Claves para unha boa revisión das colmeas a comezo da tempada

O ano apícola debe empezar cunha revisión exhaustiva das nosas colonias de abellas para coñecer o seu estado sanitario e poboacional e definir unha estratexia tanto individual como de conxunto. Coñecemos grazas aos cursos de iniciación realizados no CFEA de Monforte os aspectos fundamentais que debe incluír esta primeira revisión da man dos consellos do apicultor e formador César Crespo

Para proceder á revisión das colmeas debe agardarse a que a temperatura a mediodía alcance os 15ºC

Para proceder á revisión das colmeas debe agardarse a que a temperatura a mediodía alcance os 15ºC

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos organiza desde fai dous anos cursos de iniciación á apicultura que serven de toma de contacto co sector a aquelas persoas que buscan adicarse, ben profesionalmente, ben de xeito afeccionado, á produción de mel ou enxamios.

Na xornada celebrada a comezos de abril, correspondente á parte práctica dos cursos celebrados o pasado outono, tratouse de transmitir a importancia de, por unha banda, a necesidade de realizar unha revisión exhaustiva das colmeas a inicios da tempada apícola e, por outra parte, de aplicar un método de división de colmeas sinxelo e que estea ao alcance de todos os públicos.

Escoller o momento

En canto á revisión das colmeas a inicio de tempada, cabe resaltar que o momento da súa realización pode variar considerablemente dunhas zonas a outras de Galicia, podendo haber ata case dous meses de diferenza entre a zona do Val Miñor (unha das máis temperás da comunidade) e as zonas situadas a máis de 1.000 metros das montañas orientais das provincias de Lugo e Ourense.

O momento da realización da primeira revisión pode variar considerablemente dunhas zonas a outras de Galicia en función da altitude e a climatoloxía do lugar

Por establecer unha data de referencia, para o CFEA de Monforte de Lemos (340m de altitude) e, segundo as temperaturas históricas rexistradas en Meteogalicia, esta primeira revisión pode levarse a cabo entre finais de xaneiro e principios de febreiro. Por exemplo, neste ano 2021, a primeira revisión puido levarse a cabo o 28 de xaneiro, día no que se acadou unha máxima de 18,5ºC no mediodía, temperatura máis que suficiente para poder abrir as colmeas e verificar xa os comezos da actividade propia dun enxame san e vigoroso.

Analizar de fóra cara a dentro

Unha vez escollido o momento idóneo para a realización da primeira revisión, os aspectos máis relevantes a ter en conta a hora de revisar unha colmea a inicios de ano son, por orde:

1) Aspecto xeral exterior da colmea

Desde un punto de vista material observarase ausencia de defectos na colmea, tales como fondo en mal estado ou aburatado, pintura perdida, colmea non estable por térense movido os seus apoios, CEA da explotación borrado ou ilexible, manchas na fachada da colmea que poden ser indicativas de enfermidades, etc…

2) Actividade da piquera

Deberase apreciar, nun día solleiro, a entrada de abellas con pole, o cal será un bo indicativo, pois estaranos dicindo que a colmea espertou e comezou xa a traballar tralo parón invernal, que hai floración e que, moi posiblemente, teñamos cría no interior. 

Á hora de facer a revisión, deixaranse para o final aquelas colmeas que presenten nula ou pouca actividade na piquera por ser sospeitosas de estar mortas ou enfermas

Por medio da observación poderanse apreciar as diferenzas de actividade entre unhas colmeas e outras dentro dunha mesma alvariza. Deixaranse para o final aquelas que presenten nula ou pouca actividade na piquera por ser sospeitosas de estar mortas ou enfermas. Da observación da piquera obteremos tamén outra información relevante, como por exemplo signos de enfermidade: moitas abellas mortas diante da piquera ou manchas de diarrea.

