Claves prácticas da Lei de Recuperación da Terra Agraria

Repasamos as principais novidades que achegará a nova normativa, en trámite parlamentario, así como os debates sobre a mesma que se iniciaron no Consello Agrario e no Consello Forestal

Claves prácticas da Lei de Recuperación da Terra Agraria

Monte convertido en pradeira tras unha concentración parcelaria. / Arquivo.

A futura Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia pasou estes días polo Consello Agrario e polo Consello Forestal, nos que se constituíron sendos grupos de traballo coas organizacións do sector para facer achegas ó documento. Falamos con Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga e Asociación Forestal de Galicia sobre as súas valoracións e propostas. Repasamos tamén as principais claves do proxecto de lei.

1) Catálogo de usos da terra

A Xunta impulsará un Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Será un instrumento marco para a ordenación do territorio, de carácter vinculante, e prevalecerá sobre calquera planeamento urbanístico ou cartografía vixente. Entre outros tipos de solo, o catálogo identificará e diferenciará os solos de alta produtividade agropecuaria e forestal, que adquirirán a condición de solos rústicos de especial protección agropecuaria -con uso exclusivo agrario-, ou forestal.

O Catálogo definirá ademais os usos permitidos, prohibidos ou autorizables en cada tipo de solo. Este é un asunto de debate, pois mentres organizacións como o Sindicato Labrego ou a Fruga son partidarias de establecer unha alta protección sobre os solos agrarios, a maior parte do sector forestal considera que carece de sentido vetar usos forestais, que poden ser reversibles nun futuro.

“A dispoñibilidade de terra é clave para as explotacións agrarias activas e para as persoas que queren emprender no agro” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)

A clave vai estar en ata que punto se protexen solos como de uso exclusivo agrario ou se opta por unha clasificación máis aberta que permita usos forestais en parte dos solos agrarios. Na actualidade, as plantacións forestais están moi restrinxidas en terras agrícolas e sempre limitadas a frondosas caducifolias, pero o sector forestal aspira a modificar esas regras de xogo.

Isabel Vilalba (Sindicato Labrego): “Temos unha superficie agraria útil que representa arredor do 20% do territorio de Galicia e que está en descenso. É unha porcentaxe inferior á da maioría de rexións agrarias europeas. A nosa proposta é que un 33% do territorio de Galicia sexa protexido como solo de alto valor agropecuario” -defende a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “A dispoñibilidade de terra agraria é clave para as explotacións activas e para persoas que queren poñer en marcha novas iniciativas. Tamén hai que ter en conta que a falta de ordenación actual está detrás de problemas como a chegada dos lumes forestais á porta de vivendas e granxas”, valora.

“Se o propietario non percibe rendibilidade nos usos da terra que se lle impoñan, abandonará as fincas. Preocúpanos unha excesiva rixidez no catálogo de usos do solo” (Francisco Dans, Asociación Forestal de Galicia)

Francisco Dans (Asociación Forestal de Galicia): “Preocúpanos que se propoña unha excesiva rixidez na clasificación de usos da terra. Unha das vantaxes do sector agroforestal galego é a flexibilidade na adicación do solo a distintas actividades. É falso que haxa intereses encontrados entre o ámbito forestal e o agrícola, xa que con frecuencia trátase dos mesmos propietarios. Hai que recoñecer que nunhas zonas existe maior demanda de terras para uso agrogandeiro e noutras demanda para uso forestal. Se aplicamos unha excesiva rixidez no catálogo de usos, a consecuencia será o abandono se o propietario non percibe rendibilidade nos usos que se lle impoñan” -valora Dans-. “Este é un posicionamento que ten un apoio maioritario entre as organizacións que estamos no Consello Forestal”, conclúe.

2) Instrumentos para a xestión conxunta de terras

A futura Lei establece tres instrumentos para a xestión conxunta de terras, como vía para a recuperación de terras abandonadas e para lograr maiores superficies de uso, cunha menor fragmentación. Son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta e as aldeas modelo.

Polígonos agroforestais

Os polígonos agroforestais poderán ser promovidos por iniciativa publica ou privada co obxectivo de recuperar terras en estado de abandono. En ambos casos precísase dispoñer dun acordo maioritario das persoas titulares, que representarán un mínimo do 70% das terras incluídas no polígono agroforestal. Exceptúase desa obriga o polígono cortalume, un tipo de iniciativa orientada á prevención de incendios e que só poderá ser de promoción pública.

En xeral, para a promoción dun polígono agroforestal, polo menos un 50% das terras deberán estar en abandono ou infrautilizadas. Se se trata dunha iniciativa privada na que entre unha explotación agraria activa, para o cálculo non se contabilizarán as terras traballadas desa explotación que se inclúan no perímetro.

De cara a reducir o minifundio das parcelas, nos polígonos agroforestais poderán levarse a cabo proxectos de reestruturación da propiedade para asegurar un tamaño mínimo de parcelas. Tamén será posible executar infraestruturas de uso común, para o que se deducirá superficie de parcelas que poida ter o Banco de Terras ou de parcelas propiedade do axente impulsor do polígono.

