Os aproveitamentos forestais en Galicia son unha importante fonte de riqueza e emprego. Sen embargo, hai unha problemática que preocupa a todo o sector como son os accidentes laborais.
Neste sentido, falamos con Gema Bértoa Veiga, Técnica Superior de Seguridade e saúde laboral do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), centro dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, para que nos explique as claves para reducir o risco de sinistralidade á hora de cortar madeira no monte.
-Cales son os datos de sinistralidade dos que dispodes no ISSGA e como foron evolucionando nos últimos anos?
Tendo en conta os datos dos que dispoñemos no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) no grupo 02-Silvicultura e explotación forestal dos últimos seis anos, observamos que ao longo deste período a poboación afiliada á Seguridade Social aumentou significativamente, pasando dos 3.410 afiliados no ano 2018 aos 5.375 aliados no ano 2024.
Respecto ao índice de incidencia (número total de accidentes con baixa acaecidos por cada 100.000 traballadores expostos aos riscos) cabe destacar que o valor do total de accidentes (leves, graves e mortais) ten unha tendencia á baixa.
Todos estes datos mostran que, ao mesmo tempo que aumentou o número de afiliados no CNAE 02, o índice de incidencia diminuíu.
-Cales son as principais causas, na túa opinión, da elevada sinistralidade no sector forestal?
Cómpre facer fincapé na importancia da planificación e da organización do traballo no monte, para evitar procedementos de traballo inadecuados principalmente durante o apeo das árbores empregando a motoserra ou non respectando as distancias de seguridade durante a realización das diferentes tarefas dos aproveitamentos forestais.
“O emprego da procesadora forestal reduce o risco de accidentes con respecto ao corte con motoserra”
-A corta manual polo pé das árbores incrementa o risco de sinistralidade se a comparamos cando esta se fai mecanizada, ou o que é o mesmo, a procesadora forestal reduce a sinistralidade laboral con respecto á corta con motoserra?
O emprego da procesadora forestal si reduce a sinistralidade laboral con respecto á corta con motoserra polo pé, pois elimínanse os riscos aos que está exposto o motoserrista durante a tarefa de corte polo pé das árbores, principalmente golpes por material vexetal (tronco da árbore, pólas das árbores,…) e cortes coa motoserra por rebotes, etc.
-Manter a distancias de seguridade tanto cando cortamos a árbores con motoserra como cunha procesadora é un dos puntos clave para reducir o risco de accidente. Que pautas debermos seguir?
É fundamental que en todo aproveitamento forestal se realice unha boa planificación e organización do traballo no monte antes de iniciar as diferentes tarefas de: corte polo pé, derramado, tronzado e saca da madeira no monte. Ademais, é imprescindible elaborar e dispoñer de procedementos de traballo nos que se indiquen claramente, entre outros aspectos, cales son as distancias de seguridade que se deben manter en cada unha das tarefas a desenvolver. Naquelas tarefas que se empregue maquinaria, como pode ser unha procesadora-taladora forestal, un autocargador, etc. terase en conta o que indica o manual de instrucións de uso de cada unha destas máquinas respecto ás distancias mínimas de seguridade que se deben manter para o desenvolvemento das tarefas.
-Como se determina a zona de perigo á hora de cortar unha árbore? -E cando estamos derramando, tronzando, sacando ou cargando?
Tal e como indiquei anteriormente, é fundamental elaborar e dispoñer de procedementos de traballo nos que se indiquen claramente, entre outros aspectos, cales son as distancias de seguridade a manter en cada unha das tarefas do aproveitamento forestal: corte polo pé, derramado, tronzado e saca.
Cando un motoserrista se dispón a cortar unha árbore polo pé, o primeiro que debe realizar é analizar a dirección de caída axeitada tendo en conta a caída natural da árbore, a dirección do vento, a pendente do terreo, a zona de reunión e as árbores próximas. Posteriormente, determinará cales son as zonas de perigo e buscará as dúas rutas de escape en diagonal e cara atrás e limparaas de vexetación e obstáculos.
Ademais, debe asegurarse de que non haxa persoas nas zonas de perigo ou alcance creadas polo seu traballo e afastarase das zonas de risco que poidan crear outros compañeiros de traballo.
Respecto ao derramado, tronzado e empillado manual, o traballo desenvolverase de xeito que os traballadores presentes na zona de traballo queden fóra do radio de acción do compañeiro ou compañeira que estea realizando a tarefa.
Cando as tarefas de corta polo pé, derramado, tronzado e empillado se realizan con maquinaria (procesadora-taladora forestal, autocargador, etc.) respectaranse como mínimo as recomendacións de seguridade (distancias de seguridade, etc.) contidas nos manuais de instrucións de uso dos equipos de traballo.
Durante a carga de madeira sobre plataforma, ademais de cumprir as distancias de seguridade que indica o manual de instrucións de uso da máquina, o condutor do camión manterá o contacto visual co operario do guindastre en todo momento.
