Claves para reducir a dependencia dos antibióticos no tratamento da mamite

O establecemento de medidas preventivas como a mellora do confort e benestar do gando, a calidade dos ensilados, o seguemento de rutinas de muxido axeitadas ou a realización de probas diagnósticas son algúns dos aspectos a incidir nas explotacións

La veterinaria Marga Penelas, durante su intervención en las Jornadas Técnicas de Seragro, que este año se desarrollan de forma online

A veterinaria Marga Penelas, durante a súa intervención nas xornadas técnicas online de Seragro

O tratamento da mamite conleva un uso moi importante de antibióticos nas explotacións lácteas, supoñendo en moitos casos máis do 50% do consumo de fármacos das granxas. Pero “os antibióticos non deben ser entendidos como unha ferramenta imprescindible para tratar esta patoloxía, aínda que en ocasións si necesaria”, asegura Margarita Penelas López, veterinaria do servizo de Calidade do Leite de Seragro.

Na súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, cunha ponencia titulada Tratamento da mamite, moito máis ca antibióticos, detallou unha serie de aspectos clave nos que incidir nas explotacións para lograr reducir a súa alta dependencia dos antibióticos no tratamento das enfermidades da ubre. “É obvio que o mellor para non ter que tratar con antibióticos é evitar que se estableza a enfermidade no animal e, en caso de ser imprescindible usalos, maximizar sempre as posibilidades de éxito”, defende a veterinaria.

Os antibióticos non deben ser entendidos como unha ferramenta imprescindible para tratar a mamite

Seguen sendo prácticas habituais nas explotacións a utilización de antibióticos en patoloxías que non as requiren, primando moitas veces o tratamento inmediato e obviando a realización de probas diagnósticas que permitan afinar o uso de medicamentos.

Ás veces óptase por aplicar tratamentos inefectivos antes que polo descarte do animal

Noutros casos aplícanse tratamentos inefectivos no canto de optar polo descarte do animal, polo que a técnica de Seragro defende a utilidade da análise estatística á hora de tomar determinadas decisións en relación ao tratamento con antibiótico ou ao descarte, por exemplo, clasificando ás vacas en función do seu reconto de células somáticas individual ou do seu número de lactación.

Probas diagnósticas

Marga Penelas mamitis10

Ademais do reconto celular individual de cada animal, a día de hoxe existen outras ferramentas diagnósticas como o reconto celular diferenciado (porcentaxe de neutrófilos e linfocitos sobre o total de células somáticas), que permite saber en que fase está a infección ou coñecer a evolución da enfermidade ou a súa cronicidade.

O reconto celular diferenciado permítenos sospeitar da enfermidade en vacas a priori sas

“Este tipo de datos a nivel de rabaño, obtidos a través da recompilación realizada por Control Leiteiro, son moi útiles para poder anticiparnos e predicir a aparición da enfermidade antes de que o animal mostre signos dela”, asegura.

As análises PCR en laboratorio son probas eficaces pero caras

Marga Penelas mamitis12

Ante a aparición dun caso de mamite, Marga Penelas defende a utilidade dos antibiogramas, xa que considera “de vital importancia” realizar a identificación do xerme causante do problema e coñecer o panel de antibióticos para os que este é sensible ou resistente “para non tratar a cegas e utilizar a terapia antibiótica máis adecuada en cada caso, evitando a reaparición da enfermidade (recidivas) e mellorando amplamente os índices de curación do rabaño”.

Os test de cultivo son aptos para ser realizados por persoal non facultativo e non eximen da utilización doutro tipo de probas diagnósticas

Marga Penelas mamitis11

Ademais dos antibiogramas, que permiten lograr un maior éxito no primeiro tratamento e unha redución de custo no uso de antibióticos, pódense realizar tamén test de cultivo nas explotacións, que ofrecen resultados rápidos (en aproximadamente 12 horas) e permiten tamén tomar decisións rápidas, sobre todo en casos graves, antes da chegada de resultados do antibiograma.

