Claves para superar en Galicia a crise dos viños tintos

Técnicos de catro D.O. apostan en Sober por producir máis calidade, a máis prezo e para novos mercados como saída á crise da mencía

Publicidade

Xornada_Sober_Viticultura_Tinto_2

Poñer en valor a caste de uva mencía pola súa capacidade para producir viños de alta calidade e como un activo paisaxístico nas zonas onde se cultiva. E tamén propoñer solucións para a crise de consumo e outros problemas que afectan a produción vitivinícola de mencía nas Denominacións de Orixe Valdeorras, Monterrei, Bierzo e Ribeira Sacra. Con eses obxectivos, tivo lugar unha xornada formativa na Escola de Hostalería de Rosende (Sober) dirixida a alumnos da escola e profesionais do sector do viño.

Iván Vázquez, do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte lembrou que malia ter a súa orixe na zona francesa de Burdeos, a variedade de uva mencía é a tinta máis cultivada en Galicia e aquí é onde acada a súa mellor expresión. Son máis de 3.200 hectáreas espalladas polas catro provincias galegas, pero sobre todo nos concellos do sur de Lugo -onde están 1.600 desas hectáreas nas beiras dos ríos Miño, Sil, Bibei e Cabe- e na provincia de Ourense, con outras 1.400, lideradas polos municipios de O Barco, Oímbra e A Peroxa. Un exemplo da preeminencia da mencía témolo en que só na Ribeira Sacra se producen 4 millóns de quilos fronte a 70.000 de merenzao.

A produtividade da uva é das máis elevadas de Galicia e pode acadar os 13.000 litros por hectárea con facilidade, se ben esa non é a cifra desexable se se queren elaborar viños de calidade. Por outra banda, adáptase a moi diferentes condicións edafoclimáticas, aínda que se da mellor en zonas templadas e de influencia atlántica para poder manter baixos niveis de acidez. Solos de granito e xisto de pouca profundidade son os máis axeitados para cultivala. O que non se recomenda é plantala por riba dos 500 metros sobre o nivel do mar porque as baixas temperaturas frean o seu potencial, aínda que o cambio climático levou a que no Bierzo ou Valdeorras haxa viñas por riba de 1.000 metros.

Os técnicos recomendan aplicar 30.000-40.000 quilos/hectárea de materia orgánica ao realizar a plantación e non encalar con máis de 3.000 quilos/hectárea para evitar efectos de tamponamento. Outro aspecto técnico que hai que ter en conta é a existencia de diferentes clons dentro da uva mencía, é decir, non toda é igual. Por eso, o ideal é mesturar dentro da mesma plantación clons diferentes para ter viños máis ricos en matices. E tamén optar por unha carga elevada de videiras por hectárea para que non se desenvolvan e produzan de máis e baixe a calidade da uva.

“Dentro da propia caste mencía hai diferentes variedades. Traballar cunha combinación das mesmas é algo esencial”, Iván Vázquez CFEA de Monforte

Xornada_Sober_Viticultura_Tinto

Unha vez que temos a colleita, a mencía ofrece un amplo espectro de posibles elaboracións. Dende tintos xóvenes e de crianza ata rosados, espumosos e mesmo blancos, grazas á baixa coloración tanto da pulpa como da pel.

Pero, máis aló dos aspectos técnicos da uva, os expertos quixeron analizar os problemas estruturais que afectan a caste e os que se agudizaron dende a pandemia. Valdeorras. Monterrei, Bierzo e Ribeira Sacra contan con mencía nos seus territorios pero é sobre todo nas dúas últimas onde se concentra a produción. E os problemas. Caída do consumo, baixos prezos en orixe da uva, minifundismo, orografía con imposibilidade de mecanización, falta de man de obra e dificultade de atraer o consumidor de menos de 30 anos son as grandes trabas que se están a vivir.

Na D.O. Bierzo, máis do 70% -1.870 hectáreas- da uva que se recolle é mencía. Carmen Gómez, directora técnica, explicou que máis do 80% das viñas que hai na súa zona son vellas. É decir, de máis de 60 anos; e o 60% das vellas son centenarias. Un auténtico tesouro en canto a conservación de castes de mencía autóctonas. Aparte de que son videiras que xa se regulan a si mesmas en canto a vigor, polo que precisan de menos vixilancia e esforzo e sacan unha uva de moi alta calidade. Sen embargo, nos últimos anos os prezos en orixe caeron ata 0,45 euros por quilo, o que levou a moitos viticultores a abandonar a actividade e perdéronse numerosas viñas vellas de alto valor.

No Bierzo hai 1.030 viticultores pero 15.000 parcelas cun tamaño medio de 1.600 metros cadrados, un minifundismo que dispara os custos pola imposibilidade de mecanizar e máis nun contexto de falta de man de obra. Nesa parte de León están recoñecendo legalmente os viños de unidades xeográficas menores, os chamados “de vila e de paraxe” para que o consumidor teña máis información e poida optar por eses viños e pagar máis. O 45% das adegas xa fan estas elaboracións e na D.O. perciben un aumento sostido da demanda. Levan máis dun millón de contraetiquetas baixo ese recoñecemento nos últimos anos. “A cuestión é que o pequeno territorio crea imaxe. E esa imaxe leva a subir o prezo e o consumo. Por exemplo, non todo o mundo pode pagar os 150 euros que custa unha botella moi boa da zona de Corullón ou Fresnedo; pero si que pode optar pola botella de 15, que ten o prestixo da marca. O beneficio de calquera adega está en vender grandes volumes e esta fórmula está empezando a dar resultados”, dixo Gómez.

