Claves para unha correcta fertilización do viñedo

Os expertos en manexo do viñedo Julián Palacios e Bárbara Sebastián recompilan algúns dos principais aspectos a ter en conta no abonado da vide. A análise dos solos e avaliar o estado nutricional do viñedo mediante análises foliares son imprescindibles para proporcionar a fertilización axeitada

Publicidade
Claves para unha correcta fertilización do viñedo

A observación do viñedo e as analíticas de solo e foliar son fundamentais para unha boa diagnose previa á fertilización.

Para lograr unha fertilización axeitada do viñedo, o control dos nutrientes presentes nos solos segue sendo prioritario. “Pode parecer moi básico, pero segue sendo imprescindible prestar atención aos nutrientes esenciais, tanto aos macronutrientes como aos micronutrientes, e ás veces non se fai”, apuntaba o viticultor e enxeñeiro agrónomo Julián Palacios, durante unhas xornadas sobre prácticas sostibles celebradas recentemente en Ribadavia (Ourense) e organizadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

Así, é preciso ter controlados os nutrientes esenciais para un normal crecemento e desenvolvemento do viñedo. Por unha banda, os macronutrientes (Nitróxeno, Fósforo, Potasio, Magnesio, Calcio e Xofre) ou os micronutrientes (Ferro, Manganeso, Cobre, Zinc, Molibdeno, Boro).

Á hora de avaliar a presenza destes nutrientes nos solos hai factores que afectan directamente á dispoñibilidade. A cantidade de materia orgánica presente nos solos, os nutrientes aportados, a capacidade de retención dos mesmos, a cantidade de chuvia, o lavado, a lixiviación e a infiltración son determinantes para contar con estes nutrientes. “Necesítase saber en que medida están acumulados no solo estes nutrientes, como se moven polo solo e se están dispoñibles ou non para a planta”, explica Palacios, promotor da empresa de asesoría agrónoma Viticultura Viva.

A presenza de nutrientes no solo, a dispoñibilidade de auga e a distribución do sistema radicular da planta son condicionantes a ter en conta para cubrir as necesidades nutricionais do viñedo

Aínda estando presente os nutrientes necesarios nos solos, tamén hai que ter en conta que dita capacidade de absorción está ligada á auga. “A planta é capaz de absorber nutrientes en función da dispoñibilidade de auga”, apunta.

Outro dos condicionantes á hora de aplicar fertilizante ás viñas é o sistema radicular da propia planta, de maneira que se as súas raíces se atopan a maior profundidade ou na superficie será preciso escoller diferentes métodos para a fertilización. “A todos nos gustaría ter plantas coas raíces moi profundas, xa que iso permite que teñan unha maior resistencia á seca no verán, pero non sempre é así, por iso é importante telo presente”, indica.

Diagnóstico previo á fertilización

Á hora de fertilizar o viñedo, a enxeñeira agrónoma Bárbara Sebastián, integrante tamén do equipo técnico de Viticultura Viva, recolle varios métodos a ter en conta para realizar un diagnóstico previo do estado do viñedo e despois proporcionar unha fertilización adecuada e axustada ás súas necesidades.

-Diagnóstico visual. É importante prestar atención a distintos aspectos do viñedo que poden ser indicativos das carencias de nutrientes ou excesos que presentan os solos e a planta.

• desenvolvemento vexetativo
• vigor
• produción
• número de acios por pámpano
• tamaño dos acios
• nivel de callado
• síntomas de carencias ou toxicidad

-Análise de solo. As analíticas resultan ferramentas básicas para mellorar a fertilización ao proporcionar información sobre a presenza de nutrientes. As variacións que pode haber de solo en base á profundidade ou nunha mesma parcela son claves á hora de toma de decisións non só de fertilización senón tamén para escoller o portainxerto a empregar.

Coñecer parámetros como a pH do solo é determinante para a dispoñibilidade de nutrientes no solo. Así, unha maior acidez reduce a presenza de Nitróxeno, Fósforo, Potasio, Xofre, Calcio e Magnesio. “É fundamental non subir o pH do solo moi de golpe, ha de facerse de forma gradual”, recomenda Sebastián.

-Análise foliar. Mostran o que realmente toma a planta. Proporcionan valores de referencia en momentos concretos e claves para o desenvolvemento da viña, como o callado ou envero. “É recomendable realizalo sempre sobre as mesmas plantas, sen mesturar diferentes sitios para poder ter un histórico e ver a evolución”, explica a enxeñeira agrónoma Bárbara Sebastián.

Respostas de fertilización a síntomas do viñedo

Tal e como recollía na súa presentación Sebastián, a fertilización do viñedo permite solucionar problemas de baixo rendemento e cualitativos. Ao mesmo tempo, proporcionar unha adecuada fertilización tamén axuda a asegurar unha nutrición correcta e equilibrada da planta. A achega de nutrientes contribúe a compensar as perdas do viñedo derivadas das extraccións, como a recollida de uva ou a poda. “De media, un viñedo extrae ao ano 30 unidades fertilizantes de Nitróxeno, 15 de Fósforo e 45 de Potasio”, sinalan desde Viticultura Viva.

En función do grosor dos brotes anuais, Sebastián propón diferentes estratexias de manexo do solo e fertilización nun modelo de viticultura sostible atendendo a algúns indicadores que se poden atopar no propio viñedo:

-Se no momento de poda, predominan os sarmentos moi finos será necesario proporcionar unha achega de materia orgánica ao viñedo. Tamén debe controlarse o pH dos solos e a relación de Calcio e Magnesio. Sería recomendable labrala terra para reducir a competencia na cuberta e mineralizar a materia orgánica. “Hai que ter en conta que na Cornixa Cantábrica predominan os sarmentos máis finos que no Mediterráneo ou a zona centro de España, debido ás condicións climáticas”, apunta Palacios.

-O desenvolvemento de sarmentos longos e dun grosor na súa base superior a 1,2 centímetros indica que o viñedo ten un gran vigor polo que non será necesario achegar materia orgánica. Na fertilización deberán incluírse nutrientes específicos se se detecta carencia deles nas analíticas. Tamén é recomendable realizar un control do pH e supervisar a relación do Calcio e o Magnesio. “Pode resultar interesante dispoñer dunha cuberta vexetal para fomentar a competencia, é dicir non labrar a terra para favorecer a humificación”, detalla Sebastián na súa presentación.

-Se aparecen síntomas de carencias en follas e o comportamento do viñedo non é correcto, os expertos recomendan realizar unha análise foliar para concretar de que nutriente se trada, ademais de controlar o pH do solo, así como o nivel de materia orgánica e os niveis de Calcio e Magnesio.

-Tamén pode darse que o viñedo quede sen acios e o pH do solo sexa axeitado, neste caso haberá que prestar atención aos niveis de macronutrientes en folla, como o Nitróxeno, o Fósforo e o Potasio. En concreto, o Potasio pode ser determinante para isto.

-Detectar problemas no callado é un indicativo de que os niveis de micronutrientes en folla non son os adecuados. Neste caso haberá que prestar atención ao Zinc, Molibdeno e Boro. “Na Garnacha, que é moi sensible a problemas de corremento, polo que facemos sempre aplicacións dúas semanas antes de floración de micronutrientes, para fomentar que haxa un bo nivel deles e que calle o mellor posible”, detalla Palacios.

Una idea sobre “Claves para unha correcta fertilización do viñedo

  1. Manuel González abril

    Es un placer poder disfrutar del cran conocimiento de gente especializada en las materias a ofrecer

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información