Medidas de prevención

“Medidas de prevención e conceptos como limpeza, adecuado mantemento dos equipos de muxido, predipping, selaxe, hixiene de camas e tratamento de vacas enfermas interiorizáronse rapidamente entre os gandeiros, permitindo alcanzar nos últimos anos uns estándares de calidade do leite impensables non fai moito, cunha redución moi notable das mamites clínicas e un descenso nos recontos de células somáticas”, lembra.

Non podemos abordar a mamite con éxito se non entendemos que a vaca funciona como un conxunto de sistemas interconectados e que o establo e o manexo son os que proporcionan equilibrio á vaca

“Non podemos abordar a mamite con éxito se non entendemos que a vaca funciona como un conxunto de sistemas interconectados, e que a vaca, como ser vivo, está interconectada tamén co medio, é dicir, a nosa vaca sería coma unha orquestra na que todos os instrumentos deben estar afinados e tocar ao unísono para que soe a melodía pero será necesario ademais contar cun auditorio cunha boa sonoridade, no noso caso, un establo cómodo e confortable, así como un bo director de orquestra, que sería o gandeiro”, compara.

O establecemento da enfermidade non vai depender soamente de que xermes ou que carga destes haxa no medio

O establecemento da enfermidade non vai depender soamente de que xermes ou que carga destes haxa no medio, xa que o sistema inmunitario da vaca non funciona igual durante toda a lactación; debemos incrementar a habilidade natural da vaca para resistir ás infeccións.

Marga Penelas mamitis13Para iso, ademais de medidas preventivas en materia de manexo, alimentación e muxido, existen vacinas contra determinados xermes patógenos causantes de mamite. “Están incluídas no Plan Nacional para a Redución do Uso de Antibióticos e demostraron grande eficacia ante a formación de biofilm”, asegura Marga.

Marga Penelas mamitis14

Outras ferramentas preventivas para a mellora da inmunidade do rabaño teñen tamén efectos positivos para evitar a aparición de mamites, como o uso de inmunomoduladores, as vacinas contra enfermidades respiratorias e clostridium ou a administración de citoquinas en preparto.

Barreiras anatómicas e defensas invisibles

Marga Penelas mamitis2

As estratexias orientadas a mellorar o sistema inmune da glándula mamaria durante os períodos de inmunodepresión teñen un gran impacto na capacidade da vaca para resistir á infección. A ubre conta con defensas anatómicas, como é o caso do esfínter do teto, que como músculo pecha o paso aos microorganismos externos; a queratina que impregna a canle do teto, que contén ácidos graxos e proteínas que atraen electrostaticamente ás bacterias; ou a pel, que é unha barreira física que é necesario que teña un contido acuoso.

A queratina que hai no teto contén ácidos graxos e proteínas que atraen electrostáticamente ás bacterias, por iso é tan importante tirar os primeiros chorros

A maiores, no ubre hai unha serie de “defensas invisibles”, mecanismos inmunolóxicos como os neutrófilos e os macrófagos, que fagocitan xermes; ou os linfocitos, que fabrican anticorpos. Son fundamentais tamén as citoquinas, involucradas na resposta inflamatoria.

Marga Penelas mamitis3

“Pero estas defensas non sempre funcionan igual”, explica Marga. No periparto, por exemplo, a actividade de neutrófilos e macrófagos vese reducida, especialmente fronte a xermes como as queriquia coli. Durante a mamite, ademais, o pH da glándula mamaria cae, así como os niveis de glucosa e osíxeno, reducíndose a actividade defensiva destas células.