“O recoñecemento dos viños de Unidades Xeográficas Menores, de vila e paraxe, está a axudar a recuperar o consumo de tintos.”, Carmen Gómez, D.O. Bierzo

Xornada_Sober_Viticultura_Tinto_3

Aínda que hai un problema de consumo e de exceso de stock, o certo é que a caste mencía segue estando en perigo de extinción, como sinalou Jorge Mazaira, técnico da D.O. Valdeorras. “Hai corenta anos, en Valdeorras tiñamos tres cooperativas e o tinto era fundamental. O seu consumo era alimentario e non lúdico como agora. Hai 25 anos fixemos unha forte aposta polo mencía. Moita plantación nova con esa caste. Pero viamos que fóra de Galicia non se consideraban viños de calidade porque eran xóvenes e concebidos para un consumo abondoso coas comidas.”, aclarou. Nos últimos cinco anos fixeron unha modificación radical e pasaron dun 60% de tintos e un 40% de brancos a estar na actualidade nun 80% de brancos -godello sobre todo- e un 20% de tintos.

Mazaira non é optimista a curto e medio prazo. “O que vemos é que as tendencias de consumo van a brancos, rosados e espumosos. E os tintos perden mercado cada ano. As adegas e os grupos adegueiros non poden ser alleas a esa realidade e por eso cada vez hai máis arrincado de cepas mencía, aínda que sexan vellas e de alto valor. Se cadra unha solución é ir a viños de moi alta calidade que compensen co prezo a baixada das vendas. Ou que as botellas reflictan o valor natural e mesmo sentimental que teñen esas cepas. Tamén esquecemos ás veces que hai elaboracións como as crianzas e os espumosos que poden ser unha saída se se fai unha viticultura de precisión e excelencia.”

“Buscar novas elaboracións e apostar pola viticultura de excelencia é imprescindible para sair desta situación.”, Jorge Mazaira, D.O. Valdeorras

Outra solución proposta para frear a baixada do consumo de mencías sería mesturalo con outras castes e informar os consumidores desas mesturas. Así, Miguel López, da D.O. Monterrei, anunciou que na súa zona se vai empezar a traballar coa caste zamarrica e que se buscan novos aproveitamentos da araúxa (tempranillo). Os especialistas consideran que o concepto mencía xa acadou o seu tope no mercado e que esas castes poderían introducir novos atractivos e espertar o interese por un produto aparentemente novidoso. Algo que xa se está a facer no Bierzo coa caste estaladiña (tamén chamada pan e carne). López recoñeceu que na súa zona está habendo moito arrincado de cepas centenarias de mencía e inxertado con godello porque as adegas teñen que facer rendible a súa produción e o mercado vai nesa liña.

“Hai que poñer en valor nas botellas a mestura de mencía con outras variedades como a araúxa ou a zamarrica.”, Miguel López, D.O. Monterrei

Pensar en reducir os custos de produción mediante a mecanización do viñedo parece utópico a día de hoxe na Ribeira Sacra e no Bierzo. Porque os terreos en pendente e o escaso tamaño e a dispersión das parcelas fano imposible coa tecnoloxía actual, máis aló do uso dos tradicionais raís ou as mangueiras de sulfatado. E a esa falta de mecanización hai que engadirlle unha alarmante falta de man de obra. Xa non só especializada senón mesmo para tarefas máis sinxelas como a vendima. “Na Ribeira Sacra hai 1.300 hectáreas en produción. E poderían ser o dobre se non fose pola orografía. Agás na zona de Quiroga, as inclinacións dos bancais oscilan entre o 35% e o 80%. Unha treboada perfecta porque somos dos que máis man de obra precisamos e dos que menos temos. Eso inflúe no custo de produción. E, ademais, a media é de 550 metros cadrados por ribeira e rara vez nunha soa parcela.”, explicou Ruth Fernández, técnico da Ribeira Sacra. A única vantaxe desa situación sería aproveitar a diversidade de castes e condicións que supón o minifundio. Con todo, Fernández non cre que a mala situación actual deba levar a seguir a liña de Valdeorras e Monterrei e priorizar a produción de brancos por riba da de tintos. “Ribeira Sacra leva máis de trinta anos apostando por un modelo no que os tintos xóvenes son a seña de identidade. Unha imaxe que custou moito conseguir e que vai vencellada á paisaxe. O mercado do viño é cambiante e sería un erro pensar en desfacernos do que xa temos. Hai que mirar as cousas a longo prazo.”, dixo

“Non creo que a solución sexa abandonar un modelo de máis de trinta anos por unha situación concreta do mercado.”, Ruth Fernández, D.O. Ribeira Sacra

Alfonso Losada, enólogo e promotor do encontro apuntou a idea de organizar un concurso mundial de viños de predominio mencía para recuperar prestixio. Tamén recomendou apostar por vender a imaxe de terreo e non tanto a de caste ou utilizar os terreos máis elevados para ubicar as videiras tintas. E quixo rematar o acto lembrando que as vendas de viño tinto subiron nos últimos meses en España na contorna dun 4% polo que non se debe caer no pesimismo. O acto finalizou cunha cata comentada de viños mencías de diferentes elaboracións das catro D.O. participantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información