Claves para a reposición de marras nas viñas

A través das investigacións do Centro de formación e experimentación agroforestal de Guísamo perfilamos algúns dos factores máis relevantes para unha correcta reposición de baixas en cultivos vitícolas

Publicidade
Claves para a reposición de marras nas viñas

Imáxe do curso organizado pola Agacal a finais de agosto

A finais do pasado mes de agosto, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizou un curso sobre reposición de marras en cultivo de viñas no que participaron 15 profesionais do sector. Grazas á información extraída desa xornada e dos traballos dos profesionais do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (CFEA) como Xosé Antonio Meixide, Campo Galego puido elaborar un resumo coas claves para a reposición de marras en cultivos vitícolas.

Para comezar, débese ter en conta que as plantas de vide poden ir morrendo paulatinamente ou de forma repentina por multitude de causas. O ideal nunha reposición é que, no momento que falla, inmediatamente ocupe ese espazo. Desta forma, dáselles menos tempo ás plantas da beira para ocupar o baleiro da planta errada e, na medida do posible, deberase substituír na propia época na que causa baixa se é que iso é posible. Se a cepa aparenta signos de enfermidade, pódese optar por arrincala para que poida ser substituída canto antes. Se non, as plantas lindeiras poden ocupar o seu espazo e dificultarlle logo o crecemento. Neste punto, poderíanse diferenciar dúas fases. Primeiro ten que desenvolver raíz na terra e logo ir ocupando o espazo fóra. As plantas que están á beira son, por defecto, dominantes no sistema radicular e fóra da terra pola súa capacidade para absorber a maior parte da luz.

Por tanto, hai que acondicionar o chan en función das causas da baixa para que favorezan o desenvolvemento da planta

Nese mesmo contexto adoita ocasionarse o que os profesionais do CFEA chaman “fatiga do chan”. Isto defínese como aquel fenómeno onde o chan ocupado pola planta pode estar desgastado ou ter algunha afección ligada. Se a planta antiga morreu por un accidente mecánico, o chan non tería por que verse afectado, pero se a baixa foi ocasionada por fungos, o máis probable é que aínda estean vinculados ao chan e poidan atacar á reposición. Por tanto, hai que acondicionar o chan en función das causas da baixa (desinfeccións, achegas nutricionais…) para que favorezan o desenvolvemento da planta e, como mínimo, debería airearse. Unha das afeccións máis comúns é a producida pola armilaria, fungos parásitos basidiomicetes que viven sobre as árbores ou arbustos leñosos.

A casuística en canto ás reposicións é moi variada e cada unha require o seu axeitado tratamento

“O segredo da reposición de marras non está en facer que peza, senón en facerlle un bo seguimento a partir do momento en que está prendido e seguir o ciclo biolóxico dese ano e o seguinte. Pola contra, o esforzo reposición non servirá de nada”, explican os profesionais do CFEA. No caso da reposición de marras débese pór especial atención en xestionar o desenvolvemento das plantas lindeiras para evitar un exceso de competencia pola luz e polo espazo de chan que lle corresponde na liña de plantación. Isto facilitará que o novo sistema radicular teña oportunidades para ocupar o volume de chan que lle corresponde.

No entanto, a casuística en canto ás reposicións é moi variada. Poden ser inmediatas, nas que prima o tempo en que se executen; producidas por máquinas ou animais, que non adoitan ter problemas biolóxicos; por enfermidade, por tensión hídrica… Hai moitos factores polos cales unha planta de vide pode morrer. Desde o CFEA explican que pode ser interesante gardarse repostos de plantas para poder facer unha reposición inmediata nada máis facer a plantación, xa que o habitual é que haxa unha pequena porcentaxe de baixas, producida principalmente por erros humanos. En calquera caso, os viticultores deben facer unha discriminación positiva cara ás novas. Deben asegurarse de que prenda e de que a luz lle chegue con facilidade.

