Claves para un uso axeitado das amamantadoras en becerras

Desde a ubicación que se lles dea na granxa ata a composición do leite que acheguen ou a organización dos grupos, todo o que rodea o uso de aleitadoras ten que ser moi meditado antes de acometer a súa instalación. Carlos Carbonell, técnico de MSD, explica, desde o seu punto de vista, os aspectos máis importantes para o uso desta tecnoloxía que aforra moito tempo nas gandarías.

Becerra en la amamantadora automática

Becerra en la amamantadora automática

Nun acto organizado pola cooperativa Xallas de Santa Comba, Carlos Carbonell, técnico de MSD, falou das posibilidades, vantaxes e inconvenientes que supón o uso das aleitadoras para a cría de becerras de vacún de leite. Do seu bo manexo dependerá o futuro do rabaño, polo que hai que coñecer todos os condicionantes que supón empregalas.

O primeiro que hai que considerar é que as becerras nas aleitadoras se crían en grupo. É certo que esa convivencia incrementa o risco de contaxios de enfermidades e a competencia polo leite e polo penso de arranque. Aínda así, moitos dos beneficios que ofrecen poden compensar eses posibles problemas.

Por outra banda, a aleitadora palia o problema de falta de man de obra. Porque, despois do do muxido, darlle de mamar aos becerros é un dos traballos que máis tempo require en calquera explotación. Segundo Carbonell, igual que pasa cos robots de muxido, non é que coa aleitadora non haxa que traballar, senón que o sistema de traballo é diferente.

A aleitadora non significa que non haxa que traballar. Hai que traballar, pero doutro xeito e en menos tempo. (Carlos Carbonell, MSD)

A día de hoxe, hai tres casas comerciais principais que ofrecen aleitadoras. A labor do gandeiro é seleccionar cal delas ofrece máis vantaxes na súa situación ou manexo. Tendo en conta sempre os recursos dos que dispón e nunca pensando na granxa que temos senón na que imos ter. Dito isto, hai que facerse varias preguntas:

Cantos animais vou introducir na máquina?

Hai que facer unha estimación do número de partos que van dar as adultas e as xovencas. Iso hai que consultalo co técnico. Tomando como referencia unha explotación concreta da provincia da Coruña, Carbonell puxo o exemplo dunha granxa na que se estimaban uns dous partos por semana. Xa que é fundamental planificar calculando cantos animais van pasar pola aleitadora ao longo do ano.

Idade de entrada e de saída dos animais

Pódense meter xa no primeiro día, pero iso implica incrementar o risco de diarrea, se o manexo en caseta individual é axeitado. Canto máis nova é a becerra, increméntase un pouco o risco. En explotacións analizadas por Carbonell, adoitan agardar entre 7 e 10 días. Cantos máis días teñan de vida, máis espelidas estarán e máis rápido aprenderán a desenvolverse e competir na aleitadora. Á parte, ás becerras hai que ensinarlles a acudir á aleitadora e nalgún caso poden tardar ata dous días en aprender a ir soas.

A agrupación de animais por lotes é clave para o bo funcionamiento das aleitadoras

A agrupación de animais por lotes é clave para o bo funcionamiento das aleitadoras

Cantos grupos de animais xuntar?

Neste caso, hai dous modelos diferenciados: Grupo dinámico. Dous ou máis espazos cunha ou dúas teteiras en cada un. Os animais vanse cambiando de espazo segundo a idade. Isto é, os máis novos van ocupando o espazo que deixan libre os máis vellos. As vantaxes son que os animais xa se adaptan á competitividade que van ter na súa vida adulta. O inconveniente é que hai moito estrés porque as xerarquías están en constante cambio. Os animais non se relaxan nunca.

Grupo estático. Un espazo con catro ou tres lotes cunha teteira por lote. Os animais van por lotes e cambian de espazo todos xuntos cada certo período de tempo. No exemplo explicado por Carbonell, era de tres semanas. No caso dunha media de 24 becerras, son catro lotes de seis exemplares cada un. Mentres que en estático serían dous de doce. Un dos beneficios do sistema estático é que se hai unha pneumonía ou outra enfermidade contaxiosa só se limita ao grupo de seis.

Carbonell puxo como exemplo o caso dunha granxa de Frades con catro espazos, onde nun deles había unha afectación total de pneumonía e nos outros ningún caso. Así, hai que intervir ese espazo e seguir usando os outros. Outra vantaxe dos grupos estáticos é que as becerras son de idade moi similar polo que compiten en igualdade. E é que as máis novas sempre levan as de perder.

Cal é o espazo dispoñible?

Sobre todo de camas, porque nas tres primeiras semanas de vida pasan moito tempo tombadas. O ideal son 3,5 metros cadrados por animal, que logo pode subir ou baixar en función dos animais que haxa. O amoreamento supón estrés moi importante que penaliza moito aos animais.

Por outra banda, hai que esforzarse en facer un bo encamado, especialmente no inverno. Que estean secas e limpas e que teñan espazo efectivo, é dicir, para medir o espazo de camas hai que descontar a zona onde está a máquina, os lugares de paso e as zonas lindeiras con comedeiros e bebedeiros. O espazo hai que poñelo en relación co tempo. Se temos pouco espazo, deberemos reducir as semanas de lactación.

Cando falten entre 20 e 25 días para o destete, pódese reducir bastante a cantidade de leite dispoñible diariamente.

Ademais desas preguntas e formulacións previas á incorporación das aleitadoras, Carbonell falou tamén da alimentación que se lles introduce. Xa sexa leite en po, xa sexa líquida, hai que facer unha calibración para que a concentración de nutrientes sexa a axeitada e os animais non pasen fame. Tamén hai que ser moi precisos para manter unha presión estable da auga.