– Nas operacións nas que é necesario o uso dun cabrestante enganchado a unha máquina para arrastrar unha árbore ou torada, ou dirixir a caída dunha árbore e a corta se fai polo pé, que pautas debemos seguir?
Cando é necesario empregar un cable (en apeos dirixidos ou para o arrastre de árbores ou toradas) pódense dar dúas situacións perigosas:
A. Cando nos acercamos á máquina a coller o cable: neste caso debe haber unha boa coordinación e comunicación continua entre os operarios, e a máquina debe estar parada e en posición asegurada.
B. Tarefa de apeo/arrastre: Na tarefa de apeo dirixido debe existir unha boa coordinación e comunicación continua entre os operarios, a máquina debe estar parada e cunha posición asegurada, e os traballadores que participen na operación situaranse fóra da zona de perigo (zona de caída da árbore a derrubar e zona de alcance do cable no caso de rotura). Respecto á tarefa de arrastre con cable, debe haber unha boa coordinación e comunicación continua entre os operarios, a máquina debe estar parada e en posición asegurada e non se comezará a tarefa de arrastre ata que os operarios estean fóra da zona de perigo. Os operarios da máquina deberán ver a carga durante a traxectoria de arrastre e, no caso de que existan puntos cegos, apoiaranse na visión doutra persoa cun sistema de comunicación inequívoco, procurando que o traballo de arrastre dos troncos se desenvolva dende abaixo cara arriba (en contra da pendente natural do terreo), e non se realizarán outras tarefas augas abaixo da zona de arrastre.
-O minifundio e a orografía en pendente incrementan o risco de sinistralidade no sector forestal?
O traballo en predios pequenos ou con configuracións especiais pode supoñer que se realicen tarefas simultáneas sen manter as distancias de seguridade, cos conseguintes riscos.
-O ISSGA vén desenvolvendo unha intensa campaña de formación en prevención de riscos laborais no sector forestal. Como está sendo a acollida?
A acollida desta formación segue a ser moi boa. De feito, unha vez rematadas as accións formativas, a práctica totalidade do alumnado participante valóraas moi positivamente, xa que se trata de cursos eminentemente prácticos e mesmo, á maioría, gustaríalle que contaran con maior carga horaria.
Nos cursos de formación en prevención de riscos laborais no sector forestal que impartimos ao longo do ano 2024 participaron un total de 156 persoas. Impartimos 6 edicións da actividade formativa “Prevención de riscos laborais no sector forestal, sobre o manexo seguro da motoserra e rozadoira_15 horas” nas Somozas, Curtis, Baralla, Alfoz, Xinzo de Limia e A Estrada; e 6 edicións da actividade formativa “Gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal-15 horas” en Arzúa, Becerreá, Castro de Rei, Xinzo de Limia, Ponteareas e Lourizán (Pontevedra).
A formación para o alumnado de formación profesional ten como obxectivo introducir na aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á aprendizaxe dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional, evitando a adquisición de malos hábitos profesionais.
Tamén desenvolvemos unha formación interna ao persoal técnico do ISSGA sobre “Análise de evidencias de riscos laborais nos aproveitamentos forestais” (1ª edición), ao que asistiron 23 técnicos, co fin de actualizar os seus coñecementos relacionados coas actividades que desenvolven ou con temas novos e de actualidade sobre prevención de riscos laborais (PRL).
E por último, impartimos tamén unha xornada técnica de presentación da campaña do ISSGA “Planificación dos traballos de aproveitamento forestal. Zonas perigosas” en abril do 2024 á que asistiron unhas 84 persoas.
Quero destacar que foi destinatario de toda esta formación o sector forestal co obxectivo de acadar melloras das súas condicións de traballo e integración das técnicas preventivas.
-Podes avanzarnos algo do plan de formación para o sector que tedes previsto para 2025?
Neste momento, no ISSGA estamos a traballar na elaboración do Plan de actuación para 2025 no que a formación é un dos eixes máis importantes e, polo tanto, trataremos de reforzala para o vindeiro ano programando actividades formativas que se adecúen tanto á perspectiva técnica como ás demandas e ás necesidades que se observan no tecido empresarial galego no eido da seguridade e saúde nos centros de traballo.
Potenciaremos a formación específica eminentemente práctica en PRL naquelas actividades ou sectores con especial incidencia na sinistralidade, e/ou na escasa estrutura preventiva, multiplicidade de riscos, tanto tradicionais como emerxentes, ou ben nos colectivos que precisen dunha especial tutela por parte do ISSGA para acadar melloras das súas condicións de traballo e integración das técnicas preventivas.
Esta formación diríxese principalmente a pemes, micropemes e persoal por conta propia. Especial relevancia adquirirán sectores con peso en Galicia como son actividades no sector forestal e na silvicultura, pesca e actividades afíns. Asemade, priorizaranse sectores altamente feminizados e sectores considerados pola normativa de PRL como de alto risco.