Pedro Álvarez-Álvarez, Catedrático da Área de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Oviedo explicou aspectos do manexo das plantas, dos solos e da contorna que se deben seguir á hora de afrontar a recuperación dun souto. E os criterios para a conservación e xestión dos xa recuperados. Explicounos nun foro organizado recentemente en Samos pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, unha actividade financiada pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Polinización e floración
A polinización é o máis importante. Sen ela non habería castañas e as árbores só serían de uso forestal. Sen embargo, apenas hai 10 anos que se coñece que a polinización do castiñeiro se realiza nun 94% mediante insectos e non polo aire, como sucede co carballo e moitas outras frondosas galegas. Crear as condicións para que haxa insectos na contorna e que poidan acceder ás árbores é algo que hai que garantir. O período entre a polinización e a madureza da castaña varía de 70 a 120 días, desde finais de verán ata outono.
Moscas calitradas, abellas, abellorros…son algúns dos insectos que participan na polinización dos castiñeiros. Álvarez citou diferentes estudos en Italia e Suiza que apuntan a que o 70% dos polinizadores de cada zona onde hai soutos se concentran precisamente neses espazos. Dese xeito, a presenza dos castiñeiros favorece o resto de cultivos da contorna. Os soutos son reservas de biodiversidade.
Estudos do University College de Londres do ano 2021 indican que nas últimas décadas o cambio climático e a perda e deterioración de hábitats levaron a que desapareceran ata o 63% dos insectos polinizadores que estaban presentes nos diferentes ecosistemas.
A presenza de soutos favorece o resto de cultivos da contorna. Porque son reservorios de biodiversidade e poden acoller ata o 70% dos insectos polinizadores
É moi importante ter en conta que castiñeiro é principalmente autoincompatible. Polo tanto, require polinización cruzada para unha fertilización eficaz. Que a especie sexa principalmente polinizada por insectos provoca unha maior regularidade na frutificación e produción de froito que se fose
polinizado polo vento. E tamén saber que hai moitos óvulos en cada flor, normalmente 6, que producen unha castaña con 1 ou máis sementes.
Ao ser unha especie monoica, nunha mesma árbore atópanse flores estaminadas (masculinas) e pistiladas (femininas). Estas flores preséntanse en dous tipos de amentos diferentes. Os amentos unisexuais atópanse na base dos brotes, mentres que os bisexuais atópanse na parte distal dos brotes. Os unisexuais florecen antes que os bisexuais.
Como no resto da familia das árbores fagáceas, hai unha ampla variación na fenoloxía da floración entre as distintas variedades de castiñeiro. Por eso, é necesario coñecer esas variacións cando se escollan as castes que se van poñer. O deseño de soutos e plantacións froiteiras será moito máis efectivo se se fai un seguimento das cinco fases das que consta a variación da fenoloxía.

Álvarez participou nunha xornada sobre uso de drones para tratar os soutos
A exposición de Álvarez produciuse nun evento no que se presentaba a utilización de drones para a aplicación de bioestimulantes nas árbores. Nesa liña, lembrou que o uso de bioestimulantes é unha práctica moi antiga e que axuda na parte fenolóxica. Porque o cambio climático pode adiantar ou atrasar a floración e facer que se perda a sincronización entre planta e insectos. Os bioestimulantes axudan a reducir ese posible descadre temporal.
O catedrático sinalou que os castiñeiros fan un enorme esforzo durante a floración e que produce unhas cantidades de pole moi elevadas. Un fenómeno que é obxecto de continuos estudos botánicos. E, aínda así, precisa do pole doutras árbores para ter éxito. Tamén lembrou que hai estratexias ecolóxicas e xenéticas para favorecer a produción de flor feminina, que derivará nunha castaña máis grande e de máis calidade.
A fenoloxía do castiñeiro é moito menos evolucionada que a das faias ou os carballos. Eso leva a que sexa máis delicada. Pero ten a vantaxe de que eso garante unha maior regularidade na produción de froito. Por exemplo, os carballos adoitan ter ciclos de 2 a 4 anos para colleitas máis moderadas ou regulares, e ciclos de 7 a 10 anos para colleitas especialmente abondosas.
