A rozadoira ou desbrozadora é unha máquina que nos últimos anos se popularizou en Galicia para realizar traballos de roza. Falamos con Gema Bértoa Veiga, Técnica Superior de Seguridade e saúde laboral do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) para que nos explique as claves para reducir o risco de accidente.
– Cales son os principais riscos que implica a rozadora á hora de ter un accidente?
O uso da rozadoira foi en aumento nos últimos anos debido á amplitude de campo para o seu emprego. A rozadoira substitúe nas labores de limpeza de masas vexetais ás ferramentas manuais tales como a fouce, aixada, machado,…Ademais, a rozadoira é unha máquina lixeira, fácil de transportar, e con unha gran variedade de accesorios cortantes segundo o tipo de traballo que se vaia realizar.
Os principias riscos durante o emprego da rozadoira son:
– Proxeccións de fragmentos e/ou partículas
– Golpes e cortes
– Exposición ao ruído
– Exposición ás vibracións
– Caídas ao mesmo nivel
-Sobreesforzos
– Queimaduras
– Explosións e incendios
– Factores biolóxicos
– Climatoloxía adversa
-Que erros máis comúns detectades no día a día e nos cursos de formación que impartides á hora de traballar con esta máquina?
Os erros máis comúns que atopamos no día a día son:
– Non empregar o elemento de corte adaptado tanto a máquina coma ao traballo que se vai realizar.
É moi importante elixir adecuadamente o elemento de corte segundo o tipo de traballo que se vai realizar, o tipo de vexetación a cortar, e tamén que sexa axeitado para o tipo de rozadoira que empregamos, pois unha elección incorrecta pode producir danos tanto na máquina coma no operario. Por iso, se deben empregar os elementos de corte recomendados polo fabricante.
Os elementos de corte máis comúns son o carrete de fío e os discos de metal (tres puntas, circular ou de triturar). Os carretes de fío empréganse para cortar a herba, mentres que os discos de metal empréganse para cortar matogueiras, pequenos troncos, etc.
– Non empregar a rozadoira con todos os seus compoñentes de seguridade.
Sempre que se empregue a rozadoira, esta débese utilizar con todos os compoñentes de seguridade colocados no seu lugar. Os compoñente de seguridade da rozadoira que os operarios soen retirar ou colocar de forma incorrecta con máis frecuencia son o protector do equipo de corte e o manto protector.
– Non empregar os equipos de protección individual (EPI).
A rozadoira é un equipo de traballo moi útil para eliminación de malas herbas, arbustos e todo tipo de malezas, pero tamén é un equipo perigoso si non se utiliza coas precaucións axeitas.
Polo tanto, é importante que antes de iniciar os traballos coa rozadoira os operarios se equipen con todos os EPI necesarios. Estes están indicados no manual de instrucións de uso da rozadoira e na avaliación de riscos do posto de traballo (si existe).
– Non manter as distancias de seguridade con outros operarios ou persoas alleas ao traballo que se está realizando.
É fundamental que o operario da rozadoira manteña as distancias de seguridade, que indica o manual de instrucións de uso da máquina, tanto con outros operarios presentes na zona de traballo como con outras persoas alleas á tarefa, para evitar datos debidos principalmente ás proxeccións de fragmentos e partículas.
– Non manter a rozadoira e os elementos de corte en bo estado.
O mantemento da máquina é fundamental para que funcione correctamente durante toda a súa vida útil. O mantemento periódico da máquina débese realizar segundo establece o fabricante.
Por outro lado, ademais de elixir o elemento de corte adecuado, é fundamental que este estea en bo estado antes de empregalo. Si este elemento de corte está desgastado ou en mal estado, débese desbotar e utilizar un novo, para evitar lesións do operario ou danos na propia máquina. O operario tamén se asegurará que as coitelas estean ben afiadas, para que o corte sexa correcto.
– Non empregar a rozadoira coa postura adecuada.
Empregar a rozadoira cunha postura incorrecta, non só aumenta o risco de lesións por sobreesforzos, senón tamén que repercute na eficacia do corte.
Por iso, é moi importante que antes de iniciar os traballos o operario axuste adecuadamente a altura e que o arnés estea correctamente axustado. Ademais, durante a realización das tarefas debe manterse unha postura ergueita e estable.
– Un punto de partida clave é dispoñer e sobre todo empregar EPI. Por qué é importante usalos? O emprego da pantalla facial parece xeneralizado, pero non os outros elementos. Falta labor de concienciación?
Tal e como comentei anteriormente, a rozadoira é un equipo moi útil pero tamén é un equipo perigoso si non se utiliza coas precaucións axeitas.
