A máquina de muxir é un dos equipos fundamentais nas ganderías de vacún de leite. Durante anos en Galicia as revisións destas máquinas eran obrigatorias e levábanse a cabo alomenos unha vez ó ano para asegurar un correcto funcionamento. A día de hoxe, como apuntan dende a Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (Agatem) aínda que a Xunta deixou de esixir esta revisión, resulta igual de importante controlar o equipo de muxido para garantir o seu correcto funcionamento antes de que poida producirse unha avaría de maior transcendencia ou de que pequenos desaxustes poidan derivar en problemas para o propio gando ou a actividade e a rendibilidade da granxa.
En función do número de animais da gandería tamén será preciso un recambio máis habitual das pezas como as gomas das tetoeiras, xa que estarán sometidas a un maior desgaste, tal e como xa o recomendan os propios fabricantes.
Da man de Andrés Mejuto, técnico acreditado e presidente de Agatem, afondamos no coñecemento sobre as máquinas de muxir. Nesta primeira entrega debullamos algunhas das cuestións a ter en conta para comprender o funcionamento da máquina de muxido, así como os diferentes tipos. Con ela iniciamos unha serie de artigos nos que abordaremos cuestións como as distintas partes da máquina e os seus accesorios, explicando a función que teñen cada un destes elementos e os mínimos esixidos pola normativa para garantir o seu correcto funcionamento na gandería.
Coñecer a máquina
Nas ganderías galegas podemos atopar a día de hoxe varios tipos diferentes de máquinas de muxir:
1_ Cántaras ou máquina de muxido con cubo. Son as máis elementais e tamén as que primeiro se comezaron a instalar nas ganderías.
2_ Máquinas de muxido con condución de leite. Neste grupo é onde se encadran tanto os circuítos como as salas de muxir.
Nas máquinas con condución de leite poden establecerse outras dúas clasificacións, que son tamén as que máis nos interesan para comprender mellor a máquina: liñas altas e liñas baixas. Chámanse de liña alta aquelas máquinas nas que o leite sube do colector á condución do leite, posto que esta está máis alta que o colector.
Mentres, coñécense como máquinas con condución de leite de liña baixa aquelas nas que o leite baixa do colector a unha condución que está situada a unha altura por debaixo dos pés da vaca. Cómpre ter claro que as máquinas de muxido en circuíto serán sempre unha liña alta. Porén, unha sala pode ser liña alta ou baixa dependendo da altura da condución do leite.
O caso da cántara de muxir practicamente é unha liña baixa que pode traballar a entre 40 ou 43 quilopascais e os reguladores fixos regulan a 50 quilopascais. Sistemas modernos e actuais como os robots de muxido teñen cálculos semellantes ós empregados para as cántaras.
As pezas fundamentais
Á hora de analizar o funcionamento da máquina de muxir é prioritario ter un coñecemento sobre os seus compoñentes. “Hai partes fundamentais que si lle faltan non funcionarían e outras que son opcionais, como é o caso dos medidores”, apunta o técnico.
A máquina de muxir traballa por baleiro, polo tanto o primeiro compoñente será unha bomba de baleiro. Para unir dita bomba coas demais partes da máquina necesítase un sistema de baleiro, que á súa vez debe contar cun sistema de regulación do baleiro e pulsación. Este é o accesorio encargado de traballar sobre o teto da vaca para producir a baixada do leite.
Outra parte importante da máquina de muxir é o sistema de leite, que se encarga de levar o leite dende o colector ó receptor. Nesta parte da máquina poden ir incorporados os medidores.
“Tódalas máquinas, tanto liñas altas como baixas teñen ou poden ter os mesmos compoñentes, a única diferenza entre elas é o nivel de baleiro ó que traballan”
O nivel do baleiro é unha das cuestións ás que é preciso prestar especial atención. “Tódalas máquinas, tanto liñas altas como baixas teñen ou poden ter os mesmos compoñentes, a única diferenza entre elas é o nivel de baleiro ó que traballan”, explica Mejuto. O leite ó subir do colector á condución produce unha caída de baleiro importante, así, canto máis alta está a condución, máis caída haberá na punta do teto da vaca, que realmente é o baleiro que interesa ter en conta na máquina de muxir.
Nos robots de muxido, a caída de baleiro é baixa, posto que por cada tetoeira hai un tubo longo de leite, mentres que nun sistema normal hai un tubo para as catro tetoeiras. O nivel de baleiro no robot de muxido é variable, en función do caudal de leite que baixa a vaca nese intre, así canto máis leite máis baleiro.
Solucións ante variacións dos niveis de baleiro
As variacións dos niveis de baleiro poden provocar situacións que sexan prexudiciais para o correcto funcionamento da máquina ou para lograr bos resultados no muxido do animal. Analizamos algunhas das circunstancias máis habituais que poden producirse na máquina de muxido en canto ós niveis de baleiro e como corrixilas:
– Nivel de baleiro alto no teto da vaca.
Nas máquinas de muxir en liña alta utilízanse niveis de baleiro en regulador de entorno a 50 quilopascais ou incluso máis. Nestes sistemas poden xurdir problemas derivados dun nivel de baleiro alto na punta do teto. Así, no momento no que se colocan as tetoeiras, e mentres non hai leite, o baleiro sobe no teto case a niveis máximos. “Nestas circunstancias, se hai 50 quilopascais no regulador podemos chegar a ter na punta do teto 48 quilopascais. Este nivel de baleiro normalmente é moi alto para facer un muxido correcto”, especifica o técnico.
Para mellorar esta variación do nivel de baleiro, Mejuto recomenda preparar moi ben as vacas para a baixada do leite e retirar as tetoeiras xusto cando termine de baixar o leite. “Nestes casos as tetoeiras deben retirarse canto antes, todo o máis axiña posible”, concreta o especialista.
-Caída do baleiro.
Outro problema das liñas altas prodúcese con aquelas vacas que apuran a baixar o leite no pico máximo do muxido, xa que pode caer o baleiro na punta do teto a 30 quilopascais ou mesmo por debaixo deles, un nivel de baleiro que se considera moi baixo para muxir. Por esta razón, é recomendable montar salas de liña baixa, sobre todo naquelas ganderías que teñan ou queiran traballar con producións altas de leite.
“Cunha liña baixa ben dimensionada e correctamente instalada podemos traballar con baleiros no regulador de entorno a 42 quilopascais e ter na punta do teto, de principio a fin do muxido, 40 quilopascais. Así, pódese facer un muxido rápido e suave”, explica o técnico.
Baixar o nivel do baleiro pode ser a solución para distintos problemas que pode haber na granxa e co gando. “Cando se comezaron a instalar as muxideiras eran todas cántaras de muxir, cunha liña baixa e cos reguladores de baleiro fixos. Con estes sistemas, daquela teño resolto moitos problemas de recontos de células somáticas altos con só baixar o nivel de baleiro”, apunta Andrés Mejuto.
*Nas vindeiras entregas continuaremos a coñecer as distintas partes da máquina, a súa función e os mínimos esixidos pola normativa para garantir o seu correcto funcionamento na gandería.