Claves para reducir os riscos de accidente en aproveitamentos forestais en zonas perigosas

O Issga ten a disposición do sector forestal unha guía para previr riscos no traballo

forestal_cortaO Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), órgano técnico da Conselleria de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, vén marcando o sector primario, en particular a actividade forestal, como un sector de actuación prioritaria e preferente pola súa importancia económica e no tecido empresarial galego, tanto no eido do estudo e investigación de accidentes, no asesoramento técnico a empresas, na promoción da prevención de riscos laborais, na elaboración de documentación técnica así como da realización de diversas actividades formativas e informativas no sector.

Unha peza clave nesta actividade é a realización dos traballos de aproveitamento forestal, o que fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade das tarefas asociadas a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o persoal traballador. Esta labor de formación cobra aínda máis importancia cando se realizan aproveitamentos forestais en zonas perigosas.

Neste sentido, o ISSGA ten a disposición neste ámbito unha guía informativa, tanto en formato dixital como físico, dispoñible en galego e castelán.

Antes de realizar o aproveitamento forestal

Como punto de partida, antes de realizar o aproveitamento forestal, é fundamental situarse fóra das zonas de perigo e asegurarse de que non haxa persoas nas zonas perigosas xeradas por estes traballos, así como respectar as recomendacións de seguridade recollidas nos manuais de instrución dos equipos de traballo e atender ao recollido na avaliación de riscos.

Cómpre tamén lembrar, a importancia de planificar, coordinarse e seguir un procedemento de traballo axeitado.

Situacións de perigo nun aproveitamento forestal:

1) Corta manual das árbores polo pé:   

Como se observa na imaxe, o resto de persoal sempre debe situarse fóra do raio de caída da árbore.

ISSGA aproveitamentos forestais 1

2) Corta polo pé mecanizado de árbores (con procesadora ou taladora):

Igualmente, todas as persoas deben situarse fóra do raio de caída:

ISSGA aproveitamentos forestais 2

3) Derramado-tronzado con procesadora:

Tanto os equipos de carga da madeira como o persoal deben estar fóra da zona de perigo:

ISSGA aproveitamentos forestais 3

4) Saca de madeira:

Durante o traballo de saca de madeira, con autogardador ou tractor con remolque, persoas e resto de maquinaria deben estar tamén fóra do seu raio de traballo:

ISSGA aproveitamentos forestais 4

5) Carga de madeira sobre plataforma:

Neste traballo únense dúas zonas de perigo: a do equipo de carga da madeira e a do propio camión que a transportará. Por iso, o camioneiro debe manter contacto visual co operario do autocargador en todo momento pero situándose nunha zona segura para non ser golpeado pola grúa, ou pola carga.

ISSGA aproveitamentos forestais 5

6) Derrame, tronzado e empillado:

Nestas tarefas todas as persoas terán que atoparse fóra do raio de acción do compañeiro ou compañeira que estea realizando a tarefa.

ISSGA aproveitamentos forestais 6

7) Situacións especiais:

a) Fincas pequenas ou de configuración especial:

En predios nos que debido á súa pequena dimensión ou especial configuración non se vai poder realizar actividades simultáneas en condicións seguras:

→ Asegurarse de que haxa un só motoserrista cortando polo pé as árbores, permanecendo o resto de compañeiros en zona segura mentres se fai a corta polo pé.
→ Se a corta polo pé se fai con procesadora ou taladora, asegurarse tamén de que ningún compañeiro ou compañeira permaneza no raio de acción da máquina.

ISSGA aproveitamentos forestais 7

b) Operacións nas que se require o uso do cabrestante instalado na máquina:

En circunstancias nas se faga necesario o uso do cable (cortas dirixidas ou arrastre de árbores), débese ter en conta que se xeran 2 situacións de perigo:

A. Unha primeira situación de perigo, que se xera polo feito de achegarse á máquina para coller o cable.
→ É necesaria a coordinación e comunicación continua entre operarios e operarias.
→ A máquina debe estar parada e en posición segura.

B. Unha segunda situación de perigo que se xera derivada da propia tarefa de corta polo pé/ arrastre.
→ Corta polo pé dirixida:
• É precisa a coordinación e comunicación contínua entre operarios
• A máquina debe estar parada e en posición segura
• Os operarios que non participen na operación situaranse fóra da zona de perigo (zona de caída da árbore que se vai derrubar e zona de alcance no caso de rotura do cable).

ISSGA aproveitamentos forestais 8

→ Arrastre con cable.
• Débese manter unha coordinación e comunicación continua entre operarios e operarias.
• A máquina debe estar parada e en posición segura.
• Non se comezará o arrastre ata que todos os operarios estean fóra da zona de perigo.
• O operario da máquina debe ver a carga durante a traxectoria de arrastre.
Se existen puntos cegos, apoiarase noutro operario e coordinaranse cun sistema de comunicación inequivoco.
• Procurarase que as operacions de arrastre de toradas se realicen de abaixo para arriba (en contra da pendente natural do terreo).
• Non realizar outras tarefas augas abaixo da zona de arrastre.

ISSGA aproveitamentos forestais 9

Un documento froito do traballo do sector

A guía de planificacion dos traballos de aproveitamento forestal en zonas perigosas foi elaborada no seo do grupo de traballo técnico no sector forestal do Issga. Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.

Integran este grupo de traballo, ademais do persoal técnico do Issga, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo. A participación da parte empresarial funciona como canle de comunicación bidireccional e ao mesmo tempo propicia un efecto dominó, polo que as empresas de maior tamaño impulsan ás pequenas empresas e ao persoal autónomo na mellora e aplicación de ferramentas preventivas.

Formación

Entre as actividades de información e formación, un ano máis, o Issga está a organizar o desenvolvemento de cursos de prevención de riscos no uso da motoserra e a rozadoira en concellos das catro provincias galegas e que teñen como obxectivo aumentar a seguridade no uso destes equipos nas tarefas agroforestais xa que son dúas das ferramentas que se atopan entre os equipos de traballo que maior sinistralidade ocasionan nestas actividades.
Tamén realizaranse varias edicións do curso de gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal, dirixidos especificamente ao alumnado de formación profesional e que inclúen unha parte de gamificación aplicada ao ámbito da prevención de riscos laborais e á contorna forestal, utilizando para iso determinadas ferramentas e aplicacións das que xa dispón o Issga, por exemplo a aplicación Alertas ISSGA, e, deste xeito, influír no comportamento das persoas durante o manexo de ferramentas e equipos de traballo empregados neste sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información