Un uso racional dos antiparasitarios na explotación, do mesmo xeito que ocorre con outros medicamentos, pode retardar o desenvolvemento de resistencia dos parásitos aos medicamentos. “Os parásitos están a evolucionar constantemente e non podemos evitar o desenvolvemento desta resistencia aos fármacos e tampouco eliminala naqueles que xa a desenvolveron”, explica o veterinario Alfonso Martínez, do servizo técnico de rumiantes de Boehringer Ingelhein, nos Encontros Gandeiros que XUNDEVA ADSG ven de celebrar en Lalín. De aí a importancia de fomentar un uso apropiado dos antiparásitos “para que teñamos tempo de atopar novos tratamentos eficaces e seguros”, puntualiza o veterinario.
“O uso racional de antiparasitarios é o que os bos gandeiros asesorados por bos veterinarios levan facendo toda a vida”
“Os parásitos traballan duro, ben, sen descanso, con éxito e co único obxectivo de reproducirse”, sintetiza Martínez que recorreu ao caso da fasciola hepática, para exemplificalo, xa que ten unha produción diaria de 25.000 ovos e provoca, a Fascioliasis, coñecida popularmente como verme da lenzoá do fígado, unha das enfermidades parasitarias con maior incidencia en rumiantes.
O experto incide na importancia de afrontar o tratamento dos parásitos desde unha perspectiva profesional e fomentar unha correcta aplicación dos tratamentos. Martínez insiste en que é a vía para lograr que sexan efectivos e atallen os problemas que poden ocasionar os parásitos na explotación e que, nos casos máis graves, chegan á morte do animal.
“O uso racional dos antiparasitarios é o que os bos gandeiros asesorados por bos veterinarios levan facendo toda a vida”, afirma Martínez. Así, o veterinario deixa claro desde un principio que a clave para un uso correcto dos medicamentos, e máis en concreto dos antiparasitarios, está nunha estreita colaboración entre os veterinarios e os gandeiros. Pero, máis aló deste traballo conxunto, existen factores determinantes a ter en conta para prolongar a efectividade dos fármacos.
Métodos de diagnóstico
Diagnosticar a presenza de parásitos na explotación é fundamental e para iso un dos métodos de diagnóstico máis habitual é, dependendo dos parásitos, a análise dos excrementos. De novo, para Martínez é imprescindible unha colaboración estreita co veterinario para realmente detectar a súa presenza, xa que entran en xogo outros elementos que poden enmascaralos.
En determinadas fases, os parásitos poden pasar desapercibidos ante os métodos de diagnóstico tradicionais
É moi importante ser consciente dos ciclos de vida dos parásitos, xa que dependendo da fase na que se atope unha análise dos excrementos pode non rebelar a súa presenza aínda que realmente estean parasitando ao animal. É o caso por exemplo da ostertagia, un verme estomacal que desenvolve unha fase do seu ciclo de vida dentro das glándulas da parede estomacal do rumiante, onde a súa presenza pasa desapercibida nas feces pero é preciso tratar a tempo xa que o momento da súa eclosión pode resultar xa demasiado tarde para o animal parasitado.
O momento de desparasitar
Realizar un uso racional dos antiparasitarios implica non só evitar utilizalos de forma abusiva senón que se empregar cando realmente son necesarios e resultan eficaces. Por iso, o experto tamén incide en que é imprescindible atender non só a seguir unha rutina de desparasitado dos animais senón facelo no momento preciso. Coñecer o ciclo do parásito é tamén imprescindible para poder atallalo.
Non só é preciso ter unha rutina de desparasitación senón facela no momento adecuado
Como exemplo toma a Hipodermosis, producida pola coñecida como mosca dos cerros, que pon os seus ovos na pel do animal e estes acceden ao interior onde permanecerán nunha migración polo seu organismo que dura varios meses. Neste caso o tratamento de desparasitado debe facerse antes de que as larvas estean no seu interior, xa que nese momento pode carrexar graves lesións.
O produto axeitado
Outra das claves a ter en conta na desparasitación é a elección dun produto adecuado. “É moi importante que o produto que utilicemos teña a duración suficiente para non facer tratamentos de forma constante”, recomenda o veterinario. Así, por exemplo, no caso da sarna, un ácaro moi común no gando, é preciso que o efecto do produto se prolongue o suficiente non só para eliminar os ácaros senón tamén os seus ovos.
Martínez lembra que á hora da elección dos produtos, a intervención do veterinario é imprescindible xa que debe ser quen o recete.
Na elección de produto máis adecuado tamén se valora que o fármaco estea rexistrado para a especie á que se lle vai a aplicar, xa que o tratamento para o mesmo ácaro pode variar en función do animal no que se localice.
Un dos factores que tamén condiciona a elección do produto é que deixe residuos no animal así como na súa carne ou o seu leite, sobre todo cando se trata de animais destinados á produción alimentaria. “Os gandeiros teñen que ser moi conscientes de que se dedican a producir alimentos para as persoas e hai poucas cousas máis importantes que iso polo que deben ser moi coidadosos e responsables”, matiza.
Ademais, Martinez insiste na importancia de que estes tratamentos contra os parásitos sexan aplicados por un especialista xa que se poderá optar por tratamentos de amplo espectro que poidan atallar ou previr a aparición de varios parásitos.
En definitiva, o veterinario recalca que cada vez máis “debemos facer os mesmo que os parásitos: traballar moi ben”, sentenza.