Claves para reducir o risco de accidente coa fendedora de leña

Created with GIMP

O verán é a época de picar e secar a leña para o inverno e nas últimas décadas estendeuse o uso de aparellos mecánicos para facilitar o traballo, como a fendedora acoplada ao tractor para o corte e o rachado da leña. Este avance supuxo un importante aforro de tempo e traballo pero o seu uso tamén implica riscos de accidente.

Neste sentido, falamos con Gema Bértoa Veiga, Técnica Superior de Seguridade e saúde laboral do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), centro dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, para que nos explique as claves para reducir o risco de accidente coa fendedora de leña acoplada á toma de forza do tractor.

– Unha das máquinas que se popularizou nos últimos anos no rural galego foi a fendedora de leña, que en moitos casos veu a substituír ao fuso. Calquera persoa que dispoña dun tractor pode empregar a máquina fendedora de leña?
O uso desta máquina está reservado ao persoal cualificado, consciente dos perigos e adestrado na operación.

Antes de usar a máquina, todos os dispositivos, controis e funcións deben ser ben coñecidos polo operador, polo que debe ler e estar familiarizado co manual de instrucións de uso do fabricante.

-Antes de comezar o traballo coa fendedora de leña, que medidas deberiamos observar para reducir os riscos?
Como operacións previas deberiamos, por esta orde, planificar o traballo que imos facer; revisar a máquina antes de inicialo, e verificar o funcionamento dos equipos e elementos de seguridade.

Lembrar tamén que antes de usar a máquina, todos os dispositivos, controis e funcións deben ser ben coñecidos polo operador.

En canto á situación da fendedora, debemos empregar a máquina nun terreo compacto e plano, libre de obstáculos, e asegurarnos de que estea perfectamente quieta e estable. Tamén hai que recordar que non se deben empregar pezas de roupa que poidan quedar atrapadas na máquina (mangas soltas, cintos, etc.).

Por último, subliñar que o manual de instrucións de uso da máquina debe estar sempre a disposición do operario para a súa consulta.

– E á hora de realizar o corte e rachado da leña, que recomendacións deberiamos seguir para evitar accidentes?
Todo operador da máquina, á hora de proceder a realizar o corte e rachado da leña, ten que coñecer previamente o que indica o manual de instrucións de uso da máquina que vai utilizar.

Como recomendacións xerais destacaría, en primeiro lugar, que se debe posicionar o tractor en superficie horizontal e co freo de estacionamento. Igualmente, e como xa dixen, a fendedora debe situarse sobre unha superficie horizontal, de xeito que quede apoiada, sen que exista risco de envorcadura.

En canto ao operador, debe colocarse nunha zona lisa e sen obstáculos. Destacar tamén que non deben manipular a máquina dúas persoas ao mesmo tempo e que é preciso manter a distancia de seguridade con outras persoas.

No caso de que dispoñamos de rampla cargadora para a elevación dos troncos, tamén debemos manter a distancia de seguridade co raio de acción da mesma.

Con estas consideracións, unha vez colocado o tronco na posición correcta, hai que retirarse da área de proxección do cilindro e colocarse en liña co mando de accionamento. Comezaremos a traballar accionando o mando coas dúas mans e non manipulando o tronco ata que chegue o cilindro ao final da carreira. Hai que precisar que debemos traballar co diámetro do tronco indicado polo fabricante. Tamén debemos lembrar que non se deben superar en ningún caso as revolucións de traballo da máquina indicadas polo fabricante.

– En caso de que teñamos que inspeccionar a rachadora durante o traballo, como deberiamos facelo para realizalo con seguridade?
Nesta situación, para inspeccionar a fendedora con seguridade debemos, en primeiro lugar, poñer o motor ao ralentí, desembragar a árbore da toma de alimentación da máquina e bloquear o tripuntal na posición requirida.

A continuación apagaremos o tractor, poremos o freo de man aplicado e apagaremos a chave de arranque, retirándoa tamén do panel de control.

“Os erros máis comúns á hora de traballar coa fendedora son o emprego da máquina por dúas persoas e as tomas de forza sen protección”

Por último, e antes de proceder á revisión, debemos asegurarnos de que non existe ningún elemento nin persoa que poida modificar as condicións anteriores (manipulación do tractor, mandos, freos, arranque etc.).

– Que erros máis comúns detectades no ISSGA á hora de empregar esta máquina?
Os erros máis comúns que nos atopamos no emprego desta máquina son, por unha parte, a ausencia das proteccións no eixe da toma de forza de transmisión ou que estas proteccións están en malas condicións. E por outro lado, outro erro bastante habitual é o emprego da máquina por dous operarios, un operario no mando de accionamento e outro operario que coloca e/ou suxeita o tronco na área de proxección do cilindro.

– E durante o transporte da mesma, como se debería realizar para minorar o risco de accidentes?
Para realizar o transporte da fendedora debemos, en primeiro lugar, comprobar que a carga do eixe dianteiro do tractor nunca sexa inferior ao 20% do seu peso.

A continuación, debemos colocar, antes de acceder á vía pública, a máquina en posición de transporte e situar a rampla elevadora de troncos (se se dispón) nunha posición máis elevada.

Xa na vía pública, é preciso circular a velocidade axeitada e respectando as normas de circulación.
Por último, lembrar que o transporte da máquina realizarase sempre tendo en conta o que indica o manual de instrucións de uso do fabricante.

– É necesario empregar equipos de protección individual para traballar con esta máquina?
Si, é necesario empregar EPI cando se traballa con esta máquina. Teranse en conta os EPI que indica o manual de instrucións de uso do fabricante e os indicados na avaliación de riscos da empresa (se existe).
Entre outros, sería necesario utilizar: protección de mans, protección de pés e protección ocular.

– Algo máis que queiras engadir?
A declaración CE de conformidade, xunto co marcado CE, constitúen unha garantía da conformidade intrínseca dunha máquina. Son os signos externos do procedemento de certificación da conformidade cos requisitos esenciais. Polo tanto, todas as máquinas deben ir acompañadas co marcado CE e unha declaración CE de conformidade ou da declaración de incorporación no caso de cuasi máquinas que o fabricante, ou o seu representante, deben elaborar.

Aconsello comprar unha fendedora que teña declaración CE de conformidade, xunto co marcado CE

Actualmente as máquina son fabricadas con dispositivos de seguridade para mellorar a seguridade do operador. Algúns destes dispositivos de seguridade que se atopan nas fendedoras de leña son os controis de cuña de división, controis de “dúas mans” onde o operador debe actuar sobre ambas pancas ao mesmo tempo para deixar que a cuña se mova. Polo tanto, as súas mans sempre están nunha área segura mentres corta.

Os controis a dúas mans son dispositivos de acción mantidos, é dicir, que o proceso de corte se detén se se libera calquera dos controis e a cuña de corte non volverá á súa posición orixinal se se baixou calquera dos controis manuais. Ademais, será imposible activar o proceso de corte accidentalmente e ao mesmo tempo actuar sobre os controis manuais cunha man, cun só brazo ou con outras partes do corpo. Ao soltar ambas pancas, a cuña volverá á súa posición orixinal.

Ademais, outro elemento de seguridade é o dispositivo para soster o tronco durante a fase anterior ao corte (puntal-para que o tronco se divida sen necesidade de sostelo coas mans).

Por último, destacaría tamén que é fundamental que todo operario dunha fendedora de leña estea ben informado e formado para o uso seguro deste equipo de traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información