Aínda que os fabricantes foron incorporando nestas máquinas compoñentes de seguridade, é imprescindible que o operario da rozadoira empregue os EPI necesarios que lle ofrezan protección da cabeza, protección ocular, protección auditiva, protección facial, protección de mans de brazos, e protección de pés e pernas. Terase en conta os EPI que indica o manual de instrucións de uso do fabricante e os indicados na avaliación de riscos (si existe).
Cabe destacar tamén, que os EPI non son infalibles!!!. Ningunha roupa ou accesorio de seguridade ofrece a protección absoluta contra as lexións e tampouco substitúe unha técnica de traballo segura. Polo tanto, é imprescindible observar minuciosamente os consellos de seguridade que veñen indicados tanto no manual da rozadoira como nas instrucións de uso dos EPI.
Falta concienciación no uso dos EPI principalmente naqueles operarios non profesionais que empregan a rozadoira para realizar labores de roza nas súas propiedades: casa, leiras, montes…, pois non son conscientes dos riscos aos que están expostos cando empregan este equipo de traballo.
– Á hora de arrancar a rozadoira tamén debemos seguir un protocolo para reducir o risco de accidentes, tanto para quen a usa como para persoas que estean preto. Como debemos facelo?
O acendido da rozadoira sempre se débese realizar segundo estea indicado no manual de instrucións de uso do fabricante.
Unhas premisas moi importante son: equiparse cos EPI antes de colocar e acender á máquina, manter as distancias de seguridade con outros operarios ou persoas alleas á tarefa, e antes de arrancar o motor asegurarse de que o accesorio de corte non está en contacto co chan ou outros obxectos.
– Normalmente as rozadoiras veñen equipadas con tres tipos de ferramentas de corte: coitelas, disco e fío. Para que debemos empregar cada un e que pautas debemos seguir para reducir o risco de cortes?
Débese seleccionar os elementos de corte e de traballo en función da vexetación que se vaia cortar e tendo sempre en conta o que indica o manual de instrucións de uso do fabricante.
– Con coitelas de cortar a herba, débese manexar a máquina como unha gadaña.
– Con coitelas trituradoras e de maleza atacar a vexetación de arriba cara abaixo sen levantar o elemento de corte por riba da cintura.
– Con coitelas de dentes de serra traballar no sector A do disco evitando sempre o C, debido ao risco de rebote.
– Para facilitar o traballo a veces retíraselle a protección ás rozadoiras. Por qué non o deberíamos facer?
Primeiro, porque o manual de instrucións de uso do fabricante prohibe o uso da rozadoira sin os elementos de protección, e segundo porque o operario da máquina está máis exposto ao riscos os cales protexe ditos elementos, como por exemplo proxeccións de fragmentos e partículas cando se retira o protector do elemento de corte.
– E á hora de transportala nun remolque ou nunha furgoneta, como se debe realizar para evitar verquidos e outros danos?
Durante o seu transporte a rozadoira estará apagada, e realizarase fóra do habitáculo do vehículo, ben suxeita e co depósito de gasolina baleiro. O disco de corte estará desmontado e coa súa protección.
– Algo máis que queiras engadir?
A hora de realizar un traballo coa rozadoira é importante elixir ben o tipo de máquina, para adecuar ben a máquina ao traballo que se vai realizar e este resulte correcto, seguro e cómodo. Terase en conta:
– A tarefa que se vai realizar
– Uso: moi frecuente, pouco frecuente
– Lugar de traballo: condicións do terreo, accesibilidade, superficie a rozar, etc.
– Técnica de traballo: sega, recorte de bordes, etc; características das especies que se vaia rozar, etc.
Atendendo a estes criterios, elixirase un tipo de rozadoria ou outra:
– Se os traballos que se van realizar teñen lugar nun terreo cha pódese empregar unha rozadoira de man, pola contra si o terreo é inclinado é mellor empregar unha rozadoira de mochila.
– Empregar unha rozadoira moi potente para un traballo sinxelo será moi pesada e pouco manexable, aparte de ser máis ruidosa, consumirá máis gasolina e aceite, etc. Pola contra, para un traballo máis complicado si se emprega unha máquina sinxela forzarase máis a máquina e é probable que se acabe danando o equipo e maior riscos de sobreesforzo no operario.
– Para cortar herba recoméndase usar o fío, mentres que para limpar monte baixo e árbores de pouco porte recoméndase usa o coitela de disco.
Todo operario dunha rozadoira debe estar ben informado e formado para o uso seguro deste equipo de traballo.