Estrutura do souto e arquitectura da árbore
Un souto de éxito está formado por árbores que poden vivir entre 400 e 800 anos; mesmo hai castiñeiros que alcanzan unha idade maior. Algo que se consegue cun deseño previo que teña en conta a posición da árbore na fraga, a elección do terreo e como se desenvolven as pólas. Por exemplo, as flores que dan lugar aos ourizos sitúanse na parte exterior das ramaxe, nos 50 centímetros finais. Alí é onde reciben a luz solar necesaria. Así, é prioritario evitar pólas moi tortas ou un exceso delas. Ten que ser ventilada e solleira.
Hai que ser consciente de que o castiñeiro ten un dobre aproveitamento -forestal e froiteiro- aínda que máis forestal dende o punto de vista biolóxico. Porque non é unha froiteira ao uso. Ten que crear unha estrutura moi forte antes de poñerse a producir castaña. A ramaxe e o toro teñen moito vigor e o seu manexo non é sinxelo, como o é o das pereiras, mazairas ou cerdeiras. As podas e enxertos son máis dificultosos.
A xestión da estrutura do castiñeiro dificúltase polo seu dobre aproveitamento. É moito máis complexa que a de froiteiras como a mazaira ou a pereira
Nese sentido, Álvarez falou da “espiral de vigor” que caracteriza os castiñeiros. E é que as xemas vexetativas desenvolven moita madeira e brotes. Hai que facer un traballo de redución do vigor para que non todo se converta en madeira e quede marxe para unha produción sustentable de froito.
Álvarez amosouse partidario de empregar castes autóctonas tanto na recuperación de soutos como na creación doutros novos. Aínda que eso non sempre é posible porque nos viveiros galegos hai moito material híbrido ou que procede doutras zonas. Así, nunha recuperación comprometida coa tradición, hai que gardar pugas coas que se poida traballar no futuro.

O recorte dos callos evita a aparición de brotes adventicios indesexados
Hoxe non sempre as plantacións van arriba. Por diferentes motivos. Unha posibilidade para ter máis éxito está na preparación do terreo. Entroutras cousas hai que esforzarse por que os buratos nos que van ir as plantas teñan a profundidade necesaria. Axuda tamén que no terreo escollido houbera anteriormente castiñeiros, aínda que foran talados. Eso indica que a plantación pode triunfar porque xa o fixo antes.
A altitude, que antes era un problema, éo cada vez menos. Álvarez narrou experiencias de soutos con castiñeiros enxertados a máis de 1.200 metros sobre o nivel do mar e que están a dar excelentes resultados. De aí que os castiñeiros poidan ser unha boa opción nas zonas da montaña luguesa máis afectadas polas pragas das bandas roxa e marrón que afectan o Pinus radiata.
A elección do marco de plantación é relevante. Pódense variar as densidades entre as máis tupidas (6×6, 7×7, 7×6…) e as máis separadas (10×10, 8×12, 8×10…). Pero sexa cal sexa a elexida, hai que evitar que as polas dunha árbore toquen coas doutra.
Nas plantacións máis densas -de ata 400 árbores por hectárea- pode acelerarse a produción de froito nos primeiros 15 anos. Pero despois hai que facer clarexos e reducir a carga forestal ou haberá problemas para desenvolver unha silvicultura axeitada. Os castiñeiros que máis viven e renden son os que reciben máis luz solar, e están máis separados e aireados. Porque as pragas entran con máis dificultade e as árbores non teñen que competir pola auga, a luz e o aire.
Para a estrutura das árbores pódese optar por facer cortas para buscar a forma de vaso, tradicional noutras froiteiras. Sen embargo, hai que facela moi ben e manter un seguimento constante. Porque o vaso non é a forma natural do castiñeiro e a madeira non se sente cómoda con ela. Segundo Álvarez, diferentes experiencias en Italia e Chile demostraron que se pode producir moita castaña e de moita calidade respectando a arquitectura propia do castiñeiro (formación de eixe central) especialmente en plantación de alta densidade (150 ou máis castiñeiros/ha) Algo que, ademais, reduce considerablemente o tempo de traballo e a man de obra na silvicultura.
Manexo das árbores e silvicultura
Co terreo seleccionado e as plantas xa crecidas, toca efectuar tarefas para o mellor mantemento do souto. Precisamente esa silvicultura antedita. Unha das principais tarefas é a poda. Ben sexa para obter un aproveitamento madeireiro, ben por manter a saúde das árbores.