“Hai 32.000 hectáreas de concentracións parcelarias abandonadas que deben ser zonas prioritarias para impulsar polígonos agroforestais públicos” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

Nos polígonos de iniciativa privada, a Administración fixará uns prezos mínimos de transmisión ou arrendamento, para facilitar a negociación entre propietarios e axentes promotores. Poderanse producir arrendamentos, compravendas ou permutas. No caso dos polígonos impulsados por iniciativa pública, haberá unha adxudicación do uso das terras nun proceso por concorrencia competitiva. Se algún dos propietarios que está no perímetro do polígono non quere participar no proxecto, está obrigado a manter o uso produtivo das súas parcelas.

A superficie mínima de actuación será de 10 hectáreas, se ben poderán levarse a cabo polígonos para perímetros de menor superficie, de existiren circunstancias de índole ambiental, agroforestal ou socioeconómica que así o xustifiquen, especialmente cando contribúan a reforzar a base territorial das explotacións existentes.

Desde o punto de vista do sector, pode ser unha figura útil, dependendo da financiación pública dispoñible e das zonas de actuación que se impulsen por parte da Administración.

Jacobo Feijoo (Unións Agrarias): “O prioritario para nós é dinamizar as zonas de concentración parcelaria. Hai 32.000 hectáreas de concentracións parcelarias abandonadas que é fundamental poñer a producir. Tamén temos 36.000 hectáreas en proceso de concentración, que hai que axilizar. En todas esas terras hai oportunidades claras de dinamización e de que o Banco de Terras asuma un papel protagonista en poñer terras a disposición do sector agrario”.

Agrupacións de xestión conxunta agrarias ou forestais

Poderán ser promovidas por asociacións sen ánimo de lucro, cooperativas, sociedades civís, Sat, sociedades mercantís ou Sofor (no caso das agrupacións forestais). As agrupacións agrogandeiras de xestión conxunta deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas. O obxectivo é facilitar o aproveitamento conxunto das parcelas, sen facer unha reestruturación da propiedade. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 por cento da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa

Aldeas modelo

Os concellos interesados na declaración dunha aldea modelo no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude acompañada dunha proposta de perímetro e da documentación xustificativa de que dispoñen do acordo dos 70% dos propietarios do perímetro proposto. O obxectivo é dinamizar a actividade agraria arredor dos núcleos de poboación, de xeito que esas terras actúen de cortalumes en caso de incendio forestal.

Investigación da propiedade

A Administración investigará a propiedade das terras de titular descoñecido que queden dentro do perímetro de instrumentos de xestión conxunta. É un proceso no que se lle queren ofrecer as máximas garantías ós propietarios de terras, de xeito que aquelas parcelas de titular descoñecido poidan ser reclamadas nun futuro por vía administrativa, cun trámite sinxelo. Hai consenso no sector agrario e forestal en que se lle ofrezan as máximas garantías e seguridade xurídica ós propietarios.

Acaparamento de terras

A Lei establece que se limitará a porcentaxe de propiedade dun mesmo axente promotor dentro do conxunto de polígonos de iniciativa pública desenvolvidos, de xeito que nunca supere o 10% das terras, a partir de que haxa dez proxectos en execución.

“A verdadeira finalidade da Lei é a de facilitarlle terra ós sectores especulativos para que poidan implantar os seus proxectos empresariais” (Fruga)

Para organizacións agrarias como o Sindicato Labrego ou a Fruga é esencial “impedir a especulación coa terra”. “Os proxectos deben orientarse a ampliar a base territorial de explotacións existentes ou a facilitar a instalación de persoas mozas ou emprendedoras que fagan unha actividade directa. En ningún caso, isto pode ser un instrumento para fondos de investimento ou empresas que fagan unha grande ocupación”, valora Isabel Vilalba.

Desde o punto de vista da Fruga, “resulta curioso que no caso dos polígonos agro-forestais públicos figure un artigo específico para evitar o acaparamento, en tanto esta referencia desaparece cando se fala dos polígonos privados. A verdadeira finalidade que persegue esta lei é facilitar o aceso á superficie de terra abandonada ou sen propiedade perfectamente identificada aos sectores especulativos, de xeito que poidan implantar os seus proxectos empresariais sen ter de se enfrontar a actual fragmentación da propiedade, que non a fai atractiva para estes sectores”.

3) Banco de explotacións

As persoas interesadas no arrendamento ou compra dunha explotación poderán solicitar do Banco de explotacións a intermediación coas persoas titulares daquelas que estean incluídas no Banco. Os posibles acordos estarán sempre sometidos ó principio de autonomía de vontade dos interesados. As explotacións que abandonen a actividade e que queiran entrar no Banco, poderán estar dispoñibles no mesmo un máximo de 2 anos desde a fin da actividade.

A Lei establecerá tamén mecanismos para incentivar as permutas. Sinálase ademais a conveniencia de negociar co Goberno central melloras fiscais para agricultores, gandeiros e silvicultores activos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información