Rutinas de muxido

O teto constitúe a primeira liña de defensa da vaca contra os xermes patógenos, por iso as rutinas de muxido son importantes para manter a integridade do teto e unha correcta estrutura do ubre. “Observamos no campo un claro descoñecemento da fisionomía da vaca e das labores do muxido, unha tarefa abandonada polo avance tecnolóxico e pola introdución cada vez máis frecuente nas explotacións dunha man de obra eventual e ás veces pouco profesionalizada para a realización destas tarefas”, alerta Marga.

Prímase case sempre máis a limpeza e desinfección do ubre ca estimulación, polo que non se conseguen fluxos elevados de leite ao comezo do muxido, algo que reduciría claramente os casos de mamite

“Prímase a rapidez de muxido fronte á calidade do mesmo e case sempre se valora máis a limpeza e desinfección do ubre ca estimulación, polo que non se conseguen fluxos elevados de leite ao comezo do muxido, o que serviría para reducir claramente os casos de mamite”, advirte a veterinaria de Seragro.

Marga Penelas mamitis6

A nivel de instalacións, o aumento no número de cabezas na maioría de explotacións non comportou, en moitos casos, a modernización dos sistemas de muxido, atopándonos con salas de espera e salas de muxido pequenas para o número de animais a muxir, ou ampliacións nos puntos de muxido sen ampliar os condutos de transporte posterior do leite ao tanque, ou mesmo sistemas de muxido robotizado estándar que non se adaptan a as características dos establos nos que están, exemplifica.

En muxido robotizado, fluxos de leite por baixo de 2 kg/minuto en máis do 50% do rabaño é un síntoma de risco de mamite

Por iso, asegura, “a observación, a toma de datos e a medición de parámetros, é dicir, a asistencia ao muxido por parte dos técnicos veterinarios, é imprescindible para anticiparnos á aparición da enfermidade”.

Saúde global do rabaño e enfermidades concomitantes

Marga Penelas mamitis4

“É de vital importancia á hora de predicir a incidencia de mamite nun rabaño, coñecer o estado de saúde xeral e a incidencia de enfermidades infecciosas concomitantes (de tipo respiratorio, clostridiosis, etc), isto é, se hai algún proceso patolóxico, xa sexa infeccioso ou metabólico, que comprometa o sistema inmunolóxico do animal e que fará ineficiente a resposta ao tratamento antibiótico”, argumenta Marga.

Brotes de pneumonía, acedose ruminal ou disentería de inverno agravarán cadros posteriores de mamites ou provocarán a súa aparición

A cetoses e a aparición de mamite están intimamente relacionadas, xa que en niveis elevados de BHB (un dos compoñentes que se producen na fabricación de glucosa a partir das graxas de mobilización) os neutrófilos perden actividade fagocítica de xermes no ubre, especialmente en presenza de E. coli. Por iso, estímase que a cetose clínica durante o postparto duplica o risco de padecer mamite na lactación.

Marga Penelas mamitis7

As vacas que sofren hipocalcemia clínica ou subclínica tralo parto son tamén moito máis propensas a ter mamite, xa que as células de defensa do ubre son ineficaces ante niveis moi baixos de calcio plasmático.

A aparición de cetose clínica durante o postparto duplica o risco de padecer mamite na lactación

Dentro da saúde xeral do rabaño e a súa incidencia coa mamite haberá que ter en conta tamén a eficiencia reprodutiva da explotación, xa que os días en leite elevados correlaciónanse con alteracións na estrutura do ubre e, polo tanto, coa perda de capacidade de resposta aos antibióticos.

Confort e estrés por calor

Marga Penelas mamitis5

O manexo do rabaño e a súa confortabilidade tamén teñen incidencia directa na aparición de mamite. En situacións de estrés por calor, por exemplo, a vaca tenta disipala enviando maior cantidade de sangue cara ás súas extremidades e producíndose desta forma un menor fluxo sanguíneo cara o ubre, diminuíndo, por tanto, a quimiotaxis (a capacidade da vaca de enviar células de defensa cara o ubre a través do sangue para axudar ás células de defensa residentes), de maneira que diante dun eventual risco de mamite a capacidade de resposta inmunitaria do animal será menor.

