Claves para superar a crise que afecta aos viños da DO. Ribeira Sacra

Publicidade
Claves para superar a crise que afecta aos viños da DO. Ribeira Sacra

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra está a sufrir nesta campaña unha profunda crise de vendas e prezos motivada polo contexto xeral de reducción e depreciación das vendas de viños tintos. O feito de que o 82% das uvas desta DO sexan de variedades tintas, á inversa que no resto de DO´s vitivinícolas galegas, agrava esta situación, que se evidenciou en que nesta vendima o Consello Regulador certificou arredor dous millóns menos de quilos de uva en relación ao 2023.

Para analizar as causas e posibles solucións da crise pola que atravesa a DO. Ribeira Sacra, o pasado venres a Asociación de Veciños A Curuxeira, de Pantón (Lugo), organizou unha charla a cargo de Alfonso Losada Quiroga, experto en enoloxía e cunha longa traxectoria investigadora na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Estas son as 11 medidas que propón:

1. Restrición de novas plantacións:

• Prohibir que o Consello Regulador admita novas plantacións, salvo nos casos onde sexa necesario para manter a paisaxe. Esta medida aplicaríase durante un período de catro anos.

2. Promoción:

• Mellorar a promoción, priorizando o mercado galego e nacional como obxectivos principais.

3. Impulso ao enoturismo:

• Potenciar o enoturismo mediante rutas específicas que combinen o valor do viño coa riqueza da auga e o románico da Ribeira Sacra.

4. Calidade sobre cantidade:

• Reducir os rendementos por hectárea para fomentar a elaboración de viños de maior calidade e con maior valor engadido.

5. Zonificación e identidade:

• Establecer a zonificación para elaborar viños identificados por municipio, pobo ou parcela, destacando as características específicas de cada territorio.

6. Poboación e viñedo:

• Promover a continuidade da poboación e do cultivo da vide mediante subvencións e incentivos.

• Resaltar a importancia da Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio da Humanidade, garantindo a súa conservación.

7. Innovación nas elaboracións:

• Reinvención con novas elaboracións, como viños espumosos, rosados e viños sen alcol, para diversificar a oferta.

8. Incremento do viño branco:

• Aumentar a produción de viño branco ata un 20%, mediante sobreenxertos nas zonas adecuadas, sempre baseado en estudos técnicos realizados polos especialistas do Consello Regulador.

9. Control da produción:

• Control estrito da produción de cada parcela adscrita ao Consello Regulador, descalificando aquelas que non cumpran as condicións establecidas.

10. Comité de calificación e seguimento:

• Crear un comité de calificación para realizar a cata e seguimento do viño no mercado, garantindo a calidade e a súa consistencia.

11. Adaptación e mellora:

• Actualizar as estratexias e procesos para adaptarse aos cambios no mercado, aproveitando o potencial único da Ribeira Sacra como rexión vinícola de referencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información