Durante a poda recoméndase deixar os brotes menos vigorosos e cortar os de máis forza. Esto faise porque as máis débiles -por así dicilo- son as que van favorecer a floración e que haxa máis froito. E, máis alá do rendemento en castaña, os brotes con demasiado vigor fan que a árbore teña que facer un sobreesforzo en manter e desenvolver a madeira que supoñen eses brotes. Incluso é posible que acaben fendidos polo peso de toda a madeira que conlevan.
Outra práctica de utilidade é o remozamento de copa. Con el conséguese entroutras cousas que o zume se acumule nun pequeno número de polas e brotes e unha mellor e mais intensa iluminación da copa, para acadar unha óptima floración e un incremento gradual na produción de froito e na súa calidade.
Os brotes que nacen no pé da árbore teñen que ser cortados sempre. Están en contacto co sistema radicular e prexudican as partes máis interesantes do castiñeiro
Ademais, e dependo da variedade, pódese obter un corte de madeira de calidade para vigas, madeira
de serra, postes, ou incluso biomasa ou leña. E tamén se consegue facilitar unha mellor recollida de froito e que se poida varexar, se é o caso, de forma mais sinxela. Se se pretende optimizar a produción de froito podemos actuar sobre a densidade, forma, vigor e tipo de material xenético empregado.
No que Álvarez foi taxante foi na necesidade de cortar os brotes que medran dende o pé ou pegados a el. Son partes que conectan co sistema radicular e absorben moita savia e nutrientes que, ademais, restan das cantidades que deberan chegar ás zonas que máis nos interesan da árbore. Hai que talalos sen dubidar e canto antes e canto máis abaixo mellor teñan o tamaño que teñan.

Os enxertos son unha tarefa de moita precisión da que dependerá o éxito produtivo
O mesmo sucede cos callos que se forman logo de realizar unha poda. Xa non só polo seu impacto visual. Tamén porque son lugares de crecemento de brotes adventicios. Uns brotes que non están ben conectados coa planta e que van ter un crecemento anormal e poden romper, causando danos importantes na árbore. Non hai que ter medo de usar a motoserra para suprimir toda a superficie posible deses callos.
Coidados sanitarios
Nos soutos que foron abandonados e que se queren recuperar o habitual é que se teña chegado a unha intensa densidade vexetal de castiñeiros e doutras especies. A densidade vexetal e o abandono implican unha enorme perda de produción de castaña, unha menor resistencia a pragas, a aparición masiva de fungos…
Álvarez citou o caso da recuperación do souto de Paramedela, na Pobra do Brollón. Eran castiñeiros que sufriran numerosas cortas (fradados) porque a súa madeira tiña moita utilidade na zona. Esas sucesivas cortas deixaban cicatrices que servían de entrada para todo tipo de fungos. Indicou que unha solución está na utilización do lume de baixa intensidade para evitar a degradación das carochas por fungos saprófitos.
A técnica consiste en empregar palla para facer o lume. A calor da combustión mata os fungos e, ao mesmo tempo, crea unha película carbonosa que actúa como material illante. O uso do lume non só elimina os fungos saprófitos, senón que tamén incentiva unha maior brotación nas partes fradadas do castiñeiro. Pero, ollo, ten que ser un lume de baixa intensidade que se poida controlar e hai que empregalo preferentemente nos meses de inverno. Ademais, só resulta efectivo en árbores que presenten espazos e cavidades onde prendelo.
Un protocolo sanitario indispensable é o da desinfección. Todas as ferramentas que se empregan nas podas e demais traballos teñen que ser desinfectados antes e despois da súa utilización. E ese proceso haino que repetir árbore por árbore. Non se pode correr correr o risco de levar un fungo ou unha bacteria dun castiñeiro a outro por non ter desinfectado os apeiros silvícolas.
A desinfección dos apeiros debe facerse antes e despois de utilizalos. E tamén hai que desinfectar as feridas na árbore logo das cortas
A desinfección non se aplica só nos elementos de traballo, senón que se fai extensiva as propias árbores. Nas feridas que se deixan polas podas e cortes tamén é necesario utilizar produtos de efectividade sanitaria. Se no caso das ferramentas se utiliza alcohol, para as feridas da planta emprégase unha solución cun 70% de lixivia e un 30% de auga.