3) Niveis de varroa

Recoméndase situar nun 10% das colmeas do apiario fondos sanitarios para poder facer un conteo de varroas caídas por morte natural. Faremos un mostreo durante varios días (entre 3 e 7) e dividiremos o número de varroas aparecidas entre os días transcorridos para obter unha media de varroas caídas por día, o que nos dará un nivel indicativo de infectación. 

Os niveis de varroa tamén se poden coñecer a través doutros métodos e, para máis información, recoméndase ler a Guía técnica para a loita e control da varroosis e uso responsable de medicamentos veterinarios contra a varroa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Fondo para conteo de varroas por caída natural

Fondo para conteo de varroas por caída natural

Cando é necesario volver tratar?

Non visualizar a varroa sobre as abellas ou non ver abellas coas ás roídas non é un método fiable para valorar os niveis de varroa. Como dato xenérico, cabe resaltar que o 75% das varroas encóntrase na cría operculada durante a época de crecemento da colonia, onde a cantidade de cría abunda e chega a ocupar, no momento de preenxamía, gran parte dos panais. Isto quere dicir que, só o 25% das varroas están sobre as abellas (fase forética) e, por tanto, visible para o apicultor. 

Non visualizar a varroa sobre as abellas ou non ver abellas coas ás roídas non é un método fiable para valorar os niveis de varroa

A medida que a tempada avanza e a cantidade de cría descende e incluso se chega a bloquear a posta pola forte entrada de néctar e pole (por exemplo durante a floración do castiñeiro), as proporcións invírtense, pasando a estar un 75% de varroas sobre as abellas e tan só un 25% na cría. Por esta razón é primordial partir de niveis de varroa baixos, pois se esperamos a velas sobre as abellas xa será demasiado tarde.

Detalle dunha varroa sobre unha abella obreira

Detalle dunha varroa (á esquerda) sobre unha abella obreira

Arrincar con niveis de varroa moi baixos a comezos da tempada é, pois, un aspecto fundamental e primordial para evitar un colapso das colmeas durante o bloqueo da posta na época estival. Polo tanto, se nesta primeira revisión da tempada comprobamos que temos niveis altos de varroa (máis de 7 varroas/día) deberemos tratar, posto que é posible que o tratamento aplicado no outono non fose efectivo.

A partir de conteos de máis de 7 varroas/día deberemos aplicar un tratamento, non só nesa colmea senón en todas as que teñamos no apiario

Dividir serve tamén como método de control natural da varroa, ao estarlle cortando o seu ciclo natural. En caso de que teñamos pensado dividir a colmea e sexa necesario, dado o seu nivel de infectación, aplicar tratamento contra a varroa, é recomendable tratar despois de dividir, no momento no que non hai cría, pois así resultará moito máis eficaz. 

Poboación e nivel de cría

Unha vez verificados os tres puntos anteriores procederemos a abrir as colmeas para examinar o seu interior minuciosamente pola orde seguinte:

1) Número de cadros ocupados

Forza da colonia por conteo de cadros ocupados por abellas

Forza da colonia por conteo de cadros ocupados por abellas

Do primeiro vistazo valoraremos a forza da colonia examinada contando o número de cadros ocupados polas abellas e a presenza de mel na parte superior dos panais ocupados por abellas. En caso de ausencia de mel nesta parte superior verificaranse as reservas de mel no resto de cadros.

É moi importante coñecer o noso entorno pois a alimentación en zonas con moita Erica favorece considerablemente a tendencia a enxamear

Alimentarase só se se ve a necesidade e única e exclusivamente baixo criterios xustificados, como por exemplo: intención de dividir/nuclear a colmea proximamente, estimular a posta para chegar a tempo dunha floración en particular, previsión de frío e/ou choiva que poña en perigo a supervivencia da colonia… Aviso: é moi importante coñecer o noso entorno pois a alimentación en zonas con moita Erica favorece considerablemente a tendencia a enxamear.

