, indica o especialista. Tamén é imprescindible coñecer o diámetro da condución de leite, xa que canto máis diámetro haxa máis caudal de bomba se necesita para facer o lavado.

Ademais do número de puntos de muxido, se os colectores teñen peche automático tamén inflúe no caudal da bomba e precisaranse 200 litros por minuto menos de caudal na bomba. “O peche automático é o peche que ten o colector e débese muxir con el libre, posto que se se dá o caso de que unha vaca tire o colector, o peche salta automaticamente”, detalla Mejuto. Con todo, o peche do retirador non é automático e sempre tarda uns segundos en pecharse.

A condución principal

Tan importante como a bomba é a condución principal. Esta tubaxe une a propia bomba co depósito sanitario. Nesta condución sitúanse outras pezas fundamentais como o refervedor de baleiro, o regulador ou o vacuómetro.

“A principal función do refervedor de baleiro é evitar que pasen líquidos ou calquera corpo estraño á bomba”, explica o técnico de muxido. Debe ter entrada e saída do mesmo diámetro ou superior que a condución, para que deste xeito non se produzan caídas de baleiro innecesarias.

A condución principal debe ter un diámetro suficiente para que poida circular o caudal da bomba sen caer o baleiro máis de 3 quilopascais

Mentres, o regulador de baleiro é unha válvula que serve para manter o nivel de baleiro estable na instalación. “Tódalas normas de montaxe van encamiñadas a conseguir un nivel de baleiro estable na punta do teto, co que garantir un muxido adecuado”, detalla o especialista.

A condución principal tamén debe contar cun vacuómetro, un aparato que lle permite ó muxidor que poida saber o nivel de baleiro da máquina.

Para garantir que a condución principal funcione correctamente debe ter un diámetro suficiente para que poida circular o caudal da bomba sen caer o baleiro máis de 3 quilopascais. A normativa recomenda facer un cálculo para 1 quilopascal de caída entre a bomba e o receptor. Tamén cómpre ter en conta que hai outros factores que repercuten no diámetro da condución principal como son o caudal da bomba, os metros de lonxitude, o número de curvas e cruzamentos (tes) que haxa, así como o número de refervedores e tamén as variacións de diámetro da condución.

Ademais destes elementos, a condución principal tamén pode incorporar un tanque de distribución. Trátase dun refervedor opcional que se emprega como colector para outras conducións. “Este refervedor de baleiro fará que necesitemos un diámetro superior de condución principal”, apunta Mejuto.

As caídas de baleiro

Para o correcto funcionamento da máquina de muxir é preciso ter moi presente as caídas de baleiro e as súas consecuencias no caudal. “As caídas de baleiro esixidas pola norma non son un capricho, xa que cando calculamos un caudal para unha máquina, ese caudal ten que estar dispoñible no receptor. Se non temos unha condución suficiente, estaremos muxindo igual que se tiveramos unha bomba pequena”, argumenta o técnico.

“As caídas de baleiro obrígannos a meter conducións de maior diámetro e isto encarece o prezo da máquina de muxir”

É preciso ter presente que cando o caudal de baleiro pasa dunha tubaxe a un refervedor prodúcese unha expansión do baleiro. Mentres, cando pasa do refervedor á tubaxe ten lugar unha comprensión. En ámbolos dous casos, tanto a expansión como a comprensión provocan unha caída do baleiro. “As caídas do baleiro obrígannos a meter conducións de maior diámetro e isto encarece o prezo da máquina de muxir” concreta Mejuto.

Tamén é fundamental a situación do regulador ou o sensor do variador. Neste caso, a caída de baleiro permitida entre o regulador e o receptor é de 1 quilopascal. “Se se supera esta medida, o regulador non se decata das caídas que pode haber no receptor e non cerra a entrada de aire na instalación, de xeito que queda muxindo cun nivel de baleiro máis baixo. Isto é o que se coñece como perdas de regulación”, detalla Mejuto.

Unha incorrecta caída de baleiro entre o regulador e o receptor pode derivar en que aumente o reconto de células na granxa

Este tipo de variacións xa non só inflúen no funcionamento da máquina de muxido, senón que é ademais causa de subida do reconto celular no leite, segundo informa o técnico. Para evitar que se xeren estes problemas, Mejuto recomenda achegar sempre o máximo posible o sensor de regulador ó receptor.

Outras das pezas da máquina de muxido é o depósito sanitario, que está situado entre o sistema de leite e o de baleiro. “A función deste depósito é evitar que pase leite ou auga do lavado ó sistema de baleiro”, concreta o técnico.

maquina de ordeño con conduccion

Máquina de muxido con condución.

Condución de baleiro de muxido e condución de pulsación

Tamén cómpre sinalar que nas salas de muxido con medidores volumétricos existe unha condución de baleiro de muxido. Este tipo de condución une o medidor coa condución principal e tamén serve como tubo de lavado.

Para rematar, Mejuto lembra que na máquina de muxido existe tamén unha condución de pulsación, aquela que soporta os pulsadores e dá baleiro tamén ós retiradores. “Esta condución necesita diámetros pequenos porque aquí os consumos son baixos, normalmente mesmo está sobredimensionada”, recoñece o técnico de muxido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información