Álvarez indicou que os soutos precisan dun 2% de materia orgánica no solo. A permeabilidade do solo é moi importante. Os solos pesados, lavados, arxilosos e encharcados favorecen a podremia radicular causada por Phytophthora spp. e Armillaria mellea, polo que deben evitarse. De aí que haxa que ser moi rigorosos cando se vaia facer un aproveitamento de biomasa porque podemos reducir considerablemente esa cantidade de materia orgánica e afectar tamén negativamente a biodiversidade. Eso si, a leña e refugallos que se corten non se deben deixar depositadas demaisado tempo no propio souto porque poden ser refuxio de innumerables fungos e facilitar a aparición do chancro.
Unha proposta da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos é a de que se xeolocalicen todas as parcelas de castiñeiros en produción. Sería, din, unha medida do máis efectiva para ter localizadas as pragas en canto aparezan e poder actuar dende os servizos de sanidade vexetal coa máxima celeridade.
Proxectos en curso
Pedro Álvarez deu conta tamén dos proxectos de recuperación de soutos nos que traballou ou está a traballar, principalmente en Asturias. Sobre todo o Life Osos con Futuro e o Proxecto de Bioeconomía: “Castañas, Osos y Desarrollo Rural”. Nesa comunidade houbo unha enorme tala de castiñeiros que se destinaban para facer vigas nas minas de carbón e ferro. E é que se trata dunha madeira que “avisa” cando vai colapsar. Algo que salvou vidas humanas.
Un dos primeiros atrancos que se atopan ven dende o marco legal. Para actuar en calquera souto é preciso ter a autorización expresa e asinada do seu propietario, un acordo de colaboración para a recuperación de soutos e acordos de custodia para as plantacións de froito con cultivares tradicionais. Nun dos proxectos, en colaboración coa Fundación Oso Pardo tiveron que dedicar meses a localizar a cada dono de souto e a negociar acordos con eles.
En Galicia a figura dos montes en man común mesturada co minifundio estrutural pode condicionar tanto a busca como a consecución de acordos cos propietarios. As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) poden axudar a que se desenvolvan os proxectos con menos atrancos burocráticos.

Pedro Álvarez nun souto de Doade (Sober)
Tamén relatou como é importante coñecer todos os elos que van participar nas recuperacións antes de acometelas. E citou o exemplo dun traballo no que se querían empregar 30.000 enxertos de castes autóctonas pero no mercado non os había. Houbo que pedirlle un viveiro o goberno autonómico e, aínda así, tan só se puido chegar a ter a metade dos enxertos. E foi preciso contratar enxertadores profesionais.
No máis inmediato, Álvarez participa nunha iniciativa de plantación experimental en Grandas de Salime, un municipio lindeiro con Galicia. Alí van traballar sobre 10 hectáreas de terreo e empregando 19 clons de variedades, 9 galegas e 10 asturianas. A vantaxe é que disporán dun sistema especial de rega porque na parcela houbera unha plantación de nogueiras que non saiu ben pero deixou a infraestrutura. As plantas pasaron de bandexa a maceta e empregando un patrón sativa, porque as características especiais do terreo non recomendan a utilización de híbridos, que non terían unha fácil adaptación.
Nos castiñeiros vanse facer análises do funcionamento da micorrización. Con todo, o catedrático pon en dúbida que esa sexa unha práctica totalmente efectiva. Porque no pé do castiñeiro pode haber ata 200 clases diferentes de fungos simbiontes. E non hai ningunha evidencia científica de que unha das clases vaia triunfar sobre as outras, sobre todo se non están adaptadas ao tipo de solo.
Porque os fungos non teñen unhas pautas fixas de comportamento e son impredecibles. Así, hai fungos que colaboran coa planta -os denominados simbiontes- , outros que son parasitarios e outros que son patóxenos. E incluso os simbiontes poden chegar a unha colaboración desigual e acabar converténdose en patóxenos.
Os soutos son unha fonte de riqueza medioambiental, de biodiversidade, económica social e tamén cultural
Finalmente, Álvarez lembrou a importancia que a recuperación dos soutos ten nas zonas onde se leva a cabo. Se se executa axeitadamente, ten indubidables beneficios económicos, medioambientais e de biodiversidade e mesmo sociais e culturais. Ademais de manter o vencello da poboación co que durante séculos foi unha inigualable fonte de recursos.
Das castañas e a madeira xorden proxectos empresariais. Son xeradores de emprego na silvicultura, na recollida, na elaboración de produtos forestais e alimentarios e serven como freo para os lumes. Por eso, avogou por levar adiante proxectos de recuperación e de creación de soutos onde sexa posible. Sempre, eso si, cun traballo constante e rigoroso para garantir o éxito.