O estrés térmico ten incidencia directa na aparición de mamite e no agravamento da enfermidade

A tensión por calor provoca ademais unha elevada cantidade de cortisol en soro e unha perda de bicarbonato a través da salivación debido ao xadeo, entrando en risco inminente de acedose, que ten unha incidencia directa na aparición de mamite clínica. O menor consumo de alimentos e a menor rumia debido á tensión térmica ten tamén unha consecuencia directa na aparición e agravamento das mamite.

Alimentación e calidade das ensilaxes

Marga Penelas mamitis8

Outro dos puntos críticos é a alimentación: calidade das ensilaxes, manexo da fronte, uniformidade da mestura unifeed, arimado de comida, quecemento da ración. etc. “Existe un descoñecemento moi grande entre os gandeiros sobre o impacto da calidade microbiolóxica da alimentación e as ensilaxes na mamite e a calidade do leite”, asegura a técnica de Seragro.

Existe un descoñecemento moi grande entre os gandeiros sobre o impacto da calidade microbiológica da alimentación e as ensilaxes na mamite e a calidade do leite

Por iso, afirma Marga Penelas, as análises fermentativas achegarannos información moi útil da presenza de ácido butírico nas ensilaxes de herba, de cuxa presenza elevada podemos deducir a presenza de aminas bióxenas, que son tóxicas e están directamente implicadas na aparición de distintas patoloxías no rabaño, entre elas a mamite e que tamén achegan sabores e cheiros desagradables á ensilaxe diminuíndo o seu consumo.

Marga Penelas mamitis9

Estabilidade nas tarefas

A organización do traballo na gandería e as dificultades para estabilizar ao persoal contratado tamén teñen incidencia nunha maior ou menor prevalencia de mamite. Máis aló do nivel de especialización do persoal nas tarefas de muxido, a variación de hábitos ou rutinas por cambios a nivel de man de obra (xa sexa pola marcha de traballadores ou por rotacións, descansos, etc) teñen normalmente unha correlación directa coa aparición de casos de mamite.

Ás veces en épocas de sementeira e maior carga de traballo na explotación temos picos de enfermidade por desatención

“Ás veces en épocas de sementeira e maior carga de traballo na explotación temos picos de enfermidade por desatención de protocolos de muxido, menor vixiancia do gando ou seguimento deficiente dos tratamentos”, recoñece a veterinaria de Seragro.

“Os antibióticos de secado teñen os días contados”

secado antibioticos mamite

O próximo mes de xaneiro entra en vigor a nova normativa sobre uso de antibióticos que permitirá a súa utilización con carácter moito máis restritivo. Iso obrigará ás explotacións lácteas a variar determinadas prácticas hoxe habituais en moitas delas, como o tratamento xeneralizado con antibióticos no secado.

Neste escenario, a prevención gañará importancia, así como o coñecemento individualizado do nivel sanitario dos animais mediante un seguimento moito máis pormenorizado do seu historial clínico e a súa folla de tratamentos para a toma de decisións chave en relación ao risco de aparición da enfermidade, medicamentos a utilizar ou descarte.

Pódese aplicar un secado selectivo sen antibióticos en vacas de alta produción, ese non é un factor condicionante

A informatización dos datos analíticos cruzados de alimentación e saúde podal e reprodutiva da explotación permitirá ademais establecer puntos de corte para unha terapia selectiva de secado onde o uso de antibióticos sexa mínimo. “Os antibióticos de secado teñen os días contados e aquí é onde entra en xogo a terapia selectiva de secado”, asegura Marga Penelas.

A este respecto, asegura que non existen condicionantes a nivel de produción da vaca para poder aplicar un secado selectivo sen antibióticos, que consiste na redución de alimentación para provocar unha baixada de produción de leite do animal, a aplicación dun selador intramamario e extremar as condicións de hixiene.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información