Se se usan lactoreemprazantes, hai que fixarse en que conteñan a suficiente proteína. E, no inverno, hai que evitar as caídas de temperatura na teteira. O percorrido do leite ata a teteira debe ser o máis curto posible para que non haxa perdas de temperatura. O leite frío non provoca un peche completo da pingueira esofáxica, vai ao rume, que non é onde ten que ir. Para manter a temperatura pódense usar fundas ou resistencias.

A ubicación da aleitadora na explotación debe ser moi analizada antes de acometela

A ubicación da aleitadora na explotación debe ser moi analizada antes de acometela

Outro punto importante a axustar é limitación por visita de modo que non consuman máis do debido en cada toma. Porque, así, evitamos diarreas nos primeiros días ou falta de saciedade. De aí que tampouco se poidan poñer límites moi baixos -dun litro ou litro e medio por toma- porque iso provoca atascos na aleitadora e estrés nos animais. O ideal é que queden saciadas e se vaian tombar.

A técnica hoxe non permite controlar o consumo de penso. E pode pasar que destetemos becerras que aínda non están preparadas. Para evitar iso, o especialista propón prolongar as lactacións e, cando se achegue o destete, reducir o aporte de leite á becerra. Outra opción é aplicar o método do step down, que consiste en reducir de forma brusca o leite que consome a vaca. Por exemplo, se está en 12 litros, baixalo a 8. A baixada débese comezar cando falten entre 25 e 20 días para o destete.

O que se busca é que a becerra coma cada vez máis concentrados e menos leite. Así será un proceso menos traumático e evitaranse problemas de acidose por de falta de consumo de concentrado e madurez ruminal.

Ademais de esforzarse en que consuma pensos de arranque -porque ten que habituarse e prepararse para competir con outras vacas- é fundamental o acceso á auga. O consumo de auga e de penso e as temperaturas están vinculados. Canto máis calor, máis consumo de auga.

As diarreas na aleitadora teñen dúas causas principais: introducir os animais demasiado pronto e deficiencias no sistema de limpeza. As pneumonías poden volverse crónicas e iso é algo que hai que evitar. Cando se detecten síntomas -que adoitan ser xovencas tombadas e apáticas- hai que tratar a enfermidade o antes posible. Se a pneumonía non se atalla, esténdese e dificulta enormemente o destete.

As diarreas e as pneumonías están relacionadas entre si e hai que estar moi vixiantes por se aparecen nas aleitadoras.

Por outra banda, as becerras que collan diarrea van ter máis posibilidades de coller tamén pneumonía. Un estudo realizado en becerros demostrou que os animais que padecen diarrea durante 9 días teñen un 25% máis de posibilidades de contraer pneumonía. Porque a diarrea desnutre ao animal e o deshidrata e deixa secas as mucosas defensivas do sistema respiratorio.

O encalostrado ten unha relación directa coa pneumonía. Moito máis que a diarrea. Cando se realiza en grupo e mediante aleitadora hai que facelo perfecto. De non ser así, a saúde futura de todo o rabaño estará en risco. Nese período hai que vixiar diariamente os animais e alertar ante calquera síntoma. Carbonell recomenda empregar vacinas intranasais nos dous primeiros días de vida para que os animais accedan á aleitadora co sistema inmune o máis desenvolvido posible.

A tecnoloxía das aleitadoras está en constante evolución

A tecnoloxía das aleitadoras está en constante evolución

Outro problema é que as vacas, como calquera rumiante, teñen tendencia a ocultar os síntomas das enfermidades ata que xa son un feito. Por iso, hai que ver a frecuencia e velocidade coa que maman, xa que se se reducen eses parámetros estaremos ante casos de pneumonía.

Para a redución da incidencia de enfermidades, hai unha serie de medidas de fácil aplicación. Unha delas está na frecuencia de cambio das camas: canto máis a cambiemos, menor será o risco. Outra é o lavado da aleitadora, que se debe realizar como mínimo tres veces ao día. E tamén é necesario que a concentración de sólidos no leite sexa elevada.

Ventilar, cambiar as camas, lavar tres veces ao día e observar os animais son pasos imprescindibles para un bo funcionamento da aleitadora.

A tecnoloxía non deixa de avanzar. Xa hai no mercado crotais que analizan o comportamento de rumia, de mamado e de tempos de consumo. Devanditos dispositivos son de moita utilidade para enviar alertas de saúde ao gandeiro, evitando non diagnosticar a tempo os problemas que, no caso das aleitadoras, ao criarse en grupo é especialmente importante.

Outro aspecto moi a ter en conta é a ventilación. Aínda que é certo que as correntes de aire non son boas para as becerras, tamén o é que a falta de ventilación é moi negativa para calquera animal. Un estudo realizado nunha granxa da Coruña mediante ecografías mostrou que os peores resultados sanitarios se daban no grupo de becerras que estaba situada no interior da nave e sen ventilación suficiente.

Precisamente a ubicación das aleitadoras é algo que hai que pensar ben. Por exemplo, hai que evitar que estean en sitios onde hai recunchos, que sempre dificultan o manexo. E tamén é preciso facer unha análise da circulación do aire no interior e dos ventos que afectan a cada zona da granxa. Non se deben abrir fiestras ou buratos que van facer que o aire entre directamente e con forza.

Carbonell terminou asegurando que a cría en grupo é o futuro e que a tecnoloxía irá mellorando e moita dela poderase aplicar xunto coas aleitadoras. Esa tecnoloxía require dun esforzo para familiarizarse con ela pero acaba merecendo a pena. Porque o obxectivo da cría mediante aleitadora é o de crear becerras invisibles, é dicir, aquelas que o gandeiro non sabe delas porque nunca dan problemas sanitarios.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información