Nas experiencias que foron desenvolvendo os profesionais do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, máis concretamente na práctica realizada no ano 2021, non foi necesario regar nin desherbar demasiado as novas cepas repostas porque non houbo seca grazas ás súas condicións climáticas de área atlántica. Aínda que desde Guísamo aclaran que o habitual é desherbar e dar os tratamentos fitosanitarios como ao resto das viñas. Ademais, en cada planta adoita colocarse un titor e un protector que indique que se debe ter coidado cando se traballe con máquinas ou tratamentos no medio da plantación. Aínda que en tan só un ano, as novas plantacións xa adoitan estar asentadas, débese seguir facendo un proceso do que os especialistas chaman discriminación positiva. Isto quere dicir que os viticultores deben dar prioridade e vantaxe ás novas cepas respecto das lindeiras máis antigas para que aquelas poidan coller a súa dominancia e ocupar o espazo que lles corresponde dentro da plantación.

Métodos de control de herbas competidoras

Métodos de control de herbas competidoras

A partir do segundo ano de vida

Durante o primeiro e segundo ano de vida das cepas repostas, as podas deberán executarse deixando vivas, normalmente, dúas xemas e así favorecer os rebrotes. O motivo é que collan unha boa dominancia sobre a cepa. Ademais, é fundamental que a planta teña un bo acceso á luz solar e que a poda favoreza a aireación para evitar a aparición de fungos que poidan estragar o cultivo. No caso de que esas novas cepas xa asentadas non consigan imporse sobre os seus lindeiros, deberase facer prácticas culturais correctas para favorecer a súa boa implantación.

Convén realizar laboreos en toda a plantación e, especialmente, na contorna das marras repostas

Nesa mesma liña, ao longo do segundo ano, as prácticas viticultoras dependerán do clima e este é un dos factores determinantes para que o desenvolvemento siga sendo adecuado. Con todo, do mesmo xeito que ao comezo, convén realizar laboreos en toda a plantación e, especialmente, na contorna das marras repostas. Desta forma conséguese romper os terrones e facilitar o desenvolvemento do novo sistema radicular das cepas. Doutra banda, tamén se fomenta unha oxigenación óptima do chan e elimínanse malas herbas que xeran competencia. É unha das formas que se viñeron usando tradicionalmente para evitar o uso de herbicidas, dado que a utilización non é recomendable en plantas novas.

Dentro das plantas que se colocan para repor, poden ser plantas enxertadas ou patróns sen enxertar para facer ese proceso a posteriori. Unha das prácticas que se utilizan é a de empregar patróns máis vigorosos que os da plantación orixinal para que as plantas poidan competir con máis garantías. Sobre todo, de resistencia á seca e á fatiga.

Na mesma liña de conseguir o asentamento das plantas introducidas, desde Guísamo presentan o tres fórmulas máis adecuadas. A primeira e máis tradicional sería a xa comentada do laboreo manual (preparación e colocación). A segunda sería a colocación de mallas antihierba que, en principio, son benignas para os cultivos e bastante efectivas, ou tamén xeles hidratantes e abonos de liberación lenta. Por último, sería o emprego de herbicidas secantes que non afecten o sistema radicular da plantación. É a opción máis agresiva co chan e os profesionais do CFEA de Guísamo engaden que non é nada recomendable e en ningún caso débese usar con plantas novas, que son moi sensibles tanto na parte aérea como, sobre todo, no seu sistema radicular.

Xestionar os cultivos cunha visión a longo prazo

Os expertos vitícolas coinciden en que a xestión dos cultivos debe facerse desde o punto de vista frutícola e hortícola e a longo prazo. Débese ter claro que os cultivos na viña son de carácter permanente. Cada vez máis, por incidencias diversas de carácter mediaombiental, mecanización, fitocidas, etc. a sustentabilidade dos cultivos permanentes é máis complexa.

Un dos problemas habituais a longo prazo son as enfermidades da madeira, derivados de malas prácticas agronómicas que favorecen a afección de virus, fungos e bacterias de diferentes procedencias. De aí, a importancia do seguimento e a profesionalización do sector vitivinícola. Neste aspecto, xogan un papel moi importante a formación profesional agraria e a investigación para minimizar os devanditos efectos negativos que fan que as plantacións, cada vez máis, duren menos tempo o seu potencial produtivo baixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información