2) Coidado coa raíña

Retirada de orillero con movimentos suaves para evitar a morte de abellas

Retirada de orillero con movimentos suaves para evitar a morte de abellas

Comenzaranse a retirar os cadros iniciando a operación por un dos orilleros minimizando así os riscos de esmagar coas nosas manipulacións a raíña e outras abellas. Unha vez retirado o primeiro cadro xa teremos espazo suficiente para traballar comodamente.

Nos cadros orilleros, en xeral encontrarémonos reservas de mel. Na primeira revisión é probable que non haxa demasiado pole, pero a medida que avanza a tempada é un gran indicativo que aparezan xa nos cadros orilleros moitas cores diferentes de pole almacenado. Isto é resultado de que a zona goza dunha flora melífera diversa.

Abella almacenando pole

Abella almacenando pole

Pole almacenado procedente de diferentes variedades vexetais

Pole almacenado procedente de diferentes variedades vexetais

3) Estado da cría

Verificarase o estado da cría, en primeiro lugar, desde un punto de vista sanitario, comprobando ausencia de enfermidades contaxiosas como loque americana. Para iso empregamos a proba do palillo: pínchase unha celdiña sospeitosa por estar o seu opérculo roído ou fundido, e o palillo deberá saír seco; en caso de loque americana ao saír arrastrará unha substancia viscosa e marrón consigo ao proceder a retiralo da celdiña.

Con esta sinxela comprobación saberemos se a nosa cría está sa ou se, polo contrario, a colmea ten os días contados, con risco engadido de contaxio de loque americana ao resto de colonias do noso apiario. 

Proba do palillo para Loque americana. Detalle do palillo despois da pinchado da celdiña

Proba do palillo para Loque americana. Detalle do palillo despois de ter pinchado a celdiña

En segundo lugar, comprobarase a cantidade e distribución da cría. Tamén se verificará a presenza de ovos, o cal será confirmatorio da presenza de raíña. Recoméndase contar os cadros de cría de cada colonia para poder establecer grupos dentro do noso apiario.

Por regra xeral, aquelas colmeas que máis cantidade de cría teñan nesta primeira revisión, máis papeletas terán para chegar antes ao momento clave de preenxamía, momento no que deberemos decidir o futuro da colonia.

Cadro central da colonia revisada: cría aberta, pechada e reservas na parte superior

Cadro central da colonia revisada: cría aberta, pechada e reservas na parte superior

Cría pechada compacta rodeada de cría a piques de ser operculada

Cría pechada compacta rodeada de cría a piques de ser operculada

Detalle de ovos nun cadro recén estirado. Larvas na parte superior dereita

Detalle de ovos nun cadro recén estirado. Larvas na parte superior dereita

Anotar para tomar decisións

Un aspecto importante tanto no momento de facer as distintas revisións ás nosas colmeas como á hora de realizar outros traballos no noso colmear (divisións, tratamentos, etc) é tomar notas. Documentar o manexo que realizamos, facendo apuntamentos de distintos aspectos (datas, estado poboacional e sanitario, floración e condicións climatolóxicas do ano ou outras observacións) serviranos para analizar o sucedido e, en base á experiencia acumulada, tomar mellores decisións de cara ao futuro.  

É convinte marcar aquelas colmeas que están máis avanzadas co obxecto de colocar nelas antes a alza ou proceder á súa división para evitar que enxamee

En caso de ser principiante, recoméndase realizar un seguimento das colonias cada dúas semanas co fin de ver a súa evolución e coller práctica na apertura e manipulado dos panais, búsqueda da raíña, ter referencias de datas, etc.

Anotarase o visualizado cun sistema de abreviaturas deseñado por cada quen para axilizar este paso e que permita comparar todas as colmeas revisadas co fin de tomar as decisión oportunas que, loxicamente, dependerán das estratexias de cada un en función dos seus obxectivos.

(*) CÉSAR CRESPO VÁZQUEZ é enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro de organización industrial. Traballa como docente no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e mantén unha explotación apícola en Montederramo.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información